20080129 taipei chen shui bian

A cita de Taiwan

 Chen Shui-bian; clic para aumentar
No albo da transición democrática, o desgaste sufrido e a división no KMT en 2000 permitiu que os partidarios de facer de Taiwán un país “normal”, os soberanistas do Partido Democrático Progresista (PDP), accederan á presidencia, que ven sendo exercida dende entón por Chen Shui-bian (na foto), non sen polémica.
 

A illa de Taiwán ten unha dobre cita electoral este 22 de marzo de gran transcendencia. Dunha banda, elixe presidente entre dous candidatos; doutra, debe pronunciarse sobre a proposta de ingreso en Nacións Unidas. Taiwán é a reserva territorial da República de China, trasladada por Chiang Kai-shek en 1949, cando perdeu a guerra civil fronte ao Partido Comunista de Mao Zedong. O derrotado Kuomintang (KMT), co apoio de EEUU e as potencias occidentais, aplicou en Taiwán décadas de terror branco ata que a finais dos anos oitenta iniciou a súa transición democrática. Durante ese período, o gobernante KMT mantivo a ficción de representar a toda a China “libre” e a aspiración de “reconquistar” o continente. Os demócratas taiwaneses, pola contra, defendían a necesidade de abandonar a retórica do KMT e “conformarse” coa idea de que a República de China deixou de existir e que Taiwán é hoxe un país máis da comunidade internacional. No albo da transición democrática, o desgaste sufrido e a división no KMT en 2000 permitiu que os partidarios de facer de Taiwán un país “normal”, os soberanistas do Partido Democrático Progresista (PDP), accederan á presidencia, que ven sendo exercida dende entón por Chen Shui-bian, non sen polémica.

Paradoxalmente, esta evolución aproximou de novo aos vellos inimigos, comunistas e nacionalistas, pois ambos os dous, a diferenza dos soberanistas, cren na idea dunha China, aínda que cada un defende unha interpretación diferente dese principio. Estes anos de mandato do PDP, aínda que moderados pola influencia do KMT, maioritario no Parlamento, foron especialmente difíciles para a China continental, quen se amosou disposta a impedir, mesmo pola forza, a separación irreversible do resto de China. Agora, cando se propón un referendo sobre o ingreso de Taiwán (ou da República de China) en Nacións Unidas, cousa imposible polo veto de Pequín, en realidade, o que se está a preguntar á cidadanía é se pensan que Taiwán debe ser un Estado, non só de feito, senón tamén de dereito. O seu resultado é un arma de dobre fío, pero caso de gañar outorgaría unha lexitimidade importante aos partidarios dun Taiwán separado de China. Pero a xestión política desa vitoria sería practicamente imposible pola oposición de Pequín e de todos os países que non recoñecen diplomaticamente a República de China, a inmensa maioría e cada vez máis.

E se non é viable nin xestionable unha hipotética vitoria no plebiscito, para que facelo? Basicamente porque esa é a estratexia que, pensa o PDP, mellor pode beneficiar as súas aspiracións electorais. Pero non está claro que vaia a ser así. Nos comicios lexislativos do 12 de xaneiro, a derrota do PDP foi moi severa, tanto que aínda gañando as presidenciais, o seu programa político pode ser totalmente inviabilizado no Parlamento. E as dúas consultas que daquela se convocaron, boicoteadas polo KMT, non acadaron os niveis mínimos de participación.

As enquisas favorecen largamente ao candidato do KMT. De confirmarse estas previsións o 22 de marzo, as relacións entre Taipei e Pequín poden experimentar un cambio moi profundo, especialmente en todos os eidos que non garden relación directa coa política (economía, comercio, turismo, comunicacións, etc). Pero tampouco cabe agardar sorpresas espectaculares: o KMT non está a favor da independencia de Taiwán, pero non ten presa por lograr a unificación.