O mesmo Sarkozy que tan rapidamente defraudou as expectativas dos franceses promete agora aos cidadáns da UE a salvación do concepto de integración europea situando a UE máis preto dos problemas dos cidadáns. O temor a protagonizar unha presidencia rotatoria marcada por unha reedición forzada do debate sobre a reforma institucional, diríase que inevitable tralo non irlandés ao Tratado de Lisboa agora agravado pola negativa do presidente polaco "que non será a derradeira "resistencia" a xulgar polas declaracións dos líderes checos", leva a Sarkozy a trasladar as controversias, non menos substanciosas, a outros ámbitos onde os acordos, difíciles en moitos casos, poidan inverter as dinámicas europeas, cando menos á lus da opinión pública.
Pero ata falando de inmigración, de enerxía ou de cambio climático, as posicións dos estados membros, mesmo dos cualificados como centrais (Francia, Alemaña), están lonxe de ser idénticas. Pode haber acordo sobre a necesidade de reducir o consumo enerxético ou na aposta polas enerxías renovábeis, pero non é doado establecelo nin sequera sobre o sistema de cálculo das emisións contaminantes nin respecto á aposta, tan querida por Sarkozy, da enerxía nuclear ou a redución da dependencia dos hidrocarburos procedentes de Rusia, aspectos nos que Berlín defende posicións propias que comparte con pronunciamentos políticos máis críticos con Moscova do que se estila en París. Outro tanto podería dicirse da defensa común, dificilmente crible como argumento dunha política autónoma cando é impulsada por quen integrou a Francia na cociña da OTAN e amosa tanta unidade de criterios coa esmorecente Administración Bush.
Pese a iso, á instrumentación de políticas que aos ollos dos europeos permitan percibir na UE utilidades prácticas, a perda de cohesión é de groso calibre e, polo mesmo, dificilmente substituible por loas ao proteccionismo. As supostas ideas e ideais da UE, sempre proclamados tan pomposamente, que trasladaban aos cidadáns un certo compromiso coa xustiza e outras causas nobres, están en horas baixas. Erra, pois, Sarkozy: non é que os cidadáns estean cansos dunha reforma constitucional interminable, senón que discrepan dos retrocesos da UE en múltiples campos que se empeñan en presentarnos como avances e adaptacións á mundialización. Fallando no diagnóstico, será difícil que as solucións achegadas permitan reverter o actual proceso. Europa seguirá no andel á espera de mellores tempos.