A culpa é dos soviéticos

Apartados xeográficos Rusia ARQUIVO
Idiomas Galego
 Radoslaw Sikorski; clic para aumentar
Outro caso ben coñecido de más relacións con Rusia é o de Polonia, que foi forte aliado de Xeorxia durante o conflito de fins do verán e que se constituíu en firme defensor do escudo anti-mísiles estadounidense. No pasado 12 de xaneiro, após se ter coñecido que Obama podía reconsiderar os planos para a instalación do escudo, o ministro dos negocios estranxeiros de Polonia, Radoslaw Sikorski (na foto), saía na defensa da continuidade dos tales planos.
 

Cada vez que Rusia aparece na axenda da actualidade internacional, unha parte da prensa occidental, e especificamente a española entre outras, esfórzase por encontrar no país eurasiático o herdeiro do Estado que lideraba o bloque comunista durante a Guerra Fría. Parecera existir algunha nostalxia daquel magnífico inimigo común, constante ameaza ás portas da Europa "boa", que tan útil resultaba para amortecer a inexorable heteroxeneidade interna presente en diversos Estados europeos, entre outros asuntos que tamén se aproveitaba para secundarizar.

Así, após se ter coñecido na semana pasada a intención dun ex axente da intelixencia soviética, actualmente empresario, de comprar un xornal británico, aparecían titulares tan pouco tendenciosos como "Un ex espía da KGB negocia a compra dun xornal británico" ou nin máis nin menos que "Os rusos chegan á prensa británica". Sería bo coñecer se os titulares terían asumido tons semellantes no caso de que un ex axente da CIA metido a empresario tivese comprado a participación maioritaria de calquera negocio. É posible que até nin fose noticia.

Loxicamente, esta tendencia tamén tiña que se manifestar na crise do gas protagonizada por Ucraína e Rusia. Non tardaron en aparecer titulares como "Bulgaria, refén de Rusia", e discursos a ecoaren novamente a idea de Rusia estar a utilizar a enerxía como "arma política". Concepto que probablemente teña orixe na propia Ucraína, cuxo xefe de Estado ten ben pouca simpatía polo veciño do leste. Vista a facilidade con que a herdeira da URSS é culpada en calquera controversia, poderá ter algunha utilidade facer un exercicio minimamente crítico desa tese.

O certo é que na actualidade son 32 os países europeos que compran gas a Rusia, e con algúns deles as relacións son ou teñen sido tanto ou máis tensas que con Ucraína, mais ningún deles se ten queixado de cortes de subministro con intención de exercer presión política. Lémbrese o recente conflito de Xeorxia, en que o país transcaucásico provocaba unha reacción do Estado máis extenso do mundo, iniciándose un período de relacións que, como mínimo, deberan ser consideradas pésimas e que duran até hoxe. Pois sendo Xeorxia compradora de gas ruso, en ningún momento deixou de recibir esta substancia, desde que en ningún momento deixou de pagala. Quéixanse os osetios do sur de que é Xeorxia quen bloqueou o envío de gas para esta rexión separatista. A poboación de Osetia do Sur leva desde fins de agosto sen gas, o que constitúe un drama do que, oh! sorpresa, nada sabemos.

Outro caso ben coñecido de más relacións con Rusia é o de Polonia, que foi forte aliado de Xeorxia durante o conflito de fins do verán e que se constituíu en firme defensor do escudo anti-mísiles estadounidense. No pasado 12 de xaneiro, após se ter coñecido que Obama podía reconsiderar os planos para a instalación do escudo, o ministro dos negocios estranxeiros de Polonia, Radoslaw Sikorski, saía na defensa da continuidade dos tales planos. Tamén Polonia é un dos dous países que bloquean na actualidade un novo acordo para o relacionamento entre a Rusia e a Unión Europea. Polonia non padeceu interrupción de subministro algún, a pesar de importar do país eurasiático case a metade do gas que precisa. Despois de comezada a actual crise, de feito, Rusia esforzouse por continuar a fornecer a cantidade contratada polos polacos, desviando o subministro que era enviado por Ucraína para Bielorrusia.

En fin, semella que Rusia, nalgúns casos ben significativos, sabe diferenciar entre negocios e política. Por que non con Ucraína? A quen beneficia que Europa e Rusia non avancen no estreitamento das súas relacións? Pensa Europa que non relacionándose con Rusia vai axudar a que a sociedade do xigante eurasiático se desenvolva e esixa a mellora e aprofundamento da súa democracia?