Publicado orixinalmente en Nós Diario, 3 de agosto de 2025
pexels-photo-33376675-33376675.jpg

A economía de China, entre o descoñecemento e a hipocrisía occidental

Coñecer a economía e política de China é crucial para comprender as mudanzas da dinámica global nas últimas décadas. China é hoxe unha realidade no grupo de países que exercen o liderado mundial, o que unido ao tamaño do país, ao seu desenvolvemento tecnolóxico e á súa influencia internacional fan que sexa un obxecto de crecente interese a nivel económico, político, institucional e académico.
Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

Tras pasar da pobreza á riqueza en apenas catro decenios, China ten hoxe a maior economía do mundo en termos de paridade de poder adquisitivo (PPA9. China é ademais o maior exportador e o segundo maior importador do mundo, cun impacto máis que significativo nos mercados internacionais. Desde o punto de vista tecnolóxico China veu logrando importantes avances, especialmente en áreas como a dixitalización, a intelixencia artificial, o internet das cousas e as enerxías renovables. En canto ao investimento estranxeiro, as rexións compiten pola captación dos recursos do país asiático. Nesa liña, o Novo Roteiro da Seda (Belt and Road Initiative) supón unha oportunidade de investimento exterior da que cómpre analizar a súa potencialidade e estudar as posibles formas de participación para o aproveitamento das capacidades nacionais.

Non é de estrañar este crecente interese en China tampouco desde o plano político, xa que China está a aumentar a súa influencia na política internacional, especialmente en áreas como o comercio, a seguridade e o cambio climático. Grazas ao crecemento económico deste e doutros países -fundamentalmente asiáticos-, emerxeu nos últimos anos un proceso de construción dunha nova orde multipolar mundial na que agroman institucións e acordos que así referendan. Desde a creación en 2015 do Banco Asiático de Investimento en Infraestruturas (BAII) -a segunda institución de desenvolvemento multilateral máis importante no mundo, que ten como obxectivo mellorar os resultados económicos e sociais en Asia-, ata a ampliación dos BRICS formalizada este mesmo ano, pasando pola participación de China en todos os organismos da ONU, sen dúbida impulsada polo seu principio de Coexistencia Pacífica.   

Mentres todo isto acontece, a Unión Europea atópase nunha encrucillada. Presionada por un socio norteamericano que se atopa en pleno repregamento fronte ao crecemento chinés, o debate xorde entre a aceptación do xogo proteccionista e das presións estadounidenses ou o desenvolvemento dunha estratexia integral propia nunha Unión cuxa conformación política e competencial non está completa aínda. Cando menos ese é o debate que se transmite a través dos medios. No actual contexto, a realidade presenta matices e a posición da UE volve ser tibia, aceptando os últimos aranceis norteamericanos ao comercio do 15%.

Mais a realidade non está exente de certa hipocrisía occidental con China. Así por exemplo, tras o aparente enfrontamento de EEUU e a UE con China, case nunca se visualiza nos medios que empresas como Tesla (USA) ou Volkswagen (Alemaña) teñen gran parte da súa produción deslocalizada ao país asiático. Unha deslocalización que foi consecuencia da conformación das cadeas de valor global derivadas da onda neoliberal iniciadas nos anos oitenta e noventa do século pasado polos países occidentais, facendo de países como China “a fábrica do mundo”.  Nesa mesma hipocrisía do debate sobre China, e fronte ao seguidismo da doutrina proteccionista de Trump, países como Alemaña e Francia exportan máis do 55% do total da UE ao país amarelo. Como contraste, noutros países falar de China aínda semella ás veces ser un tema tabú, o que posiblemente deriva da falta de coñecemento do mercado asiático e constitúe unha herdanza política que fai perder capacidade competitiva á economía estatal e autonómica. 

Neste contexto, a diplomacia académica ten un papel a xogar abrindo oportunidades de transferencia de coñecemento sobre o país asiático que permitan compensar as vantaxes competitivas chinesas en canto a nivel de estudo dos nosos mercados e das nosas institucións. Non hai máis que ver a balanza comercial de España e de Galicia co xigante chinés… E renunciar a mil catrocentos millóns de consumidores potenciais non parece o máis intelixente desde o punto de vista das empresas galegas. Non cabe dúbida de que iniciativas pioneiras como o Diploma de Especialista de Economía e Política China que pon en marcha a Universidade de Santiago de Compostela supoñen unha necesidade para a economía galega.