A estratexia de contención

O medo ao efecto dominó, no que as fichas se van derrubando unha tras outra, semella inspirar a política da OTAN na nova Iugoslavia. En plena crise kosovar, occidente alentou as pretensións independentistas montenegrinas. Agora, cando Milosevic é o preso máis popular de Serbia, as presións van no senso contrario. Serbia é aos ollos dos diplomáticos occidentais quen debe controlar a zona sempre que se aveña a compromisos. Un Montenegro independente non sería máis que outra razón nas mans dos independentistas kosovares ou mesmo dos que dende a Voivodina reclaman autonomía ou fan acenos de esixir a soberanía. Unha Serbia, sen Montenegro e Kosovo e unha Voivodina autónoma, sería un pequeno estado no contexto das nacións balcánicas. Moitos estadistas occidentais seguen a ter o modelo decimonónico do estado ben metido nos miolos.

Nos primeiros anos setenta, os EEUU elixiron a estratexia da contención para evitar o efecto dominó no sueste de Asia. Optaron pola intervención directa en Vietnam, para impedir a extensión do comunismo pola zona. A táctica fracasou e, con posterioridade, foron os mesmos EEUU os que expandiron o conflicto armado a Laos e Camboxa. No actual panorama balcánico o pánico dos políticos occidentais é semellante. Temen que a ficha Montenegro arrastre tras de si a do Kosovo e mesmo a da Voivodina. Agardemos que o resultado non sexa tan tráxico para a humanidade como o foi no sueste asiático.

As eleccións do domingo confirman cousas ben sabidas. Por unha banda, o trunfo da alianza encabezada polo primeiro ministro Milo Djukanovic; pola outra o amplo apoio que teñen os partidarios de manterse dentro de Iugoslavia. Esto é a permanente disputa entre “brancos” (proserbios) e “verdes”(promontenegrinos). A escasa diferencia de dous puntos entre as dúas grandes coalicións deixa as cousas en mans da Alianza Liberal (decididamente independentista) e dos pequenos partidos da minoría albanesa e bosnia. A coalición de Djukanovic terá a maioría no Parlamento, mesmo pode que absoluta, mais estará moi lonxe dos dous tercios necesarios para convocar, segundo a Constitución actual, o referendo.

A relación entre serbios e montenegrinos ven de lonxe e case sempre foi amigable. Mesmo na convulsa década finisecular conseguiron aliviar as tensións e impedir os enfrontamentos que incendiaron os países veciños que ata había ben pouco formaban parte do mesmo estado. Para moitos Milo Djukanovic foi quen de evitar que a guerra chegase a Montenegro. Primeiro entendéndose con Belgrado, despois con Washington. ¿Por que non seguilo tamén nas súas propostas independentistas e afastarse dunha Serbia cun sentido excesivo da traxedia?. ¿Por que non recuperar a vella historia autónoma de Zeta, o antecedente de Crna Gora, que miraba máis para a outra beira do Adriático, a dúas horas de planadora e onde se poden realizar rápidos negocios de contrabando que permiten obter pingues beneficios, que para a vella Raska coa que houbo que loitar contra os otománs?. Mesmo, ¿como esquecer que durante centos de anos o comercio cos venecianos permitiu a Crna Gora manterse independente ata a formación da primeira Iugoslavia? ¿Por que non virar a cara para a rica Italia e darlle as costas á desfeita Serbia?

As razóns de occidente son exclusivamente xeoestratéxicas. Pouco útiles para convencer a gran parte do algo máis de medio millón de montenegrinos. Os novos gobernantes da cansada e debilitada Serbia tentan resolver a cuestión sen recorrer á forza. Kostunica, quen se podería quedar no paro de producirse a secesión de Montenegro, teno afirmado claramente: manteremos un comportamento democrático e aceptaremos calquera solución, mesmo a que supoña a separación de Montenegro. Neste senso propuxo a creación de dous estados soberanos e unha confederación entre ambos que tería unha única voz en Nacións Unidas e as competencias de política exterior, sistema monetario, alfándegas, transportes e comunicacións. A proposta de Belgrado foi rexeitada por Djukanovic por ser semellante á actual ou mesmo un retroceso, xa que na actualidade a RFY só controla o exercito e o espacio aéreo. En Montenegro, de xeito oficial, o marco é a moeda de uso dende hai meses.

Djukanovic segue a prometer o referendo de independencia. As posibilidades de que teña lugar son agora menores e as presións occidentais serán moito máis fortes. As advertencias do Grupo de Contacto (Francia, Alemaña, EEUU, Rusia, Gran Bretaña e Italia) e da Comisión Europea de cortar as axudas económicas e políticas influíron de xeito decisivo nas eleccións. O Ministro de Exteriores Británico, Robin Cook, lembraralle, o próximo mércores, a Djukanovic que non queren máis movementos de fronteiras en Europa. Claro que o mesmo dixeron despois da desintegración soviética e logo algúns correron a recoñecer a Eslovenia e a Croacia. ¿Lamentarase Djukanovic de non ter convocado o referendo hai un ou dous anos? ¿Evitará a estratexia da contención novos procesos de independencia no Balcán?