20080708 sapporo mbeki lula calderon hu singh

A hora do G-5

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Thabo Mvuyelwa Mbeki, Luiz Inacio Lula da Silva, Felipe Calderón, Hu Jintao e Manmohan Singh; clic para aumentar
Paralelo ao cumio do G-8 celebrouse a reunión do G-5, que reúne ás cinco principais potencias emerxentes do mundo, sendo o caso de Brasil, México, India, China e África do Sur. O G-5 reuniu tamén a outros 10 países en desenvolvemento, dentro dunha plataforma plural destinada a ofrecer unha visión alternativa sobre o desenvolvemento socioeconómico global. (Na foto, de esquerda a dereita, Thabo Mvuyelwa Mbeki (África do Sur), Luiz Inacio Lula da Silva (Brasil), Felipe Calderón (México), Hu Jintao (China) e Manmohan Singh (India), na reunión do G5 en Sapporo, Hokkaido-Xapón, o 8 de xullo de 2008).
 

O último cumio do Grupo do 8 celebrado na localidade xaponesa de Hokkaido semella confirmar as expectativas de indefinición e certa parálise dentro da plataforma que conforman as principais potencias económicas a nivel global.

A tenor da temática abordada e das posturas afincadas, pódese especular coa falta de concreción de mecanismos de consenso no G-8 para solucionar os problemas máis urxentes a nivel global, sendo estes a crise alimentaria, o encarecemento dos combustibles, as enerxías alternativas e o imparable problema do cambio climático.

Con estes asuntos na mesa, a última edición do G-8 veuse na obriga de atender esta manifestación de problemas transversais, a diferenza daqueles máis enfocados en factores xeopolíticos e de seguridade.

Paralelo a este cumio celebrouse a reunión do G-5, que reúne ás cinco principais potencias emerxentes do mundo, sendo o caso de Brasil, México, India, China e África do Sur. O G-5 reuniu tamén a outros 10 países en desenvolvemento, dentro dunha plataforma plural destinada a ofrecer unha visión alternativa sobre o desenvolvemento socioeconómico global.

O secretario xeral da ONU, o surcoreano Ban Ki Moon, advertiu en Hokkaido sobre a principal crise global existente neste momento e dos seus efectos interconectados. Así, os recentes problemas sobre a crise alimentaria e o encarecemento de combustibles confirmarían estas advertencias sobre a caducidade do modelo socioeconómico imperante desde mediados do século pasado.

Neste sentido, cumpre considerar a escasa asistencia neste cumio do G-8 á axuda prometida no 2005 a África. Os países africanos reclaman o cumprimento destas axudas, calculadas en 50.000 millóns de dólares para o 2010, e que están enmarcadas dentro do compromiso adquirido polas principais potencias de asumir os Obxectivos do Milenio da ONU estipulados para o 2015. Tamén foi notoria a ausencia de medidas para afrontar equitativamente o tema da inmigración ilegal, sen necesidade de adoptar políticas represivas como as que actualmente están en discusión e aplicación en Europa.

A falta de consenso tamén foi patente en materia de enerxías alternativas e, moderadamente, sobre o cambio climático. No seu derradeiro cumio, o presidente estadounidense George W. Bush confirmou tanto a súa caída de influencia como a súa escasa atención cara os problemas ambientais, a pesar do compromiso adquirido de reducir nun 50% a emisión de gases contaminantes para o 2050.

Pola súa banda, a chanceler alemá Ánxela Merkel semellou illada na súa pretensión de levar adiante un programa de enerxía nuclear que diminúa a excesiva dependencia do petróleo. A oposición rusa neste apartado confirma a posición de Moscova para afincarse como segunda potencial petroleira mundial, traducida na pretensión de seguir conservando cotas de poder global a través das repercusións xeopolíticas derivadas de ser unha potencia enerxética.

Se ben o G-8 amosa unha sensación de atasco e indefinición, un síntoma diferente semella derivarse dos cumios paralelos celebrados polas denominadas potencias emerxentes.

Na busca dun necesario equilibrio global, o cumio do G-5 confirmaría unha dinámica destinada a configurar un sistema multipolar de poder, onde países en desenvolvemento como China, India e Brasil, estarían en capacidade de afrontar unha posición central e, probablemente, decisiva na resolución destes problemas transversais e da adopción dun modelo alternativo de desenvolvemento.

En Hokkaido déronse cita dúas plataformas con visións diversas da situación mundial. Así, a urxencia por dar cabida a un modelo económico alternativo marcou o campo de diferenciación entre o G-8 e o G-5, afastando moderadamente a preponderancia de posicións "realistas" de poder, sostidas pola preponderancia dos asuntos xeopolíticos e de seguridade. Pode que así esteamos a asistir definitivamente á hora das potencias emerxentes e do mundo en desenvolvemento.