Todos agardaban unha resposta rápida e contundente. Van alá dúas semanas e a administración norteamericana segue a preparar a acción de castigo que marque o inicio dunha guerra prolongada contra o terrorismo internacional. O atraso non ven provocado só polo tempo necesario para operativos militares de grandes dimensións, senón tamén pola recomposición total das bases sobre as que se sostiña a política exterior da administración republicana.
Dende o remate da II Guerra Mundial, os EEUU véñense negando a unha solución imparcial do conflicto xudeu-palestino. É evidente que as razóns profundas do antiamericanismo de moitos musulmáns, mesmo dos máis moderados, non ven de agora. Tamén é obvio que unha acción terrorista das dimensións da ocorrida o pasado 11 de setembro, non se argalla nuns poucos días ou meses. Tampouco o é a paulatina substitución da organización paciente, da mobilización de masas e da racionalidade política polas solucións máxicas, rápidas e sanguentas envoltas en andrómenas relixiosas. ¿Mais por que se produciu agora?
En moitos círculos de poder do mundo árabe e musulmán tense xerado a sensación de que coa administración Bush non se avanzaba na solución do conflicto de Oriente Medio, senón todo o contrario. Só algúns exemplos. Durante os últimos anos do seu mandato, W. Clinton, recibiu en sete ocasións a Arafat; no tempo que leva Bush na Casa Branca non o fixo en ningunha ocasión. Na Conferencia de Nacións Unidas de Durban, mesmo para desgusto de moitos filoamericanos, a delegación estadounidense abandonou as sesións en apoio a Israel. Aínda máis, o vicepresidente Cheney deixou caer declaracións comprensivas cos "asasinatos selectivos" cometidos polo goberno israelí contra dirixentes palestinos.
Realmente a cuestión palestino-israelí era a única que preocupaba en Washington. O resto pouco interesaba. A política exterior republicana baseábase en reducir os gastos ocasionados polo política "intervencionista" de Clinton. Mesmo nalgún momento o daquela candidato fixera gala dunha ignorancia supina en cuestións de política internacional. Segundo o seu modelo non era necesario. De repente, tivo que facer un curso intensivo. O goberno norteamericano máis isolacionista dende a II Guerra Mundial tivo que tirar ao lixo os seus principios de política exterior e desenvolver unha actividade diplomática frenética para solicitar axuda sen perder os tics ameazantes: "Únanse a nosâ¦", "Axúdennos a deter a esta xente", "Ou están con nós ou contra nós,â¦".
Segundo pasaban os días o ataque inminente converteuse nunha guerra, mais que "non será só militar senón tamén política, diplomática e económica" en palabras do secretario de Defensa, Rumsfeld. Debería ter engadido tamén: "e policial", xa que foi por onde empezaron: reorganización dos servicios secretos e despregamento de axentes do FBI por todo o mundo.
As disputas no seo do goberno norteamericano deberon ser das que fan época. Por unha banda os partidarios dunha resposta ao estilo Clinton, lanzando mísiles Tomahawk de dous millóns de dólares contra tendas de campaña baleiras, pola outra os que preferían tempo para recompoñer a política exterior, conseguir un apoio masivo e a maior colaboración. Mesmo coa paciencia necesaria para convencer aos sauditas.
Non só a política exterior de Bush quedou ao pairo, tamén a de seguridade e mesmo o seu proxecto estrela do sistema nacional antimísiles. Moitos nos EE UU pregúntanse que lles pode pasar ao saír da casa ou ir ao traballo; outros si teñen sentido xa as enormes inversións previstas na defensa antimísiles, sobre as que Bush pretendía recuperar a economía e consolidar un dominio imperial incontestable, cando a ameaza non parece vir dos "estados bandidos" senón de "inimigos sen rostro".
¿Haberá resposta militar?. Seguro. Agora ben, mesmo esta será matizada e matinada. O único obxectivo territorialmente definido é Afganistán, pero o despregue masivo de tropas no país centro asiático é valorado como demasiado arriscado " medo a un novo Vietnam-. Atentos aos consellos dos xenerais rusos, os expertos norteamericanos optan por empregar pequenas unidades con tácticas de guerrilla ao tempo que se consegue apoios no interior (Alianza do Norte, ex monarca afgán,â¦).
En calquera caso, o castigo a un Afganistán sumido na miseria, mesmo o derrube do réxime taliban, non vai supor a victoria contra un terrorismo provocado por profundas desigualdades e históricas inxustizas. Só a sincera vontade de responder á cuestión que manifestantes paquistanís presentaban nunha pancarta: ¿Americanos, matinade en por que tedes concentrado tanto odio?, pode iniciar o vieiro para deter unha escalada sanguenta e a inestabilidade política en moitos estados musulmáns.