A acción exterior autonómica nun mundo multipolar: As fortalezas da EGAEX 2025-2029
Nun contexto de crecente complexidade da economía internacional, caracterizado pola multipolaridade, a rexionalización das cadeas de valor e a competencia por talento e investimento, as rexións adquiren un papel cada vez máis relevante como actores internacionais. Galicia, nacionalidade histórica coa súa singularidade cultural é unha autonomía cunha forte tradición migratoria, vínculos transnacionais e inserción europea, posúe activos significativos para desenvolver unha estratexia de acción exterior propia.
A EGAEX 2025-2029 sitúase nesta lóxica, buscando consolidar a acción exterior como política pública transversal e orientada a resultados.
Ademais, a atención á participación galega na Unión Europea é outro punto forte. A EGAEX identifica correctamente o impacto estrutural das políticas europeas na economía galega e propón mellorar a presenza nos procesos decisorios, o que é clave para unha rexión altamente dependente de fondos e regulación comunitaria.
Limitacións e aspectos críticos
Con todo, e a pesar dos avances normativos desta década, é posible observar algún aspectos de mellora da estratexia. Destacamos algúns a seguir.
En primeiro lugar, e a pesar dos avances, o documento adoece dunha certa ambigüidade estratéxica. Moitas das propostas céntranse en mellorar procesos (coordinación, comunicación, rexistro), pero non definen con claridade mecanismos para conseguilo, así como prioridades sectoriais ou xeográficas. Por exemplo, aínda que se menciona a diversificación cara economías emerxentes, non se establecen criterios claros de selección nin estratexias diferenciadas por país ou rexión. Isto limitaría a capacidade de orientar recursos de maneira eficiente.
Obsérvase tamén un predominio da dimensión administrativa sobre a económica. Desde unha perspectiva de economía internacional, sorprende o peso relativamente menor das políticas directamente orientadas á competitividade económica: atracción de investimento, internacionalización empresarial avanzada ou integración en cadeas globais de valor. Ademais, a EGAEX céntrase máis na arquitectura institucional que nos resultados económicos concretos, o que pode reducir o seu impacto real sobre o crecemento e o emprego.
Un claro aspecto de mellora é a falta de asignación de recursos e o axuste coa capacidade executiva. O documento non aborda de maneira suficiente a cuestión dos recursos (financeiros, humanos e técnicos) necesarios para implementar as medidas propostas. Para alén diso, a experiencia comparada indica que a efectividade das estratexias de acción exterior depende en gran medida da capacidade administrativa e orzamentaria. Sen un reforzo claro destas capacidades, existe o risco de que a EGAEX quede nun exercicio programático sen plena execución.
Ademais, a creación de instrumentos como a Comisión de Secretarios Xerais Técnicos ou o Arquivo Exterior, que foron propostas polo IGADI durante o contraste da EGAEX co Consello galego de Acción Exterior, suporían un avance significativo cara a sistematización das actividades internacionais, non foron incluídas na estratexia. Este enfoque sería coherente coas mellores prácticas internacionais en materia de “paradiplomacia”, onde a coordinación interadministrativa é clave para maximizar impactos.
A nivel de gobernanza e coordinación, a diagnose do documento do Plan de acción proposto pola IGADI engade un acerto que, na nosa opinión, debería ser incluído na EGAEX, ao identificar a fragmentación e falta de coherencia como unha das principais debilidades da acción exterior galega, tamén na comunicación pública. A proposta de crear unha “Comunidade da Galicia global”, acompañada por ferramentas como o portal dixital galiciahub.gal respondería a esta necesidade.
A énfase que tamén animaba o Plan de Acción do IGADI, na coordinación público-privada e multinivel (local, autonómico, estatal e europeo) podería constituír un elemento positivo en función de como se empregue, especialmente nun contexto onde a competitividade territorial depende da capacidade de articular ecosistemas.
No que respecta ao aproveitamento do capital relacional galego, a estratexia recoñece adecuadamente o valor da diáspora, da lusofonía e das relacións históricas de Galicia como activos diferenciadores. Iniciativas como o Plan Brasil, reclamadas desde o IGADI nos últimos anos, ou o Observatorio da Lusofonía Paz Andrade exemplifican unha orientación intelixente cara a nichos onde Galicia pode ter vantaxe comparativa. Non obstante, no documento non se observan nin prazos de execución nin ningunha garantía de que se poida executar.
