Numerosos festexos conmemoran a primeira década da retrocesión de Hong Kong a soberanía chinesa. A escasos meses dun novo Congreso do Partido Comunista, Hu Jintao presidirá os actos máis importantes coa certeza de que a apocalipse anunciada por tantos en ningún momento se chegou a producir. Poden subsistir conflitos entre Beijing e algúns sectores da sociedade hongkonesa, pero cómpre recoñecer que o apoio continental foi decisivo para superar as duras crises vividas no antigo enclave británico nos últimos anos: a financeira de 1997-98, a gripe aviar e o SARS (Síndrome Agudo Respiratorio Severo). No político, como cabía esperar, Pequín resistiuse a calquera tentativa de afondar na democratización, máis alá do aceptado no seu día no marco da negociación coas autoridades británicas, ata pouco antes da devolución escasamente preocupadas polos dereitos políticos dos hongkoneses.
Por outra banda, a fórmula “un país, dous sistemas” que ideara Deng Xiaoping para dar resposta a unha situación historicamente inédita e promover a reunificación de todos os territorios chineses funcionou en Hong Kong segundo o previsto, e mesmo dirán algúns que mellor do que cabía esperar, tendo en conta o respectivo cadro de evolución comparada: de entrada, á luz dos cambios operados, diríase que camiñou máis China cara Hong Kong que á inversa. Outra cousa é que a experiencia hongkonesa facilite o proceso en relación a Taiwán, a gran cuestión pendente na axenda unificadora. O triunfo dos soberanistas en 2000 afastou as posibilidades de avanzar por ese camiño coa illa rebelde. O líder taiwanés, Chen Shui-bian, mantén o pulso bilateral promovendo un proceso de afirmación da identidade nacional que trae de cabeza ás autoridades do continente. A mensaxe de Hong Kong para Taipei non ten dúbida: China garante a prosperidade.
Pero, sucumbirá Hong Kong? Nos últimos tres anos, o crecemento medio foi do 7,6% e a taxa de desemprego é do 4,3%, asegura Henry Tang, secretario de finanzas desta rexión administrativa. É certo que se hoxe reunimos as bolsas de Shanghai e Shenzhen lograrían destronalo como primeira praza financeira chinesa (en termos de volume de transaccións), tamén que moitas sociedades transferiron as súas sedes ao prometedor mercado continental, ou que deixou de ocupar a primeira posición mundial en tráfico portuario, pero toda esa transformación non lle fixo perder o seu privilexiado status de praza financeira e de servizos que busca na complementariedade a estratexia adecuada para evitar o declive. China segue necesitando dun Hong Kong que dispón dunha man de obra altamente cualificada e inexistente no continente, aberto aos capitais e o comercio internacional e un centro financeiro xestor dos excedentes de liquidez da propia China. O cal non quita que deba producirse un permanente acomodo en función do crecente desenvolvemento dalgunhas cidades costeiras da propia China que, progresivamente, poderían asumir cometidos antes propios dun Hong Kong que hoxe aspira a exercer novos liderados noutros campos.