No plano interno, hai dous problemas inmediatos na situación que vive Cuba nestes momentos, con Fidel convalecente. O primeiro é asumir a falta de Fidel. En teoría, sexa definitiva ou máis ou menos duradeira a súa ausencia, todo leva moito tempo preparado para afrontar esta continxencia. Pero a realidade é que a hipotética falta de Fidel pode notarse moito. Ata nas cousas máis inverosímiles. O tipo de dirixencia exercido por Fidel foi sempre a pé de obra, pendente de absolutamente todo, confiando pero supervisando, cunha capacidade verdadeiramente asombrosa para establecer prioridades e facer o seguimento a todo tipo de problemas. Moitos responsables están afeitos a ese megacontrol presidencial excepcional que agora ninguén asumirá. Iso pode ter consecuencias importantes a corto prazo no funcionamento do sistema, precario en por si en moitos aspectos.
O segundo ten que ver coa designación de Raúl como relevo, sen dúbida, unha elección tan esperada como cuestionada. Méritos aparte, que seguramente terá, socialmente é percibido na illa como fiel irmán de Fidel, pero incapaz para manexar unha situación tan delicada como a que pode abrirse proximamente se os problemas de saúde de Fidel se agravan. Ata os máis críticos deben admitir en Fidel unha capacidade de dirección realmente excepcional, da que Raúl carece. Terá outras virtudes, pero non esa. A converxencia da falta de Fidel e a sucesión en Raúl pode ter efectos negativos. Cun liderado feble, a dirección colexiada anunciada pode contribuír a aliviar a presión, pero tamén a acentuar as discusións que seguramente se producirán respecto ao camiño a seguir.
Poucos en Cuba cren que todo seguirá igual despois de Fidel. A el perdoábaselle case todo, pero non será así con quen veña detrás del. As cousas terán que cambiar, pero en que dirección? Con que posibilidades? Nin o modelo chino nin o mercado xeraron máis xustiza social e queda moito por salvar na illa, a pesar das súas contradicións. Cuba pode contar con certos apoios exteriores para garantir a subsistencia do réxime e, no plano interno, cunha longa ringleira de funcionarios dispostos a defender o sistema. Pero a sociedade agarda cambios. Se os novos dirixentes os lideran (Fidel non foi capaz) pode xerarse un novo consenso; se o inmobilismo se impón, as tensións poden aumentar. Cómpre reinventar de novo.