Documentos recentemente desclasificados polo Departamento de Estado en Washington implican directamente ó ex secretario de Estado Henry Kissinger na represión de disidentes en Arxentina e Chile nos anos setenta.
O coñecemento que tiña un dos estadistas máis influentes na historia contemporánea da política exterior norteamericana sobre os crimes que se cometían no marco da chamada Operación Cóndor(mecanismo de coordenación utilizado polas dictaduras militares de Arxentina, Chile, Uruguai, Paraguai e Bolivia na represión e desaparición de disidentes) é tan notoria, que mesmo chegou a exclamar nunha conversación con César Guzzetti, chanceler do ex dictador arxentino Jorge Videla, que "mentres máis rápido o fixeran. mellor".
A acción de Kissinger colócao ante a posibilidade de ser eventualmente interrogado polo xuíz español Baltasar Garzón, o home que ten nas súas mans diversas demandas por violacións dos dereitos humanos durante as dictaduras de Jorge Videla en Arxentina e Augusto Pinochet en Chile. Actualmente Kissinger é solicitado pola xustiza de Arxentina, España, Chile e Francia para que responda sobre a súa participación en complots golpistas en Latinoamérica e o seu eventual coñecemento dos casos de violacións dos dereitos humanos.
A desclasificación de 4.677 documentos relativos á actividade do Departamento de Estado durante eses anos é unha inestimable fonte de información sobre a actividade de Washington na política de exterminio de preto de 30.000 disidentes durante os sete anos de dictadura militar en Arxentina e no asesoramento dos seus executores sobre como eludi-los cuestionamentos do Congreso norteamericano. Ditos documentos están contidos en cartas, memorandos e cables telegrafados entre a embaixada estadounidense en Bos Aires e o Departamento de Estado e implican, ademais de a Kissinger, a altos funcionarios estadounidenses durante os gobernos de Gerald Ford, Jimmy Carter e Ronald Reagan.
Nos mesmos, revélase unha inédita conversación entre Kissinger y el chanceler de Videla, Almirante César Guzzetti, no hotel Waldorf Astoria de Nova York o 7 de outubro de 1976. En marzo dese ano, os militares ó mando de Videla tiñan tomado o poder mediante un golpe de Estado e xa iniciaran unha severa política de represión e exterminio contra a insurxencia e os disidentes. A intención de Kissinger era persuadir a Guzzetti de que todo rematara antes das eleccións presidenciais que ese mesmo ano levaron ó demócrata Jimmy Carter ó poder. A cambio, Arxentina recibiría un xugoso préstamo provinte do Banco Mundial.
Sen embargo, Kissinger non está só nesta historia. Os documentos desclasificados sinalan que o goberno dos EEUU cualificaba como unha "guerra contra o terrorismo" os acontecementos que neses momentos se escenificaban no Cono Sur. Este léxico é semellante ó utilizado hoxe pola Administración de George W. Bush. O que cómpre subliñar é que funcionarios da talla do actual vicepresidente Dick Cheney e o secretario de Defensa Donald Rumsfeld traballaban para o Departamento de Estado nos anos setenta e tiñan coñecemento cabal do que sucedía en Arxentina e Chile.
No momento do golpe de Videla, en marzo de 1976, Cheney era presidente do Consello de Goberno de Gerald Ford, tras ter servido na Administración de Nixon no equipo de transición que seguiu ó escándalo Watergate. Cheney viña de suceder a Rumsfeld nese posto e este último pasou a ocupa-la secretaría de Defensa (a mesma que ocupa arestora) no momento do golpe militar en Arxentina. Sendo ambos parte do equipo de traballo de Kissinger, isto podería implicalos na coordenación dos mecanismos de represión e tortura cometidos baixo o mando deses reximes militares. Quedaría por definir cal sería a situación de Kissinger, Cheney e Rumsfeld en caso dun eventual interrogatorio ou chamamento a participar nun xuízo.