A primeira proposta política concreta emanada das sesións anuais do Parlamento chinés reunido en Beijing esta semana foi a elevación nun 17,8% dos gastos de defensa en 2007, arredor de tres puntos máis que nos anos precedentes. O esforzo orzamentario en defensa foi atribuído por diversos analistas ao xiro que Shinzo Abe está a imprimir na política nipona (creación do Ministerio de Defensa e unha presenza exterior crecente) e á preocupación polo futuro de Taiwán, onde se reforza o discurso soberanista de Chen Shui-bian que conta co apoio, coa boca pequena, de Washington, mais tamén de Tokyo.
Non obstante, a decisión chinesa transcende esa conxuntura e non supón ningunha novidade nin cambio de rumbo. De feito, no inicio mesmo do proceso de reforma en China, entre as catro modernizacións formuladas por Deng xa figuraba a defensa, e a pesar do considerable esforzo dos últimos anos, a realidade do país neste plano está lonxe de gardar unha mínima simetría coa relevancia lograda pola súa economía.
O orzamento chinés nesta materia equivale, aproximadamente, ao 70% de Xapón, un país aínda “pacifista”, e representa menos do 10% do estadounidense, poñamos por caso (a pesar de contar con 9,8 millóns de quilómetros cadrados de superficie e 1.300 millóns de habitantes, o que suxire unhas necesidades defensivas importantes). Claro que as necesidades sociais de China son o suficientemente grandes como para esixir a priorización doutro tipo de gastos, antes que o militar ou o espacial. Pero sen unhas forzas armadas modernas ““ou sen unha tecnoloxía á altura dos tempos”“ non haberá potencia chinesa autónoma no século XXI. E ese é o soño e a aspiración do PCCh.
A partir deste ano, o Exército Popular de Liberación (EPL), que en China é toda unha gran empresa pública, deixará de participar en proxectos de transporte, enerxía eléctrica ou telecomunicacións, e de prestar servizos non esenciais aos seus membros (reducindo gradualmente escolas, hoteis, editoriais, etc), que serán substituídos por subsidios ao persoal. Boa parte do incremento orzamentario se destinará a esa gran reconversión pendente que culminará a transformación iniciada coa súa retirada do mundo dos negocios (e da inmensa corrupción que gangrenaba o exército).
Outra cousa é como conciliar o incremento do esforzo orzamentario coa prédica crible da harmonía no mundo e a emerxencia pacífica do xigante oriental. Para iso, Beijing precisa incrementar as medidas de transparencia dos seus orzamentos e multiplicar a participación en institucións e iniciativas que dean a entender a asunción efectiva de que a seguridade é un asunto común e do que ninguén pode desentenderse nin afrontar en solitario. Mesmo en relación a Taiwán, a opción militar é a peor de todas e representaría unha auténtica catástrofe para o continente. China rexeita formalmente involucrarse nunha carreira de armamentos, nin semella que unha estratexia como a seguida en tempos pola URSS poida atopar algún sentido. A interdependencia con EEUU no eido económico é moi salientable e coexistirá con tensións fortes noutros eidos, en especial no estratéxico ou enerxético. En relación a Taipei, a mellor receita é a paciencia combinada con políticas de sedución. Pero debemos facernos á idea de que Beijing non será só un xigante económico, senón que tamén aspira a blindar un proxecto que, ante todo, é claramente nacionalista.