A educación popular, unha alternativa sempre posible

A comunicación e a educación son os elementos que máis influen na perpetuación dos sistemas. A Educación Popular parte da premisa de que o modelo actual de educación instrúe ó individuo para ser obxecto da transmisión do coñecemento, en vez de facelo suxeito da súa propia existencia e do seu entorno, para poder encarar a realidade que nos envolve. É moi difícil que poda darse unha mudanza no modelo político, económico ou social, sen unha mudanza no modelo educativo, sen que as persoas adquiran unha conciencia crítica para combater as desigualdades dun mundo dominado polos intereses dunha pequena parte parte da poboación.

A Educación Popular é unha corrente político-educativa construída nunha realidade concreta: a América Latina dos anos 70. Funcionou á par de revolucións liberadoras (por exemplo, a Revolución Sandinista de Nicaragua). O seu maior propulsor foi o pedagogo brasileiro Paulo Freire, e o seu propósito consistía en construir unha práctica pedagóxica e emancipatoria do ser, entendida como unha estratexia política de importancia crucial no contexto socio-educativo no que viviu. Freire desenvolveu prácticas educativas con campesiños analfabetos que loitaban polo dereito a traballar as terras, un movemento que logo se consolidou no “Movemento dos Traballadores Rurais sen Terra (MST)”. Impartiu coñecemento mediante o diálogo e a horizontalidade, dando por feito que este coñecemento que se ía crear surxiría das experiencias colectivas.

O primeiro paso consistiu en abandonar a idea de neutralidade na educación, xa que os sistemas educativos non se crean inocentemente, senón que constitúen unha forma sutil de exercer poder para perpetuar o sistema imperante. É importante lembrar que a inversión en educación forma parte das políticas públicas dos gobernos, e na maioría dos casos, poténcianse iniciativas rendibles para acadar o progreso e o crecemento industrial, construíndo seres útiles para a sociedade.

É preciso sinalar que a cultura escolar convencional está máis perto duns grupos sociais ca doutros. O curriculo escolar é homoxéneo a tódolos alumnos, tende a igualar, mentres acontece que lexitima a desigualdade, xa que as persoas que nas suas familias ou comunidades teñen saberes diferentes aos que se avalían nas escolas, vense máis rápidamente abocados ao fracaso. O fracaso escolar é comparativamente moito maior nas clases populares que nas clases máis privilexiadas, e resulta escandaloso admitir, que todo se debe a diferenzas individuais. É por todo isto, que pode considerarse que o sistema educativo reproduce as estruturas sociais, cuns obxectivos e cuns resultados, é dicir, respondendo a necesidades produtivas e do mercado, e non necesariamente as necesidades da maioría social
 
A tradición educacional persigue uns fins sen considerar os medios, está centrada na competitividade, na aprendizaxe de memoria de coñecementos que en moitas ocasións non son suficientemente reflexionados, e nunha xerarquía de base na que o alumno está  por debaixo do profesor.

Pola contra, esta pedagoxía educativa liberadora defende a comunicación e a interacción entre tódolos participantes no proceso para conseguir a liberdade humana, sendo de vital importancia o respecto entre as persoas. Con este modelo de educación crítico-transformadora, proponse unha interrelación entre o educador e o alumno a nivel horizontal, na que se aprenden e se ensinan conceptos mutuamente, e, por tanto, a base da metodoloxía é o diálogo.

É importante engadir que as opcións de ensino baixo esta filosofía pedagóxica non son moi abundantes, e, en ningún caso, son completamente públicas, debido a que o financiamento público para a educación ten outros obxetivos, pero existen alternativas. É o caso de “O Pelouro”, un centro de innovación pedagóxica e integración ubicado en Caldelas de Tui. Trátase dun centro concertado que comezou a súa andaina no ano 1972 e que foi privado das subvencións que viña recibindo históricamente trala asunción da nova Xunta de Galicia (Partido Popular) o pasado ano. Aínda así, segue funcionando con éxito, sendo recoñecido por psiquiatras e pedagogos europeos como un dos mellores centros onde o neno está situado no seu propio proceso de desenvolvemento.

Fomentar a construción dunha sociedade crítica é un dereito e unha obriga de tódalas persoas que conformamos esta sociedade. E tomando como referencia o MST como impulsor desta metodoloxía, deixo o lema que colga das portas das súas escolas: “Creemos nunha escola que desperte os soños da nosa mocedade, que cultive a solidaridade, a esperanza e o desexo de aprender, ensinar e transformar o mundo”.