O pasado mércores, no mesmo aeroporto de New York, o FBI procedía a detención de Pável Borodín en cumprimento dunha orde internacional de captura, dictada pola xustiza suíza quen o acusa de branqueo de diñeiro nos seus tempos de administrador dos bens da presidencia rusa. As especulacións non se fixeron esperar. Iniciase unha longa batalla diplomática e legal.
Borodín acudía aos EE UU convidado, por un dos magnates que financiou a campaña electoral de Bush, para asistir á toma de posesión do novo presidente. Acudía cun permiso do xefe de Estado de Bielorrusia, Alexandr Lukasenko, do que tiña coñecemento o Kremlin. Tamén como secretario da comisión que traballa no proceso de integración Rusia-Bielorrusia, un cargo relevante anque simbólico. Non semellaba que fose haber problemas, a pesares de que Borodín viaxaba, por problemas técnicos, con pasaporte normal. E saltou a sorpresa.
As reaccións non se fixeron esperar. O Ministro ruso de Exteriores, Ígor Ivanov, chamou inmediatamente ao embaixador norteamericano en Moscova para transmitirlle as protestas do Kremlin e esixirlle a inmediata posta en liberdade de Borodín. Moitos dirixentes rusos, o presidente de Bielorrusia, o portavoz de Ieltsin, etc. empregaron duros apelativos: falla de respecto, desprezo, aldraxe, escándalo diplomático. Só Ziugánov e poucos máis se desmarcaron destas opinións e volveron á carga contra A Familia de Ieltsin, da que Borodín era cabeza visible. Ao tempo o xuíz suízo encargado do caso anunciaba que poñería inmediatamente en marcha o proceso para solicitar a extradición. A batalla diplomática e legal semella que non fixo máis que comezar. Mentres, Putin garda silencio.
As especulacións comezaron a encher as páxinas dos xornais. Uns non entenden a inxenuidade de Borodín de viaxar sen pasaporte diplomático. Outros tratan de desvelar as razóns do Departamento de Estado norteamericano para proceder a detención. Mesmo hai medios que apuntan a unha trampa preparada por Putin.
En todo caso compre subliñar algúns elementos que interfiren nesta detención. Máis alá de que se trate dunha pataca quente servida por Clinton ao seu sucesor para que se poña rapidamente ao día en cuestións internacionais, semella existir unha relación entre o caso Gusinski e o de Borodín. O Kremlin, quen pretende a extradición do propietario de Media Most, en liberdade provisional en Cádiz, terá que demostrar agora as súas habilidades para impedir a extradición de Borodín a Suíza. O evidente conflicto legal sería o que explicaría o prudente silencio de Putin.
Non lonxe de toda esta cuestión estaría o interese da CNN de facerse cunha ampla participación da NTV, a cadea de televisión de Media Most. Operación, en principio, condenada ao fracaso, xa que o Kremlin emprega a xigantesca empresa de gas (Gazprom), principal acredora de Gusinski, para facerse co control da cadea televisiva.
Máis afastadas da cuestión central semellan, tanto a posible vinganza norteamericana polo caso Edward Pope, o empresario norteamericano procesado por espionaxe e condenado a 20 anos, posteriormente indultado por Putin; coma o interese da Casa Branca en poñer atrancos ao proceso de integración entre Rusia e Bielorrusia.
En calquera caso as paxinas dos xornais internacionais ocuparanse nos próximos meses das disputas xurídicas en torno a Gusinski e Borodín.