O legado de Petro como caldo de cultivo
Para comprender o que sucedeu o domingo é necesario retroceder ata o 7 de agosto de 2022, cando Gustavo Petro tomou posesión como o primeiro presidente de esquerdas na historia moderna de Colombia. Petro prometía reformas estruturais na saúde, as pensións, o traballo e o campo, ademais dunha ambiciosa estratexia de negociación con grupos armados que bautizou como Paz Total.
Os primeiros meses de goberno foron os máis produtivos. Petro chegou ao poder cunha coalición ampla que incluía sectores de diversas correntes políticas e, aproveitando esa marxe, sacou adiante unha reforma tributaria que se convertiría no maior logro lexislativo do seu mandato (El Espectador, 2026). Porén, esa capacidade de negociación foi deteriorándose ao longo da lexislatura e o presidente foise illando do Congreso.
A reforma da saúde foi rexeitada polo Congreso en dúas ocasións e permanecía nun estado de indefinición que os analistas cualificaban de “zombi”. Ante ese bloqueo, o goberno recorreu á vía administrativa para liquidar as EPS en quebra, unha medida cuxa viabilidade xurídica era discutida e que afectaría potencialmente a máis de 32 millóns de afiliados. A reforma das pensións correu unha mellor sorte no Lexislativo, pero seguía pendente de revisión ante a Corte Constitucional cando arrincou a campaña electoral. A reforma laboral aprobouse parcialmente, restablecendo os recargos nocturnos e incrementando os pagos por traballo en domingos e festivos.
No plano social, o goberno reclamaba cifras que os seus defensores consideraban históricas. Segundo datos da Presidencia e do DANE, 2,1 millóns de persoas saíron da pobreza entre 2022 e 2025 (Presidencia da República de Colombia e DANE, 2025) e a taxa de desemprego pechou 2025 no 8,9 %, o nivel máis baixo do país desde 2001 (DANE, 2026). O orzamento de saúde creceu un 51,4 % durante a lexislatura e o programa Colombia Mayor ampliou a cobertura de 1,7 a case 2,8 millóns de beneficiarios (Presidencia da República de Colombia, 2026).
Agora ben, as cifras de empregabilidade agachaban unha debilidade estrutural que os críticos non deixaron de sinalar: nos últimos doce meses sete de cada dez novos ocupados eran autónomos que non formaban parte de ningunha empresa (BBVA Research, 2026). No plano da seguridade, a estratexia de Paz Total, que aspiraba a negociar simultaneamente con múltiples grupos armados, produciu resultados moi limitados e, para un sector amplo da opinión pública, contribuíu ao deterioro da seguridade da poboación.
O episodio máis dramático chegou en xuño de 2025, cando o senador e precandidato presidencial Miguel Uribe Turbay foi baleado durante un acto de precampaña en Bogotá. A Fiscalía atribuíu o magnicidio á Segunda Marquetalia, unha disidencia das antigas FARC, precisamente un dos grupos cos que o goberno mantiña conversas de paz (Fiscalía General de la Nación, 2026). Con todo isto, a consulta popular de 2025, impulsada polo propio goberno, engadiu unha capa adicional de polarización ao ambiente político e alimentou o debate sobre os límites do proxecto petrista que se arrastraría ata a campaña presidencial.
A campaña: dúas propostas enfrontadas
Este balance da lexislatura petrista foi o caldo de cultivo da campaña electoral que se viviu no país. Catorce candidaturas concorreron ao tarjetón, pero a contenda real articulouse en torno a dúas propostas que acabaron concentrando case o 85% dos votos: a de Iván Cepeda, candidato do oficialismo a través da coalición do Pacto Histórico, e a de Abelardo de la Espriella, un outsider que irrompeu na política dende o movemento Defensores da Patria.
