A dantesca matanza na localidade siria de Hula, notificada o pasado 25 de maio e que deixou máis de cen civís mortos entre eles decenas de nenos, incrementa a máis de 10.000 as vítimas mortais do conflito interno que vive Siria desde marzo de 2011. Esta matanza pode, dalgún xeito, marcar un “punto de non retorno” dentro do conflito sirio e, especificamente, para o cada vez máis illado réxime de Bashar al Asad.
A dantesca matanza na localidade siria de Hula, notificada o pasado 25 de maio e que deixou máis de cen civís mortos entre eles decenas de nenos, incrementa a máis de 10.000 as vítimas mortais do conflito interno que vive Siria desde marzo de 2011. Esta matanza pode, dalgún xeito, marcar un “punto de non retorno” dentro do conflito sirio e, especificamente, para o cada vez máis illado réxime de Bashar al Asad.
Coa máis que visible parálise do plan de paz da ONU impulsado polo seu ex secretario xeral Kofi Annan e aprobado o pasado 14 de abril, o escenario interno sirio da conta dunha polarización de posicións entre as forzas leais ao presidente Bashar e as milicias do opositor Consello Nacional Sirio (CNS), enclavadas no denominado Exército de Liberación de Siria (ELS).
Polo contrario, a lentitude e ineficacia dos mecanismos diplomáticos e políticos destinados á solución negociada do conflito intensifica a sangría de vítimas mortais, mentres as presións de EUA, Europa e ONU intensifícanse cara Rusia e China, aliados exteriores do réxime sirio, a fin de propiciar un incerto e estratéxico cambio de posición. Por iso, a clave deste eventual cambio parece estar máis ben nas mans de Moscova, cuxo goberno mantén estreitas conexións comerciais e militares con Damasco.
Mentres diversos países comezan a retirar os seus embaixadores e suspender as relacións diplomáticas co réxime de Bashar al Asad, mediatizados polo estupor mundial causado pola recente matanza en Hula, a crise siria non parece ofrecer unha saída política negociada a curto prazo, a pesar dos esforzos e as iniciativas impulsadas desde fai meses polo ex secretario xeral da ONU, Kofi Annan.
Este escenario contrasta cos intentos doutros países árabes, como é o caso de Exipto, de definir o seu futuro político a través de eleccións xerais, tal e como aconteceu nas recentes eleccións presidenciais exipcias, coa celebración a mediados de xuño da segunda volta entre o candidato islamita Mohammed Mori, e o ex primeiro ministro Ahmed Shafiq, abandeirado do establishmentpolítico e militar. No caso sirio, todas as expectativas apuntan a unha eventual intervención militar occidental similar á acontecida en 2011 en Libia. Pero a realidade amosa severos contrastes entre ambos casos.
Os contrastes entre Siria e Libia
Pero a matanza de Hula, próxima á localidade de Homs, bastión principal da rebelión contra o réxime de Bashar, está reactivando as presións por unha intervención internacional en Siria similar á realizada pola OTAN en marzo de 2011 contra o réxime de Muammar al Gadafi en Libia. Pero nesta ocasión, a ONU e a OTAN sopesan os consabidos obstáculos derivados da negativa de Rusia e China a reproducir en Siria esa polémica intervención acaecida en Libia, en aras do cuestionable concepto da Responsabilidade de Protexer.
A diferenza do que ocorreu con Libia en marzo de 2011, coa intervención militar da OTAN baixo resolución da ONU (coa anuencia rusa e chinesa), e que propiciou a caída do réxime de Muammar al Gadafi, o contexto xeopolítico é visiblemente diferente no caso sirio.
Se ben pode argumentarse que, a diferenza do actual escenario sirio, os intereses enerxéticos occidentais xogaron un papel relevante no caso da súa intervención en Libia, as implicacións xeopolíticas e estratéxicas do conflito en Siria son diametralmente diferentes. A pesar de ser unha peza clave na contención da inmigración ilegal cara Europa, Libia corresponde a un escenario basicamente periférico e de escaso risco estratéxico para EUA e Europa, cunha relativa implicación xeopolítica na área do Magreb, a tenor do prolongado illamento do réxime de Gadafi, parcialmente solucionado nos derradeiros anos a tenor da súa apertura aos investimentos enerxéticos estranxeiros.
