Sen ser conscientes, cada unha dos centos de accións que levamos a cabo en internet a diario ten como consecuencia un aumento da nosa pegada de carbono. Aínda que medir a pegada de carbono derivada do consumo dixital non é unha tarefa fácil, algúns estudos estiman que cada procura na rede, das que facemos decenas cada día, suporía unha emisión de entre 0,2 e 1,45 gramos de dióxido de carbono. Cada visita a unha páxina web emitiría 1,76 gramos, un correo electrónico enviado 4 gramos, e cada un dos correos almacenados no ordenador xeraría arredor de 10 gramos de CO2 por ano. Por outra parte, visualizar durante 30 minutos un vídeo en Youtube emitiría aproximadamente 3 gramos de CO2, mentres que unha hora de transmisión da ben sucedida Netflix podería liberar máis de cen gramos de CO2.
Hoxe en día, en plena cuarta revolución industrial, ninguén nega que a chegada da intelixencia artificial suporá un salto cualitativo en moitos aspectos da vida cotiá. Pero este salto dixital precisará, e precisa xa, de maior potencia de cálculo para as procuras de información, requirindo como consecuencia de maior consumo enerxético. Polo tanto, se ben o incisivo proceso de dixitalización pode ofrecer moitos avances no futuro, non todos os aspectos da vida se verían necesariamente beneficiados da súa chegada. Un exemplo sería o ámbito do medio ambiente. A contaminación dixital é un problema en aumento, un problema que está ligado en gran medida a un crecente consumo de electricidade por parte do sector TIC. Este consumo das TIC supón na actualidade por volta do 7 % do consumo eléctrico total mundial, con previsión de que poida chegar a ser o 13 % en 2030, segundo estima a UE.
A dualidade ambiental da programación europea
O 21 de xullo de 2020, o Consello Europeo acordou un instrumento excepcional de recuperación temporal coñecido como Next Generation EU por un importe de 750.000 millóns de euros. O Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia (MRR) constitúe o núcleo do Fondo de Recuperación e foi dotado con 672.500 millóns de euros. Este MRR presenta entre os seus catro obxectivos fundamentais o apoio á transicións ecolóxica e a promoción do crecemento sostible, pero tamén o apoio á transición dixital.
O traslado estatal e autonómico
Pola súa parte, o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España prevé a mobilización de máis de 140.000 millóns de euros de investimento público ata 2026, con especial énfase no pulo contracíclico (un emprego dos fondos que algúns viñamos demandando desde a Gran Recesión) no período 2021-2023. Como traslado das orientación europeas, o plan inclúe entre os seus catro eixos, como non, o apoio á transición dixital, pero tamén á ecolóxica. Tanto é así que un instrumento ultimamente en boca de moitos como os PERTE apoia ao mesmo tempo proxectos que poderían ser en ocasións contraditorios, como acontece cos do eido da dixitalización e da descarbonización da industria.
No nivel autonómico a programación FEDER presenta a mesma dualidade dixitalización-medio ambiente entre os seus dous primeiros obxectivos políticos. Así, parte dos proxectos presentados polo goberno autónomo nos PERTE enmárcanse na modernización e dixitalización do tecido produtivo e da administración, ao tempo que outros pretenden fomentar a transición ecolóxica.
O mundo pode estar cheo de contradicións, e a programación e planificación de políticas económicas non está exenta delas. Ou como dicía Bertolt Brecht, “só está vivo o que está cheo de contradicións”. Mais a existencia destas contradicións non debería ser óbice para que estas sexan abordadas. Así é que no contexto planificador quizais se deberían ter máis en conta factores como a chegada da intelixencia artificial, e outros avances dixitais, que aumentarán a pegada de carbono. Polo tanto, sería conveniente repensar unhas programacións e financiamento que permita mitigar os efectos medioambientais da crecente dixitalización e da irrupción da intelixencia artificial.
[Artigo publicado, con modificacións, en Nós Diario o 01/07/2023]