![]() | |
Despois da dimisión de Yasuo Fukuda, Taro Aso (na foto) semellaba a derradeira oportunidade de levantar cabeza para o seu partido, o Liberal Democrático, no poder dende 1955. | |
Nin a política nipona é quen de salvarse da inestabilidade. Van consumidos tres primeiros ministros dende setembro de 2006 e o actual, Taro Aso, está batendo todos os récords imaxinables de impopularidade. En caída libre, Aso, coñecido polo seu populismo de dereitas e por practicar un nacionalismo sen complexos, desfolla agora a complexa margarida das eleccións anticipadas que, en plena crise financeira internacional e cunha economía que xa entrou en recesión, poucos dubidan que serían gañadas pola oposición, liderada polo Partido Democrático, maioritaria xa na Cámara Alta dende xullo de 2007, onde exerce unha obstrución moi eficaz que ameaza con bloquear a situación política.
Despois da dimisión de Yasuo Fukuda, Aso semellaba a derradeira oportunidade de levantar cabeza para o seu partido, o Liberal Democrático, no poder dende 1955. Con anterioridade, Shinzo Abe, sucesor de Koizumi en outubro de 2006, non pasou dos once meses á fronte do goberno, vítima de diferentes escándalos de corrupción. A súa anunciada refundación de Xapón para convertelo nun país “normal”, acabou facendo augas por todas partes.
O problema de fondo radica na pouca confianza social que inspira a actual xeración de líderes políticos, reiteradamente criticados pola súa incompetencia e incapacidade para definir unha reorientación do país nun contexto internacional en permanente cambio (coa emerxencia de China como principal desafío rexional e global), unha grave crise demográfica ás portas (Xapón podería perder 30 millóns de habitantes nos próximos quince anos) e unha insán endogamia política, condicionada polo carácter hereditario da súa clase dirixente (un terzo dos actuais parlamentarios veñen sendo fillos de notables), o que dificulta a renovación de formas, contidos e propostas políticas. O propio Aso, casado coa filla de Zenko Suzuki, xefe do goberno entre 1980 e 1982, e neta de Shigeru Yoshida, cinco veces primeiro ministro entre 1946 e 1954, é un exemplo ben claro. Outro tanto do mesmo podería dicirse de Fukuda ou de Abe e de boa parte da clase política nipona. Sen renovación efectiva do liderado e unha maior permeabilidade social será complicado para Xapón desprenderse das tutelas que condicionaron toda a súa evolución dende a posguerra. Para ben e para mal. É hora de emanciparse.