A mais que probable celebración dunha segunda volta nas eleccións presidenciais do próximo domingo en Francia descifra o marcado nivel de polarización e indecisión electoral ante uns comicios que, a todas luces, se perfilan como decisivos cara unha nova era política.
Quizais a primeira incógnita estará en coñecer quen serán os candidatos nesta hipotética segunda volta electoral. As enquisas rexistran a probable pugna entre Nicolás Sarkozy e Segolène Royal, prevista para o 6 de maio. De ser esta a posibilidade, se confirmaría o mais relevante relevo xeracional na política francesa das últimas décadas, desprazando así a preeminencia da súa tradicional elite política.
Por contra, a candidatura centrista de François Bayrou semella a única capaz de contestar esta eventual confrontación bipolar "Sarkó-Segò". Bayrou está aparentemente captando ese esgotamento social cara os partidos tradicionais, anunciándose como o "outsider" da política francesa, capaz de asestar un golpe sorprendente.
Todo depende da preferencia final do elevado número de indecisos que, segundo as principais enquisas, se calcula nun 42% do electorado. Na celebración desta segunda volta e dos candidatos que finalmente competirán, tamén influirá decisivamente o nivel de participación electoral do próximo domingo.
Á espera da evolución do "factor Bayrou", outras candidaturas ocupan un marcado protagonismo nunha campaña electoral que apenas deixou constancia real dos programas e proxectos de país dos candidatos.
No apartado do protagonismo, destaca a interminable candidatura de Jean Marie Le Pen e a Fronte Nacional. Aos seus 79 anos, o home que sorprendera nas eleccións de 2002 ao disputar unha segunda volta contra Jacques Chirac, semella listo para o seu testamento político.
Para Le Pen, os comicios de 2007 marcan a súa despedida electoral e política. Velaí a súa intención de multiplicar as aparicións e constituír nunha especie de "árbitro na sombra". Non obstante, a súa despedida pode non materializar o final dunha extrema dereita francesa que semella consolidarse en torno a un 15-20% do electorado, tomando en conta outras candidaturas como a do monárquico Phillipe de Villiers e de determinados sectores ultradereitistas que ben poderían votar esta vez por Sarkozy.
Paralelamente, resulta notorio observar cómo a esquerda francesa volve a presentarse tan dispersa e dividida, un elemento tradicional da pluralidade do presidencialista sistema político francés.
Contando á socialista Segolène, son cinco os candidatos que se presentan polas distintas tendencias da esquerda, destacando as opcións trotskistas, antieuropeístas e antiglobalización personificadas en Arlette Laguiller, Olivier Benasencot, Gerard Schivardi, Marie-George Buffet e a ecoloxista Dominique Voynet.
Tanto como a atomización do voto da esquerda, este proceso electoral 2007 deixa un notorio balance de candidaturas lideradas por mulleres. Segolène, Voynet, Laguiller e Buffet confirman un avance de xénero que podería levar por vez primeira a unha muller ao palacio presidencial do Elíseo.
Pero Francia tamén deixa inquietudes nestes comicios. Aínda é unha incógnita cal será o rumbo dun país onde a súa influínte "intelligentsia" ven asumindo nos derradeiros anos a idea dunha "decadencia francesa" e do seu papel no mundo.
Existe unha presión constante na opinión pública cara o balance entre a reforma económica e a reestruturación do Estado paternalista e de benestar. O discurso político evitou incluír esta discusión como tema central, precisamente pola frustración social existente e a necesidade de buscar alternativas. O "non" á Constitución europea e a crise dos suburbios parisinos de 2005 foron dúas duras leccións para as elites gobernantes galas.
Neste sentido, a única mención alternativa reformista de fondo foi presentada por Segolène cunha proposta de fundar a "VI República", modificando varios dos resortes administrativos do Estado e posibilitando a aparición da "democracia participativa".
Un apartado de relevancia merece a confrontación de ideas sobre a identidade nacional e a presenza da inmigración. A inédita e reiterada utilización de símbolos patrióticos nos actos electorais revelan as inquietudes políticas e sociais dunha nación que semella dar sinais de sentirse "culturalmente ameazada".
Os temas da identidade nacional e a inmigración deberían dar paso á aparición e discusión dun equitativo modelo de convivencia social e cultural. Pero o debate electoral semellou brindar mais exemplos de irritación que de diálogo, colocando estas temáticas dende unha perspectiva parcial, cargadas de tópicos.
O próximo domingo, Francia decidirá unha opción política pero tamén analizará cara onde dirixe o seu futuro. Non será unha revolución mais, todo un necesario cambio que repercutirá poderosamente no resto de Europa.