A extrema dereita, no corazón de Europa

Finalmente a alianza da Unión Democrática do Centro (UDC) na que esta integrado o Partido Popular Suizo (SVP) de Christoph Blocher converteuse na opción máis votada nas eleccións federais . O sistema de distribución territorial permítelle aos socialdemócratas (SP) manterse como o grupo con maior representación. A terceira forza seguirá a ser o Partido Radical Democrático que mantén os 45 postos que tiña con anterioridade. Os demócrata cristiáns PDC)quedan en cuarto lugar.

O efecto autríaco de Jörg Haider e o seu Partido Liberal (FPÖ) ,semella terse estendido á veciña Suíza.

O UDC, liderada polo adiñeirado industrial de Zürich, baseou a súa campaña no rexeitamento á integración na Unión Europea, na defensa da neutralidade de Suíza e, nomeadamente, na crítica das leis de asilo. As tensións balcánicas, nomeadamente a crise económica albanesa e o conflicto do Kosovo, provocou a chegada a Suíza da maior onda de refuxiados dende a Segunda Guerra Mundial. A sensación de inseguridade provocada por esta masiva instalación de albaneses e albano-kosovares ten sido aproveitada pola extrema dereita para atemorizar á poboación e obter un beneficio político.

O discurso da Blocher é moi semellante ao de Haider. Mesmo nas semanas anteriores o dirixente ultradereitista suízo foi duramente criticado por mostrar o seu apoio ao historiador "revisionista" Jürguen Graf, condenado a 15 meses de cárcere por racismo, que nega a existencia do holocausto.

Aínda que as orixes dunha e outra forza sexan distintas. O partido de Blocher é continuador da vella tradición agraria-conservadora na que os campesiños de orixe alemana, sobre todo de Berna e Zürich, se sentían representados. Ao clásico discurso de defensa da patria, da familia e da neutralidade suíza, Blocher engadiulle contundentes proclamas contra os impostos, os funcionarios e a integración na Unión Europea, na liña do ultraliberalismo tatcheriano. Mais sobre todo preocupouse de alimentar os medos provocados polos refuxiados balcánicos nunha sociedade que sempre puxo toda caste de obstáculos á integración dos números inmigrantes que recibiu dende a década dos sesenta, como ben saben os traballadores galegos.

A reacción ultraconservadora ante a globalización, o medo, a incerteza ante o futuro, e o abstencionismo da esquerda que non se sinte representada nos partidos socialdemócratas centroeuropeos poden explicar o ascenso de forzas de extrema dereita como a liderada por Jean Marie Le Pen en Francia, que non se recatou en criticar a entrega do colaboracionista nazi Maurice Papon por parte do goberno suízo, a Alianza Nacional en Italia, os liberais de Haider en Austria e agora o partido de Blocher.