Iván Cepeda era o candidato natural do petrismo tras gañar a consulta interna do Pacto Histórico en outubro de 2025. O seu programa organizábase en torno a catro eixes que denominaba “revolucións democráticas”. A revolución ética propoñía eliminar o Consello Nacional Electoral e reducir o salario presidencial. A revolución social e económica apostaba por converter a Colombia nunha potencia agroalimentaria mediante a entrega dun millón de hectáreas de terra e a ampliación das transferencias a pensionistas. En materia fiscal, defendía a profundización da progresividade tributaria gravando as grandes fortunas. A revolución política incluía a creación dun Banco do Pobo para eliminar a intermediación burocrática e a continuidade dos diálogos de paz, aínda que coa condición de que cesasen os asasinatos de líderes políticos. Cepeda propoñía, en definitiva, levar moito máis lonxe as políticas de Petro, o que implicaba un custo fiscal enorme en medio dunhas finanzas públicas xa tensionadas.
Unha decisión táctica marcou a campaña de Cepeda ao optar por non asistir a ningún debate televisado e conceder moi poucas entrevistas a medios de comunicación. En vez diso, Cepeda preferiu percorrer os 32 departamentos con discursos de praza pública estruturados previamente, priorizando o contacto directo coas comunidades rurais e periféricas onde o Pacto Histórico tiña a súa base electoral máis sólida.
De la Espriella, pola contra, articulou toda a súa campaña nun ton abertamente antipetrista. Avogado de profesión e candidato outsider sen ningunha relación coa política ata ese momento, o seu programa centraba o discurso na seguridade e na redución do Estado. En materia de orde pública, propoñía unha ofensiva militar para recuperar o control territorial en noventa días, con uso intensivo de drons e intelixencia artificial, e engadía a retoma da fumigación con glifosato e a construción de sete cárceres de máxima seguridade. Propoñía ademais romper os diálogos con todos os grupos armados que non cumprisen os acordos, o que na práctica equivalía a liquidar a estratexia de Paz Total de Gustavo Petro. En economía, aspiraba a un crecemento anual do 7 % a través de rebaixas tributarias para empresas e eliminación de trámites para atraer investimento estranxeiro.
O perfil de De la Espriella gardaba semellanzas evidentes co dos líderes antiestablishment de dereita que gañaron forza en América Latina nos últimos anos. Como Javier Milei en Arxentina, era un candidato sen experiencia política previa que irrompía dende fóra do sistema partidario tradicional cunha retórica de confrontación. Como Nayib Bukele en El Salvador, facía da man dura en seguridade o eixo central da súa proposta.
Con todo o exposto anteriormente, o pasado profesional como avogado era a principal vulnerabilidade do candidato debido a que un dos seus clientes foi Álex Saab, o presunto testaferro do chavismo venezolano, que fora extraditado a Estados Unidos (El Espectador, 2021; Infobae, 2026c; Vanguardia, 2026). Os seus rivais explotaron esta contradición durante toda a campaña: Un candidato ferozmente antiizquierdista que representara xuridicamente a unha figura asociada ao goberno venezolano era un branco doado para os adversarios. De la Espriella desviou as críticas con eficacia, apelando ao dereito de defensa e restándolle importancia ao asunto.
Os resultados do 31 de maio
O 31 de maio, unha vez as urnas pecharon, o resultado do preconteo a nova estrutura bipartidista do país: Abelardo de la Espriella obtivo 10.361.499 votos, o 43,74 %, convertíndose no primeiro colombiano en superar os dez millóns de sufraxios nunha primeira volta mentras que, Iván Cepeda, alcanzou 9.688.245 votos, o 40,90 % (RNEC, 2026). En total, o 84,64 % dos colombianos que votaron reuníronse nestas dúas opcións.
A reacción do propio Petro ao anunciarse os resultados do preconteo mostrou unha imaxe inesperada: a súa decisión de non aceptar os resultados a través dun posteo na súa conta de X cuestionando o software electoral e aludindo a presuntas irregularidades no censo (Petro, 2026). Este xesto final de Petro pode ter consecuencias directas na segunda volta: por unha banda, reforza o discurso de De la Espriella sobre o autoritarismo do proxecto petrista; por outra, podería movilizar a base oficialista arredor da percepción de que o sistema está en perigo.
No plano xeográfico, algúns territorios emerxen como chave para a definición da segunda volta. Bogotá, co seu enorme peso electoral e unha diferenza de apenas catro puntos entre ambos os candidatos, será decisiva. En Antioquia, De la Espriella gañou con claridade, pero a forza de Cepeda en Urabá e o nordeste suxire que a partida non está cerrada (El Tiempo, 2026b). O Valle del Cauca, onde Cepeda gañou co 53 % e Cali mostrou unha participación superior á de 2022, será outro escenario crucial (Infobae, 2026b).
