Estados Unidos podería lanzar ataques militares contra Iraq en calquera momento, aínda que, por razóns operativas, difícilmente poderá inicialos antes de 2003. Non obstante, cunha economía en declive, a necesidade de alonxar o debate das eleccións de novembro das sospeitas de complicidade gobernamental coas corporacións en crise, podería forzar algunhas accións punitivas de certa envergadura. Despois de once anos de sancións por parte da ONU, illamento da comunidade internacional e constantes ataques militares por parte da alianza Estados Unidos-Gran Bretaña, o dominio de Sadam Husein semella máis consolidado ca nunca.
A idea de impulsar unha guerra "preventiva" contra Iraq para acabar con Sadam Hussein e as súas armas de destrucción masiva, conta aínda con certo apoio da opinión pública americana, pero con tendencia claramente á baixa se esta se desenvolve sen o apoio dos países aliados ou se implica perdas humanas importantes. O Pentágono, por outra banda, non semella en condicións de ofrecer probas verídicas das relacións existentes entre Bagdad e Al-Qaeda ou sobre un hipotético programa nuclear, acusacións ambas as dúas esgrimidas polo secretario de Defensa, Donald Rumsfeld, para xustificar a necesidade de protexer "aos nosos fillos". Mentres, Brent Scowcroft, xeneral retirado e conselleiro de seguridade nacional de Bush pai, publicaba no Wall Street Journal un elocuente chamamento contra o inicio dunha nova guerra contra Iraq, unindo a súa á voz de varios senadores republicanos que reclaman prudencia e outras que non dubidan en calificar de "ilexítima" toda acción de ataque preventivo.
Dende que o pasado 8 de xullo anunciou que recorrerá a todos os medios posibles para acabar con Sadam, todo se lle foi facendo costa arriba a Bush. Nin en Europa nin en Oriente Medio atopa o apoio necesario. Se palestinos e israelís non son quen de reanudar o proceso de paz, ningún país árabe apoiará abertamente un ataque militar contra Iraq. Soamente Blair e Sharon pechan filas arredor da ofensiva. China rexeita abertamente toda deriva belicista e Rusia expresa a súa desaprobación asinando un acordo económico multimillonario e a varios anos coas autoridades de Bagdad. Pero no Pentágono son conscientes de que a campaña anti-terrorista é a mellor oportunidade para derrocar a un réxime clara e indobregablemente hostil a Washington e principal desafío á política norteamericana en Medio Oriente.
Se non está claro o inicio das hostilidades a gran escala contra o líder iraquí, máis oscuras e fondas son as incertidumes sobre o inmediato futuro post-Sadam: ¿quen será o sucesor? ¿Qué forza política poderá substituir ao Baath? ¿qué iraquies estarían dispostos a desempeñar o papel de "Alianza do Norte" para reducir á minima expresión as baixas terrestres americanas? Barzani, líder da principal forza curda, ausente nos encontros de Washington a diferencia de Talabani, da Unión Patriótica, xa anunciou que "non correrán ningún risco se non podemos asegurar o resultado de cada paso". Barzani aínda lembra o levantamento armado de 1991 que Sadam reprimiu cruelmente mentres os paladíns dos dereitos humanos miraban para outro lado. Porque a súa política non sabe de principios, senón de intereses.