Cunha extensión territorial e desértica dez veces maior, os contrastes de Libia co respecto a Siria son evidentes. Libia posúe 6 millóns de habitantes contra os case 20 millóns existentes en Siria, e cun mosaico de máis de 150 clans familiares que fragmentan unha poboación menos homoxénea que no caso sirio, aínda que neste país é evidente o peso das diversas confesionalidades relixiosas e comunitarias, como a sunnita, xiíta, alauíta, drusos, cristiáns, maronitas, etc. Paralelamente, no aspecto da estrutura de poder, o réxime de Gadafi carecía dunha armazón institucional e militar de maior firmeza e consistencia, en claro contraste co caso sirio, moito mais homoxéneo ante a hexemonía política do partido Ba´ath.
No caso sirio, e dende a perspectiva occidental, resulta clara a súa vocación de desfacerse do réxime de Bashar, tomando en conta as súas alianzas con actores incómodos ou rivais da hexemonía occidental, como son os casos de Irán, Rusia, China e, incluso, Venezuela. Pero Occidente cuestiona igualmente a capacidade da polarizada oposición do CNS por estabilizar o país son unha absoluta incógnita. Tan só países como Qatar, Arabia Saudita e, incluso, Turquía, todos estes pezas estratéxicas occidentais, manifestan unha maior implicación no escenario sirio apoiando e financiando ás milicias do CNS.
Paralelamente, a inestabilidade siria ofrecería un escenario de elevado risco estratéxico para os intereses occidentais e do seu aliado israelí en Oriente Próximo. Con relativa intensidade, Damasco é unha sede exterior importante para movementos islamitas como o libanés Hizbulá e o palestino Hamás. O réxime de Bashar mantén unha alianza estratéxica militar, comercial e xeopolítica con Teherán, aínda que non exenta de fisuras, mentres eríxese igualmente como o aliado máis importante de Moscova en Oriente Próximo, cunha fluída relación militar e comercial, neste último caso igualmente extensible a China.
Por tanto, a eventual inestabilidade siria, con posibilidade de fragmentación territorial nas áreas interiores controladas polos rebeldes, abre a perspectiva viable de que o país se dilúa nunha guerra civil similar á acontecida na veciña Líbano entre 1975 e 1990, e cuxo impacto rexional implicaría igualmente ao Líbano(1), Israel, Iraq, Turquía e, con menor intensidade, Xordania e os territorios palestinos. O mosaico confesional sirio, a posibilidade dunha guerra civil e, incluso, a eventual e paulatina caída do réxime de Bashar, identifica unha polarización de alta intensidade na que os actores externos involucrados veríanse atrapados nun labirinto moi similar ao Iraq post-Saddam.
A masacre de Hula: O punto de “non retorno”?
Velaí que a matanza de Hula pode motivar un cambio inesperado de estratexias ante o conflito sirio. Esta masacre ocorreu con observadores da ONU en territorio sirio e en vésperas dunha nova visita a Damasco do propio Annan, orientada a reactivar un plan de paz que ven fracasando constantemente nas derradeiras semanas e que, ao mesmo tempo, permitiu ao réxime de Bashar seguir mantendo a principal variable de control do conflito interno.
A pesar do illamento internacional, só mediatizado polo táctico apoio de Moscova e Pequín e un maior apoio público por parte de Irán e, en menor medida, de Venezuela, o réxime de Bashar aínda semella manter estratéxicas bazas de poder. A pesar das desercións, mantén o control do núcleo central de poder dentro das Forzas Armadas e dos órganos de seguridade, a través do predominio do clan Asad e de membros da minoría alauíta. Paralelamente, e ata o momento, Bashar asegurouse o apoio político da comunidade sunnita, en especial do Gran Muftí Ahmad Badr al-Din Hassoun, quen non dubidou en criticar publicamente a Occidente por apoiar a presuntos “grupos terroristas” en Siria.
Esta alianza de intereses entre alauítas e sunnitas pode explicarse ante o temor de que a rebelión siria implique un cambio abrupto do delicado equilibrio de poder en Siria a favor dun maior predominio da comunidade xiíta, maioritaria no interior do país, e que ameazaría a hexemonía de poder en Damasco mantida nas últimas décadas polo clan familiar Asad. Este apoio ven igualmente determinado polo respaldo dos grupos económicos e burocráticos pertencentes ás comunidades alauíta e sunnita, asentados principalmente en Damasco, amparados polo poder do clan Asad e beneficiados pola apertura económica impulsada por Bashar trala morte do seu pai Hafez al Asad a partir de 2000.
