A minuciosa rede de oleodutos e gasodutos que parten do mar Caspio, principalmente cara Europa occidental, está a remodelar dun xeito estratéxico a xeografía política do espazo euroasiático, evidenciando unha puxa de intereses que involucran a EEUU, Rusia, Turquía e Irán, así como aos países caucásicos e as multinacionais. Neste sentido cabe contextualizar a recente apertura do oleoduto Bakú-Tbilisi-Ceyhan, coñecido polas súas siglas BTC, e concebido como o primeiro oleoduto que levará petróleo caspiano cara Occidente.
Para as multinacionais do crú e os gobernos estadounidense e europeos, o interese deste proxecto consiste na posibilidade de que poida aminorar a súa dependencia enerxética de Oriente Medio. O BTC fora concebido polo ex presidente Bill Clinton en 1994, e incluiu aos gobernos de Turquía e Azerbaiján. O seu momento estelar viviuse no Cumio da OSCE en Istanbul, en 1999, onde Clinton completou o xadrez xeopolítico co apoio dos gobernos locais, en detrimento das pretensións rusas de estender o oleoduto polo seu territorio. Tamén se estudou a posibilidade de que transitara por territorio iraní, a pesar das tensas relacións entre Washington e Teherán e unha fallida xanela diplomática.
O BTC ten unha extensión de 1.600 km, partindo dende a capital azerí, Bakú, cara o porto turco-mediterráneo de Ceyhan, cun custe total aproximado de 4 mil millóns de dólares, do que o Banco Europeo para a Reconstrucción e o Desenvolvemento, a International Finance Corporation e os grandes bancos mundiais, aportan o 70% do financiamento. A súa capacidade de produción é dun millón de barrís diarios, e se estima que no futuro alcanzará os 10 millóns de barrís. Na inauguración feita en Bakú participaron os presidentes turco, xeorxiano, azerí e de Kazajstán, o secretario de enerxía norteamericano e os directivos das multinacionais implicadas.
No proxecto participaron Exxon Mobil e ChevronTexaco, pero foi a British Petroleum quen levou a maior parte do capital, valorado nun 30% do investimento. Igualmente tamén participan Unocal, TotalFinaElf, ENI, ConocoPhillips, a noruega Statoil, a xaponesa Itochi e a compañía nacional petroleira turca. Moitos intereses estranxeiros para garantir a viabilidade do mesmo.
A traxectoria do oleoduto foi motivo de controversias políticas e non veu á luz ata non quedar definido o panorama político caucásico. EEUU e Europa occidental buscaron a posibilidade de fixar a traxectoria do oleoduto por rexións pacificadas ou aliadas, a pesar da crónica inestabilidade rexional. O goberno azerí de Alliyev e Turquía constituíron os dous aliados mais fiables, este último no seu desexo de que o oleoduto acelerara as súas pretensións de negociar o seu ingreso na UE. Tamén se especulou coa posible entrada de Armenia, a pesar da súa enemistade bélica co veciño Azerbaiján. Pero existen outras situacións complexas: o BTC pasa polo Curdistán turco, a cercanía de Chechenia tamén é preocupante, así como a situación interna xeorxiana.
Precisamente, Xeorxia constitúe hoxe a clave da continuidade do BTC, pola necesidade de incluir á súa capital, Tbilisi. O anterior goberno de Eduard Shevarnadze garantiu a proxeción occidental do país, afastándose da influenza rusa. A caída de Shevarnadze e a chegada do prooccidental Mikhail Shaakasvilli, terminou por garantir os intereses occidentais e a privilexiada relación con EEUU, tal e como se evidenciou na recente visita a Tbilisi do presidente George W. Bush.
A pesar da aparente estabilidade, Xeorxia presenta turbulencias internas nas rexións separatistas de Abkazia e Ajaria, nesta última por onde pasa o oleoduto. Ademáis, o país ten tres portos no mar Negro: Poti, Sujumi e Batumi (estes dous últimos capitais de Abkhazia e Ajaria), importantes para o transporte petroleiro. A necesidade de pacificar, ou ben aplacar, aos insurxentes abkhazios e ajarios contra o goberno de Tbilisi semellou un imperativo para Washington.
O BTC é un proxecto que Washington espera completar co oleoduto iraquí dende Kirkuk, ao norte, ata Ceyhan, que pasa tamén polo Curdistán iraquí. Un líder curdo, Jalil Talabani, goberna hoxe en Bagdad, e as faccións curdas foron cautelosamente tratadas polo goberno de Bush no conflicto iraquí. Polo tanto, dende Iraq ata Xeorxia, o que domina é o "ouro negro".