samir amin entrevistado christophe callewaert

A débeda con África

 Samir Amin, clic para aumentar
Para Samir Amin, director do Foro do Terceiro Mundo, con sede en Dakar, o problema de fondo segue centrado en que as nacións desfavorecidas están sometidas no seu relacionamento co exterior a esixencias que teñen pouco en conta as necesidades do seu propio desenvolvemento. Aínda condonando a débeda, ven a dicir, se non hai un recoñecemento do dereito dos Estados e das sociedades a definir as súas propias estratexias, en función dos seus propios intereses e expectativas, creando as condicións para unha mundialización negociada e non imposta, acabará por reproducirse os mesmos efectos pasado un tempo. As claves son estruturais e non só de carácter financeiro.
 

África estará de novo sobre a mesa dos participantes na xuntanza do G8, que se reunirá en Gleneagles, Escocia, nos primeiros días de xullo. Tony Blair, quen en 2004 creou, ante as insistencias do cantante Bob Geldof, unha Comisión ad hoc, formada por 18 personalidades, occidentais pero tamén africanas, co propósito de emitir un Informe para axudar a saír ao continente negro das sombras da mundialización, tentará convencer aos seus homólogos das bondades do documento e da validez das súas propostas.

O informe debía identificar as trabas para o desenvolvemento, as axudas potenciais que deberían permitir reverter o actual estado de cousas, e os medios que a privilexiar para facer de África un continente próspero, onde a fame, a pobreza, as epidemias ou as guerras poidan desaparecer. Despois dun ano de traballo, o secretario xeral da ONU recibiu un informe de 453 páxinas, onde sitúa os eixes principais do debate que debe peneirar o G8.

Pero non hai moitas novidades. As expectativas de novas accións e propostas para alentar outro desenvolvemento en África están condicionadas pola ausencia de reflexións claras sobre a orixe principal dos problemas evocados que azoutan as desigualdades e a pobreza. E volve sempre a dar no mesmo: máis axuda pública e menos débeda.

Entre 1993 e 2003, a débeda de África (un total de 53 países) é a que menos progresou no mundo: só un 12% máis, mentres que no mesmo período, a de Europa do leste aumentou nun 121%. Claro que as expectativas son ben diferentes nun e noutro caso. No conxunto dos países en vías de desenvolvemento, a parte de África en termos de débeda pasou do 18% en 1993 ao 12% en 2003. A débeda de África representa o 48% da produción anual do continente.

Para Samir Amin, director do Foro do Terceiro Mundo, con sede en Dakar, o problema de fondo segue centrado en que as nacións desfavorecidas están sometidas no seu relacionamento co exterior a esixencias que teñen pouco en conta as necesidades do seu propio desenvolvemento. Aínda condonando a débeda, ven a dicir, se non hai un recoñecemento do dereito dos Estados e das sociedades a definir as súas propias estratexias, en función dos seus propios intereses e expectativas, creando as condicións para unha mundialización negociada e non imposta, acabará por reproducirse os mesmos efectos pasado un tempo. As claves son estruturais e non só de carácter financeiro.

Pero o informe Blair propón a anulación integral da débeda dos países pobres moi endebedados, os pertencentes á Africa subsahariana, coa condición de que asuman responsabilidades. A lectura implícita que se desprende do documento é que a gravidade da situación é debida ao comportamento incoherente e corrupto de moitos dirixentes locais. Obviamente disto debe haber moito –tamén fora de África-, como tamén niso debeu influír a dobre complicidade de moitos actores externos, dende a Banca Mundial ata a banca privada dos países ricos, pois sen o seu concurso é inexplicable tanta deixadez. Pero non hai no informe palabras amargas para os acredores. E tamén deberían asumir culpas e responsabilidades.