20070125 washington david satterfield

A in-seguridade nuclear

 David Satterfield, clic para aumentar
O grupo de estudo do problema de Iraq recomendaba a Bush a apertura de negociacións directas entre EEUU e Siria e Irán. Abrir esa vía de comunicación significaría acabar cun absurdo tabú diplomático que, de persistir, podería propiciar un gran desastre. David Satterfield (na foto), coordinador para Iraq do departamento de Estado, sinalou a pasada semana que eses contactos poderían abrirse pronto. Non hai camiño mellor.
 

O diálogo hexagonal sobre o chamado problema nuclear de Corea do Norte segue o seu ritmo e cada parte semella disposta a cumprir cos compromisos adquiridos na última rolda de conversas celebrada en Beijing. Ademais do impulso ás negociacións bilaterais, Pyongyang convidou ao director xeral da Axencia Internacional para a Enerxía Atómica para visitar o seu país. Non obstante, as tendencias positivas que se manifestan no contencioso coreano, teñen o seu contrapunto no agravamento das tensións arredor de Irán. O informe entregado pola citada Axencia ao Consello de Seguridade o pasado 22 de febreiro sinala que Teherán non cesou as actividades de enriquecemento de uranio, tal e como lle esixía o Consello. O Grupo dos Seis (Consello de Seguridade máis Alemaña) comezaron a discutir o pasado 5 de marzo unha resolución que reforzaría as sancións impostas a Irán, quen insiste en que o Tratado de Non Proliferación non lle impide o uso da enerxía nuclear con fins pacíficos. Rusia e China enredarán canto poidan para moderar o ton da hipotética resolución.

Todos podemos coincidir en que, en efecto, o problema nuclear é un asunto que afecta á seguridade mundial. O sistema de non proliferación, que toma en consideración a natureza poderosamente destrutiva das armas nucleares, é unha resposta limitada, e interesada, para afrontar a necesidade de garantir a seguridade común de toda a humanidade. Polo momento non hai outro. Pero os dereitos nucleares de que gozan determinados países establecen un marco discriminatorio indiscutible respecto das necesidades de seguridade dos estados non nucleares. Esa desigualdade efectiva convertese en preocupación cando un determinado país é sinalado co dedo, limitando a súa seguridade, e inevitablemente esperta a tentación de acadar o status nuclear cuestionando todo o sistema de non proliferación.

E se o nuclear é unha expresión da seguridade global que non pode abordarse de xeito individualizado, tanto o contencioso de Irán como o de Corea do Norte, xorden, en boa medida, como problemas de EEUU cos citados países. A hostilidade de Washington, a súa política de confrontación, ven demostrando na práctica que a crise é irresoluble sen diálogo e sen ofrecer garantías de seguridade compartida e equilibrada. A mellora do clima en relación a Corea do Norte está directamente relacionada co cambio de actitude de Washington, facilitado polo establecemento do diálogo directo entre ambos países e a renuncia a instrumentar un cambio de réxime pola forza.

A busca da seguridade común é a esencia da solución pacífica dos litixios nucleares. Se EEUU aspira a negar a seguridade aos demais para afortalar a súa, ese desequilibrio agravará o conflito. En Irán, a complexidade é moito maior que na península coreana, entre outras razóns, por estar claramente vinculado aos intereses xeopolíticos de Oriente Medio e o futuro de Iraq. A señora Rice asegura que EEUU non ten intención de guerrear contra Irán, pero Cheney, na súa recente xira por Asia, sinalou que todas as opcións están abertas. Esa ambigüidade pouco axuda a atopar unha solución pacífica ao problema de Irán partindo da asunción de que a seguridade é un problema común.

O grupo de estudo do problema de Iraq recomendaba a Bush a apertura de negociacións directas entre EEUU e Siria e Irán. Abrir esa vía de comunicación significaría acabar cun absurdo tabú diplomático que, de persistir, podería propiciar un gran desastre. David Satterfield, coordinador para Iraq do departamento de Estado, sinalou a pasada semana que eses contactos poderían abrirse pronto. Non hai camiño mellor.