Outra posible crítica nace da débil integración da estratexia co sector privado, co sector educativo e co terceiro sector. Aínda que se menciona a colaboración público-privada, o papel do tecido empresarial aparece pouco desenvolvido, e tampouco se concretan mecanismos específicos de participación das empresas na definición e execución da estratexia.
Nun contexto onde a internacionalización económica é clave, esta carencia resulta significativa. Por que non integrar accións de orientación estratéxica, por exemplo, coas institucións académicas e educativas? Un claro exemplo neste aspecto sería o caso de China, con necesidades evidentes de coñecemento do mercado por parte das empresas, que non se conecta coa acción institucional, diplomática e o ámbito universitario (coa iniciativa pioneira do Diploma de Especialista en Economía e Política China), recaendo en accións individuais de cada un dos axentes.
Existen tamén algunhas limitacións na análise do contexto global. O documento recoñece a multipolaridade, pero non desenvolve unha análise profunda das transformacións da economía internacional (tensións xeopolíticas, transición dixital e ecolóxica, reconfiguración das cadeas de subministración). Isto dificultaría a adaptación estratéxica galega a escenarios cambiantes.
Por último, outro aspecto viría marcado pola introdución dunha cultura de avaliación. En concreto, máis aló da avaliación intermedia proposta sen concreción, destacaría a necesidade de incorporación dun marco de indicadores e mecanismos de seguimento significativos en base a logros máis claros e específicos, algo tradicionalmente ausente nas políticas de acción exterior subestatais. A definición de indicadores cuantitativos e cualitativos apropiados suporía un avance cara a unha maior rendición de contas.
Recomendacións para o futuro
Á vista desta análise, inclúo algunhas posibles recomendacións para o futuro, entre as que estarían:
- Definir prioridades estratéxicas claras: É necesario establecer unha selección máis precisa de países, sectores e instrumentos, baseada en criterios económicos (potencial de mercado, complementariedades produtivas, vantaxes competitivas). Para optimizar a estratexia aprobada, recoméndase a elaboración dun plan de acción da EGAEX que facilite o seu desenvolvemento.
- Reforzar a dimensión económica da acción exterior: A EGAEX debería integrar de forma máis explícita políticas de atracción de investimento estranxeiro, apoio á internacionalización empresarial avanzada e posicionamento en sectores estratéxicos. Neste sentido, coordinar accións co IGAPE para a creación dunha antena en Brasil resultaría coherente coa atención prestada ao país na propia estratexia.
- Dotar de recursos adecuados: A implementación efectiva require un reforzo dos medios humanos e financeiros, así como a profesionalización dos equipos de acción exterior.
- Implicar activamente ao sector privado, institucións académicas, empresas e terceiro sector: Debe avanzarse cara a modelos de gobernanza máis inclusivos, onde empresas, clústeres e universidades participen na definición e execución da estratexia.
- Mellorar a intelixencia económica e a prospectiva: A creación de sistemas de análise e anticipación (intelixencia económica) permitiría adaptar a acción exterior aos cambios do contexto global.
Conclusións
A EGAEX 2025-2029 representa un paso importante na maduración da acción exterior galega, especialmente no relativo á súa institucionalización, coordinación e avaliación. Non obstante, para converterse nun instrumento realmente transformador, debe avanzar cara a unha maior concreción estratéxica, unha orientación máis clara a resultados económicos e unha maior integración co ecosistema produtivo.
Nun mundo cada vez máis competitivo e incerto, Galicia precisa dunha acción exterior ambiciosa, integradora pero selectiva e orientada ao impacto. O éxito da EGAEX dependerá, en última instancia, da súa capacidade para evolucionar nesta dirección, para coordinar os departamentos do goberno autonómico e os restantes axentes participantes da acción exterior galega, pero tamén na súa concreción e desenvolvemento orzamentario.
Descarrega o Informe anual Nós No Mundo 25-26 desde esta ligazón.

