O interese occidental pola crise que vive Oriente Medio e o ascenso de Asia como futuro polo de poder ocultan a atención que África reclama para o mundo neste 2007. O momento luce decisivo para o continente africano dentro dunha conxuntura complexa, reflectida ante a necesidade de aplicar con decisión os Obxectivos do Milenio expostos no 2000 polo ex secretario xeral da ONU, o ganés Kofi Annan.
En materia política, o 2007 será ano electoral en África, tan clave como o 2006 foi para América Latina. Estes procesos electorais determinarán o futuro político do continente para os próximos anos. A máis importante cita electoral, no caso de que finalmente logre celebrarse, terá lugar en outubro en Côte d´Ivoire, cuns esperados comicios presidenciais que poden consolidar un proceso pacífico de transición de posguerra civil.
Un total de dez países irán ás urnas neste ano, entre eleccións presidenciais e lexislativas: Senegal, Benín, Mauritania, Nixeria, Mali, Burkina Faso, Alxeria, Camerún, Serra Leona, Marrocos, e Quenia. Resulta tamén importante considerar que estes procesos electorais estarán determinados polos resultados das eleccións presidenciais de abril e maio en Francia, principalmente de cara a súa influencia na África francófona. Neste sentido, a candidata socialista Segolène Royal xa adiantou, quizáis en clave electoral, cal será a súa prioridade en política exterior: África e os seus problemas.
En materia de eventos, pode que a conxuntura actual determine a importancia que ocuparía o continente africano para os centros de decisión do poder mundial. Son os casos do Foro Social Mundial de Nairobi e o seu impacto para os grupos alterglobalización; o cumios entre África e Francia ou as xuntanzas rexionais da Liga Árabe e dos xefes de Estado africanos. Con estes foros, África busca consolidar unha dinámica propia de mecanismos de integración interna e externa.
A este proceso engádense o ascenso de potencias rexionais como África do Sur ou Nixeria e a importancia que países como China, India, Xapón, Brasil, Irán e Venezuela están outorgando a África, o cal supón un cálculo acertado cara a conformación dun mundo pluripolar que permitiría ao continente incluír as súas demandas con maior forza nos foros internacionais e non só centrar a súa importancia baixo determinados asuntos xeopolíticos.
Pero a clave para África estriba en cómo Occidente está disposto a calcular a súa importancia e baixo qué parámetros de cooperación. Neste sentido, poucos avances poden esperarse, tomando en conta os acontecementos dos derradeiros meses. Basta observar a recente ofensiva en Somalia contra os grupos yihadistas islamitas, con apoio de Etiopía, que evidenciou a importancia que posúe África occidental dentro da estratexia antiterrorista de Washington.
Os recentes informes sobre a proliferación de grupos yihadistas en Malí, alí radicados probablemente ante a perda dun territorio estratéxico como Somalia, seguramente centrará a atención de Washington e os seus aliados en crear un mecanismo de seguridade colectiva que entorpeza os verdadeiros problemas que desangran a África: a pobreza e a fame, as crises humanitarias (Sudán), o atraso socioeconómico, a emigración masiva, o impacto de epidemias como a SIDA, a proliferación de guerras tribais (Côté d´Ivoire, Congo, Nixeria, Serra Leona, etc), os desaxustes democráticos e de cooperación exterior.
Todo isto sen esquecer a influencia nos acontecementos políticos africanos provocados polos intereses económicos occidentais cara as súas materias primas, principalmente o petróleo, minerais e diamantes, e a irresolución de conflitos de longa data como o estatuto para o Sáhara occidental.
África merece a atención global alén dos seus seculares problemas internos. En 2007 ou afronta este reto, ou afondarase o tradicional esquecemento mundial cara o drama do continente africano.