A división unionista ameaza a paz no Ulster

A reunión do Consello Unionista do Ulster, máximo órgano de dirección do Partido Unionista do Ulster, puxo de manifesto a profunda división existente no partido que máis votos acadou nas eleccións á Asemblea do Ulster e pon en cuestión o liderado de David Trimble, Ministro Principal do goberno autónomo en suspenso. As posibilidades de restauración do mesmo, con presencia do Sinn Fein, son agora menores. A política do goberno Blair de ceder ante as esixencias dos unionistas e aumentar as presións sobre os republicanos non deu o resultado que Londres agardaba.

Ante o permanente bloqueo unionista do proceso de paz, o goberno británico optou pola vía das concesións. Primeiro entregoulle a cabeza da ministra calva, Mo Mowlan, unha das artífices do Acordo de Venres Santo á quen os lealistas acusaban de favorecer en exceso as posicións dos nacionalistas, e substituína polo pragmático Mandelson, mellor considerado entre os unionistas. Para saír do atasco, Trimble fixo unha arriscada aposta: solicitar do seu partido permiso para constituír o goberno autónomo con presencia do Sinn Fein, comprometendose a dimitir se o IRA non iniciaba o desarme nos primeiros días de febreiro. Para evitar que tivese que cumprir a súa promesa Londres suspendeu o goberno autónomo e recuperou o control da administración da provincia británica do Norte de Irlanda. Hai unha semana, Trimble abriu as portas á restauración do goberno autónomo nunhas declaracións realizadas no día de San Patricio que causaron estrondo no seu partido. O pasado sábado os sectores contrarios ao Acordo de Stormont pasáronlle factura.

Trimble obtivo o apoio de 457 dos membros do Consello, mentres o seu contrincante, o reverendo Martin Smyth, 348. Considerábase que Trimble debía obter o 70% dos votos para consolidar o seu liderado. Non foi así e so logrou o apoio do 56% dos delegados. A debilidade de Trimble permitirálle aos opositores a Stormont, liderados por Smyth e Donaldson, preparar novos atrancos para impedir a participación do Sinn Fein no goberno.

Na mesma asemblea lograron aprobar unha resolución na que se opoñen ao cambio de nome da Policía (Royal Ulster Constabulary), unha das propostas fundamentais do informe elaborado polo actual Comisario de Exteriores da UE e último gobernador de Hong Kong, Christopher Patten, que fora aprobado, substancialmente, polo goberno de Londres, quen considerou a resolución da asemblea unionista como inaceptable.

Pola súa banda o Sinn Fein, por medio do seu vicepresidente Mitchell McLaughlin, ofreceu a Trimble unha nova rolda de negociacións para restaurar o goberno autónomo ao tempo que admitía que non contemplaba a curto prazo un desarme do IRA, cuestión que tampouco resolvería o problema provocado por quen, dende dentro do unionismo, se opón ao proceso de paz.

Noutro orde de cousas, onte luns comezaron as sesións sobre o "Bloody Sundey" ou "Domingo Sanguento" (30 de xaneiro de 1972), cando os paracaidistas británicos dispararon contra unha manifestación nacionalista e causaron 14 mortos. A apertura do proceso é unha iniciativa do "premier" Blair e responde ao compromiso que tomou en 1998 cando se propuxo impulsar o proceso de pacificación.