Hai uns meses, Fernando Lugo, o ex bispo católico que venceu nos comicios paraguaios deste domingo, declaraba que a esencia do seu proxecto consistía en facer do seu país unha "catedral". Practicante da "teoloxía da liberación", os sinais básicos de identidade de quen tomará posesión o próximo 15 de agosto para un período de cinco anos, son o compromiso cos máis desfavorecidos e a súa fe católica. Nicanor Duarte, o actual presidente, non poderá pasar o relevo a Blanca Ovelar, do seu mesmo partido, chamada a se converter na primeira presidenta do país e que hoxe debe contentarse con ser testemuño da fin de época dos "coloradistas". Lino Oviedo, da UNACE (Unión Nacional de Cidadáns Éticos), o outro rival importante, quedou en terceira posición.
A vitoria de Lugo equivale, cando menos, a dúas derrotas significativas: a obvia do partido Colorado, que deberá afrontar unha fonda reflexión sobre o seu futuro, pero tamén a do Vaticano, que sempre buscou a marxinación dos bispos que simpatizaran coa única doutrina que podería "salvar" a Igrexa e acabar co seu elitismo en favor dos poderosos.
Co cambio en Paraguai, aumenta a sete o número de países de Sudamérica con gobernos de centro-esquerda, incluíndo a Arxentina, Brasil, Bolivia, Chile, Uruguai, Venezuela. As posibilidades de vertebrar políticas internas máis integradoras e democráticas en sentido amplo compleméntase co respaldo ás estratexias de inserción internacional que aseguren unha maior autonomía política da rexión.
A acción de goberno de Lugo será complexa. Cun 44% de poboación pobre (de 5,6 millóns de habitantes), a reforma agraria e os temas sociais serán o asunto máis delicado da súa axenda, pero demandas indispensables para satisfacer a ilusión das capas máis humildes e da poboación indíxena. Lugo seguirá un modelo diferente, acaído ás circunstancias do Paraguai, sempre coa vocación de diálogo que lle permitiu sumar tantas e tan heteróxeneas forzas para esta histórica vitoria, cos consensos exteriores precisos para que esa América á que pertence acabe sendo cada vez máis dona de seu.