Un caso particularmente revelador é o de Córdoba. O departamento é a terra natal de Abelardo de la Espriella, e cabería esperar unha vitoria cómoda do candidato na súa rexión de orixe. Porén, Cepeda impúxose alí co 55,55 % (RNEC, como se citou en Infobae, 2026b), evidenciando que a identidade local non se traduce automaticamente en voto e que as dinámicas de pobreza e exclusión que caracterizan a rexión pesan máis que o orgullo rexional. Este resultado é tamén un indicador da forza que as redes de movementos sociais e organización comunitaria do progresismo teñen no Caribe colombiano, unha forza que o uribismo subestimou durante anos e que o petrismo soubo capitalizar.
Outro dato territorial que merece atención é o comportamento de Bogotá. A capital, onde votaron máis de catro millóns de persoas cunha participación do 67,96 %, mostrou unha composición interna complexa. Cepeda gañou no conxunto da cidade, pero a diferenza con respecto a De la Espriella foi de apenas catro puntos. As localidades do sur e occidente votaron maioritariamente polo oficialismo, mentres que o norte e os sectores de renda media-alta favoreceron ao candidato da dereita. Outros candidatos da dereita e do centro ideolóxico de Colombia que non pasaron a segunda volta mostraron porcentaxes superiores ás súas medias nacionais, o que converte a estes votantes nun obxectivo estratéxico para ambos os finalistas.
Con todo, a segunda volta presentase como una definición do que queren os colombianos para os seguintes anos, se continuar co traballo realizado por Petro da man de Cepeda ou rachar con todo e iniciar un novo proceso lexislativo da man de De la Espriella como se viu en outros países de América Latina.
Referencias bibliográficas
BBVA Research. (2026, 5 de febreiro). Colombia: Un 2025 con mínimos históricos de desempleo y una creación de empleo dinámica. BBVA Research.
DANE. (2026, 30 de xaneiro). Informe del mercado laboral 2025. Departamento Administrativo Nacional de Estadística.
El Espectador. (2021, 11 de maio). Abelardo de la Espriella es un gran abogado y amigo: Alex Saab. El Espectador.
El Espectador. (2026). Balance del gobierno Petro. El Espectador.
El Tiempo. (2026a, 31 de maio). Resultados de las elecciones presidenciales de Colombia 2026. El Tiempo.
El Tiempo. (2026b, 31 de maio). Resultados elecciones 2026 en Colombia: así votaron Medellín, Cali, Barranquilla y las principales ciudades. El Tiempo.
Fiscalía General de la Nación. (2026, 24 de marzo). Comunicado sobre la autoría del asesinato de Miguel Uribe Turbay [Comunicado de prensa]. Fiscalía General de la Nación.
Infobae. (2026a, 31 de maio). Resultados elecciones presidenciales de Colombia 2026, preconteo al 100% de las mesas informadas. Infobae.
Infobae. (2026b, 1 de xuño). Así quedó el mapa político en Colombia tras la primera vuelta presidencial. Infobae.
Infobae. (2026c, 24 de maio). Abelardo de la Espriella y su relación con Álex Saab. Infobae.
Petro, G. [@petrogustavo]. (2026, 1 de xuño). [Publicación sobre os resultados electorais] [Post]. X. https://x.com/petrogustavo
Presidencia da República de Colombia. (2026). Cifras de gestión en salud y protección social de la legislatura 2022-2026. Presidencia de la República.
Presidencia da República de Colombia e DANE. (2025). Cifras de reducción de la pobreza 2022-2025. Presidencia de la República / Departamento Administrativo Nacional de Estadística.
Registraduría Nacional del Estado Civil. (2026). Resultados del preconteo: elecciones presidenciales 2026. Registraduría Nacional del Estado Civil.
Vanguardia. (2026, 4 de febreiro). Abelardo de la Espriella y el caso Álex Saab: las preguntas que persiguen al candidato. Vanguardia.

