As relacións con Rusia, a situación en Afganistán, ou o futuro do escudo antimisiles que EEUU ambiciona instalar en Europa, serán claves da axenda do cumio que a OTAN celebrará en Bucarest esta semana. Pero a pedra de toque que contextualiza esta importante reunión é o cambio de percepción de varios países post-soviéticos en relación á OTAN, sobre todo de Asia central.
Hai expectativas, por outra banda, a propósito do impacto da proclamación independentista cosovar naqueles países onde existen contenciosos territoriais de certa semellanza (Moldova e o Transdniester, Azerbaixán e o Nagorni-Karabaj, Xeorxia e Abxasia e Osetia do Sur). As máximas autoridades deste países, que estarán presentes en Bucarest, ollan para a Alianza Atlántica non coma desestabilizadora senón como garante de hipotéticos arranxos en todos eles e nas últimas semanas emitiron declaracións recabando a participación da UE e de EEUU nas negociacións onde ata agora primaba a presenza rusa. Isto significa, como sinalaba recentemente Nezavisimaya Gazeta, que Rusia perde a súa condición de garante para pasar a ser un máis do montón. En resumidas contas, Rusia pesa menos e o respaldo da OTAN é o que conta.
O presidente xeorxiano agarda recibir en Bucarest o convite para ingresar na OTAN. Outro tanto podería acontecer con Ucraína, visitada por Bush na xornada previa ao cumio. Tanto o mandatario de Tblisi como o de Bakú (Acerbaixán) queren que a OTAN revalide as súas teses territoriais. Yuschenko (Ucraína) apoia aos seus colegas de Xeorxia, Acerbaixán e Moldova, que forman parte do GUAM, unha cabeza de ponte da penetración estadounidense nos contornos rusos. Ucraína confía en que as reticencias de Alemaña e Francia ao seu ingreso na OTAN poidan ser finalmente vencidas.
En Bucarest hai outra novedade importante. Países como Turkmenistán e Uzbequistán, aliados de Rusia e colaboradores de China na Organización de Cooperación de Xangai, tamén asistirán a esta reunión. En ambos casos advírtese un rexurdir de posicións pro-occidentais. Ambos desexan equilibrar a influencia rusa e chinesa, pero, sobre todo, temen ás repercusións da situación en Afganistán, cada vez máis deteriorada e con posibles impactos nas súas fronteiras. Uzbequistán mesmo anunciou a súa dispoñibilidade para acoller de novo a tropas estadounidenses na base militar de Karshi. O presidente turkmeno, por outra banda, ofreceuse para participar nas operacións de paz desenvolvidas pola Alianza.
Soplan novos ventos. Desta vez claramente favorables para Occidente.