20070520 caravana rctvas

A chave de Chávez

 Caravana RCTVas, clic para aumentar
Calquera que teña visitado Venezuela nos últimos tempos coincidirá en que os excesos deste (RCTV) e doutros medios de información rebasaron con folgura os límites de calquera procedemento informativo normal. En calquera país hai tempo que se adoptarían sancións para penalizar o maniqueísmo escandaloso de que fixo gala sen necesidade de agardar á fin da concesión. (Foto: Caravana "RCTVas" a favor da non renovación da concesión a Radio Caracas Televisón).
 

O cese das emisións do canal privado RCTV a partir da media noite do domingo 27 de maio non presenta dúbidas do punto de vista legal. O goberno está no seu dereito e pode exercelo nun sentido ou noutro: renovar ou non renovar. Ata é comprensible que Chávez adopte por botar o candado a este canal. Calquera que teña visitado Venezuela nos últimos tempos coincidirá en que os excesos deste e doutros medios de información rebasaron con folgura os límites de calquera procedemento informativo normal. En calquera país hai tempo que se adoptarían sancións para penalizar o maniqueísmo escandaloso de que fixo gala sen necesidade de agardar á fin da concesión. A reacción dos propietarios da cadea mesmo podería cualificarse de autentica chantaxe ao Estado e de ruptura das regras de xogo, conduta que moitos aceptan por vir embalada con esa defensa da liberdade de expresión que a reviste dun áurea democrática ben afastada do seu proceder. Pero está claro que o realmente inaudito é que este medio seguira emitindo despois de apoiar a intentona golpista. Cantas críticas espertou no mundo democrático a ilegalización fulminante do PCUS a raíz da súa implicación no golpe de agosto de 1991 na URSS? E iso que a principal vítima, Gorbachov, seguía militando nel.

Pero ese non é o tema. A cuestión é se a decisión de Chávez é a máis intelixente e adecuada. É sabido que internacionalmente brinda un argumento máis para presentalo como un líder tendencialmente autocrático e autoritario. Planas e planas se dedican a este tema nas últimas semanas, e que contrastan, por exemplo, coa escasa atención prestada ao caso Posada Carriles e tantos outros (a crise da Ucraína, por exemplo) que o merecerían tanto ou máis. A liberdade de expresión en ningún caso é neutra e exércese polas empresas mediáticas en función dos seus respectivos intereses e adscrición ideolóxica e política que, obviamente, teñen.

Pero ese non é o tema, insisto. O que non se pode perder de vista neste e noutros casos é que o socialismo do século XXI que proclama Chávez ten que ampliar as marxes de liberdade e de pluralismo, fuxindo de calquera tentativa de ofrecer outra visión do pensamento único. Esa salvagarda, aínda que conflitiva, é importantísima, tanto para garantir a estabilidade e éxito do seu proxecto como para manter as simpatías internacionais pola súa franqueza e ambición. As versións pasadas dos intentos de construír unha sociedade alternativa desprezando a importancia deses factores acabou en desastre. Nin as presas nin os intentos de homologación con modelos próximos son condutas admisibles. Caracas debe fuxir de modelos, do pasado ou do presente, e crear un sistema innovador que asente nas propias raíces e que fortaleza a democracia a todos os niveis (política, económica, social, cultural). Fuxamos dos mimetismos.

A crítica, dos amigos e aliados pero tamén dos rivais, pode axudar, mesmo cando é tan absurda como a servida pola RCTV. O desexable sería que pechara como resultado da simple aplicación de criterios de mercado, é dicir, como consecuencia das perdas ocasionadas pola falta de audiencia. Ese factor de competencia podería ser moi estimulante para outros medios alternativos.

O mesmo criterio cabe aplicar ás presas en asentar o PSUV. Indubidablemente, o chavismo precisa dun movemento socio-político sólido que respalde o seu programa, pero debe fuxir dos intentos de forzar procesos que tenden a traducirse en culto á personalidade e en rebaixa dos imperativos críticos que son substituídos polas esixencias e conveniencias do proceso. O pluralismo non é un mal menor, é unha necesidade imperiosa, como a liberdade de expresión, para que se poida establecer esa nova síntese de xustiza e liberdade que debe xurdir das cinzas do neoliberalismo e do socialismo burocrático.

Chámenlle socialismo ou non, en condicións nada fáciles, Chávez está realizando un esforzo inxente de modernización do Estado venezolano, construíndo redes políticas e de servizos sociais, procesos que levan tempo, un tempo que non debe volverse en contra por cuestións de ritmo ou de desapego ás propias circunstancias nacionais.