A efervescencia na que vive inmersa a China dende hai varias décadas produciu un considerable desenvolvemento económico, pero tamén un gran retroceso no que atinxe ás condicións laborais e os dereitos dos traballadores. Coexisten neste ámbito varios mundos diferentes. No sector estatal, en termos xerais, o colectivo laboral mantén en boa medida as vellas conquistas: estabilidade no emprego, seguridade social, etc. Na economía non pública, e especialmente na privada, as relacións laborais son pouco “harmoniosas”.
No mundo laboral, o desemprego, a precariedade, a desregulamentación e a falla de seguridade conforman un vocabulario preocupante. A masa de desempregados segue a crecer, se ben as cifras varían moito segundo as fontes. O problema está asociado, fundamentalmente, á reconversión das empresas estatais, que acumulan un considerable excedente de man de obra, pero cunha adaptación que se debe realizar de forma paulatina a fin de non provocar un nivel de descontento social que non poida ser xestionado polas autoridades. Nas provincias onde o peso do sector estatal é importante, por exemplo nas do norte do país, o desemprego, segundo algunhas fontes, supera o 20%. Estímase que a cifra de desempregados urbanos rolda os 24 millóns de persoas e outros 75 millóns procedentes do campo traballan de forma esporádica e temporal nas grandes cidades. Os subsidios son insuficientes na súa contía e na súa duración. Os servizos de reciclaxe profesional estanse poñendo en marcha, pero o cambio de modelo desenvólvese de forma lenta e insegura.
Por outra banda, a pesar de que a lexislación laboral esixe que as relacións entre empresario e empregado se detallen nun contrato de traballo, soamente dispoñen del dous de cada dez traballadores chineses da empresa privada. A cifra supón un 60% dos 150 millóns de inmigrantes rurais que buscan traballo nas emerxentes urbes costeiras. Segundo He Luli, vicepresidenta do Comité Permanente da Asemblea Popular Nacional, os sectores en que se violan máis a miúdo estes dereitos son a construción, a industria lixeira, o téxtil e a restauración. A falta de relación contractual deixa aos traballadores na máis absoluta indefensión: non poden recibir compensacións cando remate a súa relación laboral, non poden acceder aos servizos médicos, incluso no caso de accidentes laborais, nin tan sequera esixir o cobro do salario.
En canto á seguridade, a situación nas minas de carbón exemplifica a gravidade do asunto. Soamente en 2005, nelas rexistráronse 3.300 accidentes, causando a morte de 6.000 mineiros. Trátase dun problema complexo que require investimentos importantes en equipos e en formación dos propios traballadores, pero tamén a reavaliación dos obxectivos de produción, instrucións severas aos directores e aos propietarios, e a disposición de regras técnicas que non poidan ser obviadas con tanta facilidade. Os particulares e empresas obteñen os dereitos de explotación a prezos módicos ou de forma practicamente gratuíta en virtude das súas relacións (guanxi), as mesmas que os protexen cando se producen accidentes graves.
A situación do colectivo inmigrante é particularmente grave. Sobreviven en condicións pésimas no entorno das cidades, maioritariamente empregados na construción civil, e sometidos a todo tipo de abusos por parte de empresarios sen escrúpulos. En moitos lugares, a situación social é explosiva.
O movemento sindical na China, nucleado arredor da Federación Nacional dos Sindicatos (FNSCh), dispón de escasa autonomía. Durante moito tempo, aínda sendo coñecedor desta situación, secundaba a consigna partidaria: primeiro é a eficacia, despois é a xustiza. Pero as cousas están cambiando. O xiro social que Hu Jintao está a imprimir á política chinesa esixe dos sindicatos un compromiso cos novos problemas, pois do contrario quedarán totalmente deslexitimados e superados polos propios traballadores que optarán por autoorganizarse.
O labor da FNSCh non é tarefa fácil e debe ir mais aló do simples encadramento do colectivo laboral. Dos 730 millóns de asalariados, a FNSCh unicamente agrupa a 150 millóns e só existen sindicatos no 26% das 150.000 empresas de capital estranxeiro implantadas no país. A súa influencia e a súa forza, mesmo en termos cuantitativos, está en declive nos últimos anos.
A nova Lei de Contratación Laboral, agora mesmo en fase de discusión, é unha iniciativa moi importante neste cambio. É verdade que non recoñece o dereito de folga, mais estipula dereitos básicos e elementais que deben ser respectados por todo tipo de empresas (contratos laborais, indemnizacións por despido, dereito de negociación, etc). O goberno chinés, tantas veces acusado de exercer un rol represivo das loitas dos traballadores, promove esta reforma, pero as transnacionais opóñense firmemente para manter o statu quo nas relacións laborais chinesas e para beneficiarse dunha competencia á baixa nos salarios e nas condicións de traballo en todo o mundo.