A hora americana de Putin

¿Pode recuperar Rusia a súa condición de potencia á sombra de Estados Unidos? A recente visita de George W. Bush a Moscova evidenciou o xiro experimentado pola política exterior rusa, desentendida agora do compromiso pola configuración dunha sociedade internacional multipolar que minguara a influencia hexemónica de Washington; pragmática e realista a respecto dunhas capacidades limitadas pola febleza da súa economía e que acentúan a súa condición terceiromundista e fornecedora da enerxía que precisa o mundo desenvolvido.

O presidente de Estados Unidos ofreceu a Putin o seu apoio para a pronta entrada de Rusia na Organización Mundial do Comercio, solicitada hai sete anos. Para iso, a Casa Branca deberá impulsar un primeiro paso, o outorgamento a Rusia do estatus de "economía de mercado", definición que o Departamento de Comercio estadounidense non ten aínda moi clara e sobre a que deberá pronunciarse o próximo 14 de xuño.

As relacións económicas de Rusia con Estados Unidos están lastradas polas enormes restriccións impostas ás súas exportacións. Segundo Putin, non se trata de aspirar a preferencias nos mercados mundiais, senón a garantir un acceso non discriminatorio, incluindo tamén as importacións de alta tecnoloxía que en numerosos casos deben xestionarse a través de terceiros países. Aínda hoxe, máis dunha década despois da desaparición da URSS, non foi abandonada a emenda Jackson-Vanik, unha norma adoptada en 1970 que relaciona a normalización comercial con Moscova cos avances en políticas sobre emigración xudea e outros asuntos de dereitos humanos. Paradoxalmente, o Capitolio pode dar luz verde á supresión da emenda cando o Kremlin está inmerso en violacións en masa deses dereitos no Cáucaso Norte.

As relacións políticas tampouco están exentas de tensións por mor do entendemento de Moscova con Corea do Norte ou Irán, países cos que Rusia mantén unhas relacións importantes e de longo recorrido ás que non quere renunciar, cando menos por agora e gratuitamente.

O tema central da visita a Rusia, a firma dun tratado sobre a reducción de armas ofensivas estratéxicas que prevé a reducción de dúas terceiras partes no arsenal nuclear de cada un dos dous países, pasou a un segundo plano pola transcendencia das cuestións económicas tratadas.

O entendemento antiterrorista cimenta agora o que algúns se atreven a calificar xa de "asociación estratéxica", que podería recibir un notable impulso de confirmarse as expectativas que apuntan a Rusia como proveedor de petróleo da economía americana e a súa inclusión nos mecanismos de seguridade da OTAN, no marco do acordo que hoxe se asina na capital italiana.

¿Rumbo errático ou reorientación duradeira? O tempo dirá. Por riba das vontades conxunturais, os intereses de Rusia e Estados Unidos difícilmente resultarán coincidentes na mesma medida que acontece cos seus respectivos aliados tradicionais.