A clave xiíta

 Manifestación xiíta en Bagdad, clic para aumentar
A posguerra iraquí, o ascenso electoral do Hizbulah no Líbano e a potencialidade nuclear de Irán descubriron ao factor xiíta como un elemento de gran relevancia na reconfiguración xeopolítica de Oriente Medio. O peso xiíta está determinado por constituír arredor do 15% dos fieis musulmáns no mundo, asentados principalmente en Irán, Iraq, Siria, Líbano, Xordania e Turquía, pero histórica e politicamente a súa posición estivo marxinada dos espazos de poder. (Foto: Manifestantes xiítas protestando en Bagdad pola detención dun dos seus líderes).
 

A política en Oriente Medio semella descubrir a súa capacidade para xerar solucións endóxenas. Alomenos, isto pode observarse no inédito cumio celebrado en Riad entre o presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad e o monarca saudita Abdullah II, previo á decisiva conferencia rexional sobre a crise de Iraq, que involucraría a rivais aparentemente irreconciliables como Irán, Siria e EEUU.

A reunión en Riad, concibida para solucionar os conflitos entre sunnitas e xiiías en Iraq e no Líbano, confirma a emerxente posición de Irán como actor político de peso no escenario de Oriente Medio e a necesidade de incluír a Teherán nun marco de cooperación rexional que permita construír unha plataforma diplomática e política de solución de conflitos.

Polo tanto, a inclusión iraniana revela unha dose de realpolitik e pragmatismo político necesario dentro dunha delicada conxuntura rexional, determinada pola presión estadounidense e israelí cara o programa nuclear de Teherán. A mensaxe enviada a Occidente por Ahmadíneyad consiste na súa reclamación de búsqueda de solucións negociadas e non pola forza.

Tanto como un conflito de identidades, a disputa política e relixiosa entre xiítas e sunnitas supón mergullarse directamente nos escenarios iraquí e libanés, dentro dunha puxa de intereses que involucra a Irán, Siria, Israel, EEUU e Arabia Saudita, así como á variada insurxencia iraquí, os partidos islamitas Hizbulah e Hamas e o movemento dos Irmáns Musulmáns en Exipto e Xordania.

Sen esquecerse do drama palestino, clave para a resolución dos conflitos en Oriente Medio, a puxa entre sunnitas e xiítas tamén involucra a un último actor, a rede Al Qaeda, traducido nos recentes atentados en Zahedán, rexión norooccidental iraniana, contra un corpo da Garda Republicana.

Estes atentados foron reivindicados por un inédito grupo presuntamente afiliado á rede de Osama ben Laden dentro do país persa. Pero as razóns poden orientar estes atentados para servir como posible atenuante dos intereses iranianos en Iraq, dentro de certos grupos de poder da comunidade xiíta.

A posguerra iraquí, o ascenso electoral do Hizbulah no Líbano e a potencialidade nuclear de Irán descubriron ao factor xiíta como un elemento de gran relevancia na reconfiguración xeopolítica de Oriente Medio. O peso xiíta está determinado por constituír arredor do 15% dos fieis musulmáns no mundo, asentados principalmente en Irán, Iraq, Siria, Líbano, Xordania e Turquía, pero histórica e politicamente a súa posición estivo marxinada dos espazos de poder.

O centro de gravidade do mundo xiíta corre por Irán e, seguidamente, en Iraq, onde constitúe a maior crenza relixiosa islámica. Pero a crise iraquí constitúe unha ameaza para os intereses políticos de Irán e Arabia Saudita, tomando en conta que a comunidade sunnita vese ameazada pola supremacía xiíta no Iraq post-Sadam. Velaí a importancia da reunión entre Ahmadíneyad e o rei Abdullah, traducida tamén nun apoio do presidente iraniano ao plan saudita de paz para Palestina presentado no 2002.

A activa diplomacia saudita permitiu arranxar en febreiro un acordo entre Al Fatah e Hamas para Palestina. Velaí que Washington observa con determinación este factor saudita como elemento de peso para os seus intereses en Oriente Medio, tomando en conta a paupérrima imaxe estadounidense na rexión.

Tamén debe analizarse este cumio entre Ahmadineyad e Abdullah dende a perspectiva xeopolítica da rexión: Riad teme a un eixe xiíta controlado por Teherán mentres que ao réxime dos aiatolás iranianos lle preocupa unha alianza entre sauditas e israelís, coa benevolencia de Washington, concibida para conter a Irán.

Coas ameazas e presións de Washington e Tel Aviv cara Teherán, traducidas nun posible ataque aéreo contra as instalacións nucleares, e ante un decisivo cumio rexional para pacificar Iraq, o papel iraniano e do eixe xiíta non pode ser subestimado. Probablemente, ambos factores constitúan a clave de resolución do problema.