20090105 washington barack obama equipo financeiro

A estrea de Obama

 Obama reunido co seu equipo financeiro; clic para aumentar
As medidas anunciadas o pasado 5 de xaneiro abundan no investimento público en infraestruturas de todo tipo, así como no desenvolvemento das industrias e tecnoloxías ambientais. Os republicanos tamén poden secundar o seu plan sen entrar en grandes contradicións co ideario que din defender: un 40% do seu monto finánciase a través de redución de impostos, unha medida que simpatiza coa filosofía aplicada en tempos por Reagan e ata hai pouco por Bush. [Foto: Barack Obama (segundo pola esquerda) reunido con membros do seu equipo financeiro en Washington o 5 de xaneiro de 2009].
 

A precariedade da economía estadounidense será o primeiro asunto na axenda de Obama. Fronte aos escrúpulos institucionais amosados para implicarse na moi grave crise de Gaza, deixou claro dende o primeiro momento que os problemas dos estadounidenses non podían agardar á súa toma de posesión, anunciando un plan de relanzamento económico cun custe que unhas fontes cifran en case oito billóns de dólares e que outros elevan ata dez billóns. O avance na súa redacción permitirá que o Congreso poida aprobalo a comezos de febreiro, a fin de evitar o contaxio dende o inmobiliario ou o automóbil a outros sectores e frear en seco o avance do desemprego (7% a finais de decembro).

As medidas anunciadas o pasado 5 de xaneiro abundan no investimento público en infraestruturas de todo tipo, así como no desenvolvemento das industrias e tecnoloxías ambientais. Os republicanos tamén poden secundar o seu plan sen entrar en grandes contradicións co ideario que din defender: un 40% do seu monto finánciase a través de redución de impostos, unha medida que simpatiza coa filosofía aplicada en tempos por Reagan e ata hai pouco por Bush. Os seus destinatarios inclúen os particulares e as empresas, co obxecto tanto de animar a demanda como de compensar as perdas de 2008 dos beneficios declarados nos cinco anos precedentes, facilitando así unha dispoñibilidade de efectivo co principal propósito de salvar empregos. O inmenso volume da actuación prevista vai supor, no inmediato, un aumento da débeda pública (o déficit orzamentario rolda os 1,2 billóns de dólares), a todas luces inevitable.

Noutra orde, as declaracións de Hillary Clinton ante o Comité de Relacións Exteriores do Senado, auguran un cambio de rumbo, cando menos nas formas, asegurando que a forza militar será usada unicamente como "derradeiro recurso". A reivindicación dunha diplomacia intelixente resulta dos fracasos da ausencia de diplomacia e de intelixencia, da marxinación de principios mínimos e do exceso de soberbia fronte a propios e estraños. A dirección que tomará a política exterior de Obama, pese a todo, segue a ser unha incógnita, aínda que estas declaracións, o perfil dos nomes que se barallan para acompañar á titular da Secretaría de Estado e as reiteradas alusións e coqueteos con certo centrismo deixan atrás a orixinalidade prometida durante a campaña electoral. Chegou a hora do realismo.