Plácido Castro foi detido na Coruña nos primeiros días que seguiron ao alzamento. Dende o cárcere insistiu en ver ao secretario da Falange, Pepe Trillo, a quen coñecía. Trillo non sabía quen era Plácido Castro pero si coñecía a Pachuco. Sabedor do perigo que corría naqueles momentos primeiros, pediu ao seu propio irmán Felipe que o metera nun coche e levarao a Carballo e de aí, cambiando de vehículo, a Muxía, para a casa do médico Alejandro Abella, de Izquierda Republicana. Un sopro levou á detención posterior de Felipe, pero Plácido xa estaba a salvo. Aquela rápida reacción e o apoio da rede de vínculos familiares, probablemente, salvouno. Así foi. Pero a partir de entón a súa vida sería outra e ben distinta á que imaxinara nos seus anos de estudo primeiro en Scarborough e despois en Glasgow onde agromara a súa vocación galeguista.

Nos meses seguintes, Pachuco, trinta e catro anos, refuxiado na Costa da Morte, calaba, pintaba as súas acuarelas e facía mobles de madeira, dos que algúns consérvanse aínda. Pero a causa contra el seguía. En xaneiro de 1940, o tribunal de responsabilidades políticas resolvía o seu expediente constatando que Plácido Castro Ríos fora un dos propagandistas do Estatuto e tivera responsabilidades directivas no galeguismo na Coruña (presidente do Partido Galeguista, fundador e presidente das Mocidades Galegas) e en Galicia, formando parte do comité que se fixo cargo do Goberno Civil en febreiro do 36, compromisario para as eleccións de Presidente da República, militante activo a favor do Frente Popular…
Plácido, cun saldo en conta daquela de dúas mil seiscentas noventa e seis pesetas, é sinalado a maiores como persoa de “opulenta posición económica” (polos negocios do seu pai), significouse publicamente, di, “pola intensidade e pola eficiencia da súa actuación a favor do galeguismo”, e foi por todo iso condenado a quince anos de inhabilitación absoluta, oito anos e un día de desterro a máis de cen quilómetros de Muxía e vintecinco mil pesetas de multa. A Alejandro Abella, quen fora denunciado tamén, impúxoselle unha multa de 5.000 pesetas.
Plácido Castro colleu entón o rumbo de Coruxo, Vigo, onde intenta refacer a súa vida con escaso éxito a pesar de contar coa solidariedade dos galeguistas e republicanos que sobreviviran (Paco del Riego, os Álvarez Blázquez, Xaime Isla…). Casa en 1944 en Cambados, onde tiña pasado algúns veráns familiares, e no ano seguinte instálase en Vigo, primeiro en Lepanto e despois en Reconquista. En 1949, previo paso por Lisboa, retoma o camiño de Londres tras un encontro mantido en Vigo o ano anterior con George Hills, británico de nai navarra, do servizo exterior da BBC. Oito anos máis tarde, cumpridos os tres lustros de inhabilitación, asentará definitivamente en Galicia, incorporándose como profesor de inglés nun instituto en Vilagarcía. Tiña 54 anos. Levaba vinte de exilio en exilio. Aínda así, con azos para culminar algunhas traducións nas que estivo anos traballando. Deixounos un 17 de xullo de 1967, véspera daquela data aciaga que truncara o seu entusiasmo. Dende aquela, nunca máis volvería a ser Pachuco.