Se ben este equilibrio de poder en Damasco semella aparentemente inquebrantable, a masacre de Hula pode alterar estes equilibrios entre altos cargos burocráticos e da estrutura de poder en Damasco. Ata agora ninguén se responsabilizou da masacre, pero tanto as milicias da CNS como a ONU e EUA apresuráronse en acusar de inmediato ás milicias paramilitares do réxime de Bashar como presuntos autores da masacre. Non obstante, tampouco sería exacto implicar directamente a presunta autoría de forzas irregulares do goberno dunha matanza que ocorreu no momento en que a misión de observadores da ONU se atopaba en Siria.
Ante o cúmulo de rumores e acusacións, o propio Bashar manifestou a súa intención de publicar unha lista de presunto mercenarios armados e terroristas presuntamente afiliados a grupos yihadistas e salafistas (implicando así a Al Qaeda), que aparentemente campan en Siria con apoio desde o exterior.
Nos derradeiros meses proliferan informacións sobre ingresos ilegais en Siria de grupos yihadistas armados provenientes de Iraq, Xordania e do Cáucaso, os cales denigran do “laico, socialista e panarabista” réxime de Bashar dominado desde fai décadas polo partido Ba´ath. Estes grupos están ocupando posicións de poder relevantes dentro das milicias do CNS, practicamente logrando constituírse en auténticas guerrillas urbanas con capacidade de penetración e ataque contra as forzas leais ao goberno sirio.
Precisamente, a irrupción destes grupos yihadistas intensifica este escenario de violencia caótica e sectaria en Siria, incluso acreditando as teses do goberno de Bashar de estar loitando contra grupos terroristas(2). A eventual consolidación deste milicianos yihadistas como guerrillas urbanas de relevante potencial, a tenor da súa experiencia combatente en Iraq, Afganistán e no Cáucaso, abriría un escenario de maior violencia e radicalización da que nin os sectores laicos da CNS nin tampouco as forzas armadas regulares leais ao réxime de Bashar semellan capacitados para controlar e afrontar(3).
Risco de explosión en Oriente Próximo
Se ben é Turquía o país que mais sufre a riada de refuxiados sirios na súa fronteira, a quen semella preocuparlle con maior atención a crise siria é a Israel, en especial ante a posibilidade de que a inestabilidade nese país permita o fortalecemento dun movemento xiíta radical de carácter islamita, que evidencien unha maior implicación iraniana e do Hizbulá no eventual escenario sirio post-Bashar.
Velaí a atención e a proliferación en Israel de informacións sobre presuntas operacións secretas en Siria, incluso dun presunto plan de intervención dende o exterior ordenado polo presidente estadounidense Barack Obama, ante o temor existente en Washington e, tanxencialmente en Tel Aviv, de que milicias radicais yihadistas se apoderen da presunta existencia do programa de armamento químico e bacteriolóxico sirio(4). Estas informacións aducen dos esforzos de Obama por persuadir e convencer ao seu homólogo ruso Vladimir Putin de levar a cabo esta intervención militar en Siria.
Co escaso marxe de acción da misión de Annan, a atención focalízase nos presuntos plans de intervención militar directa en Siria por parte de Washington e a OTAN, co apoio directo de Qatar, Arabia Saudita e Turquía e, tacitamente, de Israel. Pero tampouco esta opción semella unha saída clara e segura que, no caso de realizarse, igualmente intensificaría o conflito armado e civil en Siria.
Non obstante, a ambigüidade estadounidense de apoiar inicialmente o plan de Annan para posteriormente “dinamitalo” a favor dun maior apoio ás milicias rebeldes(5), revela o enorme peso dos intereses israelís e dos “falcóns” republicanos no Congreso en Washington, determinados a acabar co réxime de Bashar como unha “posta en escena” do seu obxectivo maior: debilitar a Irán e romper o eventual “eixe Damasco-Hizbulá-Hamas-Teherán”.
Precisamente, desde Irán xa comezan a advertir que a eventual intervención militar en Siria supón un apéndice da “guerra encuberta” de Occidente contra Teherán, e que ten a Israel como peza chave. Polo de agora, todo parece ser rumores e presuntos plans de guerra que no terreo aínda son difíciles de materializar. Incluso, fontes de intelixencia israelís(6) consideraron que o presidente estadounidense Barack Obama rexeitou categoricamente un presunto plan fraguado por París e Riad de ataque aéreo contra o palacio presidencial de Bashar en Damasco. O propio ministro de Defensa israelí, Ehud Barak, ata foi máis aló ao pedir unha intervención militar contra Siria.
Por tanto, o escenario é sumamente complexo e sumido nas incertezas. Non obstante, o drama derivado da matanza de Hula comeza a colocar todas as miradas en Rusia, o único país que aparentemente pode dar un envorco estratéxico de gran magnitude á crise siria.
