O non francés deixou a UE varada nun terreo escorregadizo. A pesar da recoñecida heteroxeneidade dos sectores que aglutinou o rexeitamento da Constitución, polo menos podemos identificar dúas certezas. A primeira, que en moitos sectores críticos co texto pesou a súa asociación cun modelo de Europa afastado das preocupacións sociais, impulsora da directiva Bolkenstein, neoliberal, ou, como moito, socioliberal, en proceso de solapada deconstrución dun modelo social que durante décadas serviu de referente do capitalismo europeo. A segunda, que no non franco-xacobino estaba totalmente ausente a reivindicación dunha Europa dos pobos, e asentaba no esencial na noción de cidadanía, pouco comprensiva coas demandas de construción dunha Europa diferente, dignificadora das identidades máis fondas que a conforman. Isto último, claro está, era moito pedir, e soamente pode expresarse alí onde o arraigo das convicións identitarias presenta signos de probada solidez e mesmo neste caso, a opción polo non é controvertida para quen pensa que na Unión está máis a solución que o problema, dende a perspectiva estritamente nacional.
O divorcio entre esa maioría do non francés, tan democraticamente sana, alargada agora cun escepticismo rampante que actúa como unha trituradora irrefrenable do texto constitucional en numerosos países, e unhas institucións moi maioritariamente comprometidas co si, suscita un perigoso vacio que, como sempre, é terreo abonado para todo tipo de feirantes e apóstolos. E nesta aparece Tony Blair, o laborista símbolo da Europa neoliberal e atlantista, que parece disposto, co seu habitual cinismo, a liderar a receita máxica: non queres caldo, toma sete tazas! O que se pode agardar das celebradas gracias de Blair é cousa ben sabida. O que anda a dicir por Europa é o mesmo que dixo hai uns anos a propósito da terceira vía no Reino Unido, engatusando a moitos, mesmo aquí, co seu sorriso profiden e frases agora desempolvadas novamente.
O líder británico di que é un europeísta entusiasta e avanza ideas para a redefinición do proceso europeo. Que sexa Blair o encargado de dar unha resposta ao non francés, virando á contra do que semellan querer dicir uns electores demandantes dunha Europa máis social, non é o único paradoxo deste asunto. Moito non tamén é antiatlantista e partidario dunha Europa con voz propia no mundo, defensora da paz e da legalidade internacional. Non obstante, Blair é o capitán da alianza con Washington e sumando a xermana Merckel, se vence no outono, e a ringleira de líderes do leste que ambicionan os fondos comunitarios pero abrazan a política de Bush e temen toda aproximación europea a Moscova, quédanos unha Europa máis americana ca nunca. E non só por seis meses.
En resumidas contas, a alegría do desconcerto pode durar ben pouco. Todos os poderes foron vencidos pola cidadanía nunha loita extremadamente desigual, pero o desamparo producido pola inexistencia de espazos políticos organizados e con presenza nas institucións debería activar propostas innovadoras para que a democracia participativa tamén se abrise camiño nunha arquitectura comunitaria que evidencia desfases e carencias que a poden atragantar profundamente. Pero as respostas non van por aí nin cabe agardalas.
Nesa esixencia de maior adecuación ao sentir cidadán, sería o momento de concretar con urxencia unha Europa alternativa, un Portoalegre europeo que proxecte a Europa posible fronte á peor das imaxinables. Daquela, Blair non poderá seguir dicindo que "entendeu a mensaxe" para logo negala.

