A Grecia dos Papandreu

Giorgos Papandreu continúa a estela familiar e acentúa o carácter dinástico da política grega, dende hai corenta anos en mans de tres grandes familias políticas que se reparten o poder de forma alternativa. Faino cunha vitoria que lembrou en Atenas o cambio que se produciu en 1981 da man do seu pai, Andreas, quen soñaba daquela con retirar a Grecia da OTAN. Cunha maioría tan aplastante que ata sorprendeu aos institutos de sondaxe, o novo primeiro ministro vai ter as mans libres para gobernar sen necesidade formal de chegar a pactos coa oposición, o cal multiplica a súa responsabilidade para atopar solucións á grave crise do país helénico, circunstancia que está na raíz da convocatoria anticipada destes comicios. Non obstante, Papandreu non disporá de ningún período de gracia. Os primeiros 100 días de reformas concretas que prometeu na súa campaña, cun calendario preciso, agardan un cumprimento sen escusas por parte dunha poboación irritada e desesperada cunha situación que non deixa de deteriorarse. O nivel desemprego pode achegarse ao 20% o ano próximo, cunha quinta parte da poboación vivindo por debaixo do limiar da pobreza.

A histórica derrota da Nova Democracia de Costas Caramanlis é inseparable desa dura realidade e dunha pésima xestión de asuntos como os incendios de 2007 e 2009, os disturbios de decembro de 2008, os escándalos de altos funcionarios durante o último lustro e a impotencia manifestada fronte á crise económica e financeira, a gota que colmou o vaso. A batalla pola sucesión quedou aberta na súa formación, con figuras postuladas como a ex ministra de exteriores, Dora Bakogiannis, un claro valor en alza.

Coa elección do PASOK, Grecia sitúase a contracorrente dunha Europa que semella apostar polo conservadorismo para saír da crise, confiando nas súas mans unha situación de emerxencia que lle custará remontar ante o esgotamento do vello modelo económico baseado no acceso ao crédito internacional, nas achegas dos fondos estruturais, o tirón consumista e o elevado valor do mercado inmobiliario. Tamén aquí precísanse mudanzas estruturais que requiren algo máis de cen días.

Giorgos Papandreu ten sobre a mesa unha autentica debacle. A débeda pública, agora equivalente ao 90,1 por cento do PIB, pode superar o 100 por cento a finais deste ano. O déficit está fóra de control e os acredores internacionais ameazan con rebaixar a cualificación de Grecia nos mercados. O remedio que apuntan, e reclaman, é a reforma do sistema de seguridade social, pero probablemente os votantes do PASOK déronlle o seu respaldo maioritario coa esperanza dun relanzamento das políticas sociais. Agora tócalle a él elixir.