A chave Putin
Diversas fontes informativas especulan con que o presidente ruso Vladimir Putin parece presuntamente determinado dar un envorco importante da tradicional posición ruso cara a crise siria, incluso matizando un eventual distanciamento co réxime de Bashar. As mesmas fontes israelís(7) informaron da eventual saída do barco de guerra ruso Profesor Katsman das augas sirias, mentres en Moscova parecen persuadidos a distanciarse e observar que Siria dilúese nunha inevitable guerra civil, radicalizada polas rivalidades dos clans políticos e comunitarios.
Un alto mando israelí advertiu esta semana que Siria encamíñase cara a un eventual “Estado fracasado” con posibilidade de desintegración territorial, cuxas implicacións de inestabilidade no actual contexto de Oriente Próximo derivaría nunha situación de absoluto risco estratéxico.
Por iso, a maioría dos gobernos e observadores da crise siria teñen a súa atención fixada en Rusia, tras Irán o aliado máis estreito con que conta actualmente o réxime de Bashar. Co plan Annan practicamente fracasado e a masacre de Hula como causa de estupor mundial, increméntanse as presións principalmente dende Occidente, por persuadir a Putin a un cambio de posición con respecto ao réxime sirio. Pola súa banda, e a pesar dos seus intercambios comerciais, China mantén unha prudente posición de “non inxerencia” e de “apoio ao pobo sirio”(8) que deixa abertas diversas expectativas, incluso en caso dunha eventual caída do réxime de Bashar.
O problema é que a matanza de Hula explota na faciana dun Putin que, tras asumir en marzo pasado e por terceira vez a presidencia rusa, anuncia o impulso dun plan de defensa nacional encamiñado a recuperar o prestixio do Kremlin no escenario internacional. Por tanto, aceptar unha eventual intervención da OTAN en Siria significaría para Putin un revés estratéxico considerable.
Pero mostrar distancia e frialdade ante a indignación internacional pola masacre de Hula igualmente deixaría ao presidente ruso nunha delicada posición. Toda vez, o seu illado aliado sirio Bashar vese responsabilizado, directa ou indirectamente, dun triste suceso que certifica como o conflito sirio escapa practicamente das mans dos seus principais actores involucrados.
1 De feito, os combates entre forzas leais ao presidente Asad e os rebeldes sirios xa se reproducen na localidade libanesa de Trípoli, perto da fronteira con Siria, principal bastión de forzas sunnitas rebeldes dentro do Exército de Liberación Sirio e da CNS. Para maior información, ver: “Syrie: La déchirure”, Jeune Afrique, Nº 2.681, do 27 de maio ao 2 de xuño de 2012. Páxina 50. Páxina web: http://www.jeuneafrique.com. Tralo asasinato do ex primeiro ministro Rafik Hariri en 2005, que deu paso a que o presidente sirio Bashar al Asad ordenara en 2005 a retirada militar siria do Líbano, tras mais de tres décadas de presenza e que certificaron de facto un protectorado militar de Damasco nese país, ven crecendo no Líbano unha tendencia sociopolítica “antisiria” actualmente no goberno, o cal identifica mais ben unha tendencia “anti-Asad”. Non obstante, o peso político e incluso de movementos armados do partido Hizbulá, tradicional aliado sirio, polariza o escenario libanés, aínda que no contexto da crise siria actual, o Hizbulá mantén unha expectante (e non menos intrigante) posición de distanciamento.
2 Ibid, páxina 50.
3 Ibid, páxina 50.
4 “Exclusive: Obama weighs action to prevent Al Qaeda grabbing Syrian WMD”, Debkafile, 31 de maio de 2012. Ver en: http://www.debka.com/article/22043/Exclusive-Obama-weighs-action-to-prevent-Al-Qaeda-grabbing-Syrian-WMD-
5 “Syrie: La déchirure”, op.cit, páxina 51.
6 “Obama nixes French-Saudi plan to finish Assad by bombing his palace”, Debkafile, 30 de maio de 2012. Ver en: http://www.debka.com/article/22041/Obama-nixes-French-Saudi-plan-to-finish-Assad-by-bombing-his-palace
7 “Russian arms ship turned away from Syria. President Putin’s first misstep”, Debkafile,29 de maio de 2012. Ver en: http://www.debka.com/article/22038/Russian-arms-ship-turned-away-from-Syria-President-Putin%E2%80%99s-first-misstep-
8 TRENIN, Dmitri, “El eje del No”, Foreign Policy en español, 18 de novembro de 2011. Ver en: http://www.fp-es.org/el-eje-del-no