20080905 kiev dick cheney e yulia tymoshenko 02

A inestable balanza ucraína

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Dick Cheney e Yulia Timoshenko, clic para aumentar
Así, quedan ratificadas as liñas da política exterior do actual goberno ucraíno, especialmente ante o recente Cumio celebrado coa UE en París o pasado 10 de setembro e pola visita do vicepresidente estadounidense Dick Cheney a Kiev o pasado 5 de setembro. Neste sentido, a expansión occidental cara Ucraína podería persuadir a Rusia da necesidade de reaccionar, tal e como se viu na recente crise no Cáucaso con Xeorxia, precisamente ante a posibilidade de perda de control e influencia nesa periferia territorial encravada no antigo espazo ex soviético. (Foto: Dick Cheney e Yulia Timoshenko en Kiev o 5 de setembro de 2008).
 

Ucraína continúa deslizándose por unha aparentemente interminable crise política. Os dous liderados que levaron a cabo a denominada "revolución laranxa" de 2004, o actual presidente Viktor Yushenko e a primeira ministra Yulia Timoshenko, que forman unha feble coalición gobernamental dende hai só nove meses, están a protagonizar actualmente un novo divorcio político, con obvias consecuencias directas para a estabilidade dun país que conta cunha estratéxica situación xeopolítica ucraína para Occidente e para Rusia.

O ton agresivo semella apoderarse dos principais actores políticos. "Unha ditadura de estupidez, irresponsabilidade e caos" (BBC News, 16/09/2008) foron os cualificativos verquidos o pasado 3 de setembro por Timoshenko, en referencia á presidencia de Yushenko, no cargo dende xaneiro de 2005. Así, Timoshenko semella sentenciar o principio da fin da súa inestable coalición gobernamental.

A primeira manifestación da encarnizada loita polo poder que levaría a Ucraína á actual crise tivo lugar o pasado 6 de xuño, momento no que se produciu a deserción de dous deputados do gobernamental "bando laranxa", que lle faría perder a maioría parlamentaria ao denominado "Bloque Timoshenko" (BT). A tensión elevouse neste mes de setembro, cando o BT rexeitou a moción da presidencia que condenaba a Rusia polas recentes accións en Osetia do Sur e Abxazia, mostrando así unha clara tendencia prorrusa.

De seguido, os feitos que tiveron lugar durante as votacións dunha serie de leis aprobadas na Rada ou Parlamento facilitarían o procedemento de destitución do xefe do Estado ou ben a redución das súas funcións. Deste xeito, o partido na presidencia "A Nosa Ucraína- Autodefensa Popular" (ANUAP) formulou acusacións de confabulación do BT coa agrupación opositora "Partido das Rexións" (PR), liderada por Viktor Yanukovich, rival electoral de Yushenko no 2004, de clara orientación prorrusa.

Esta nova crise evidencia igualmente a persistencia dos intereses de tres actores externos, a Unión Europea, Rusia e EEUU, con repercusións ás que non serán alleos o proceso de expansión da UE e da OTAN, así como o polémico escudo antimísiles estadounidense.

Fronteira de dous mundos

Para entender a importancia xeoestratéxica e xeopolítica ucraína, cómpre ter en conta a serie de intereses que involucran directamente a Europa, EEUU e Rusia. Un caso característico foi cando, en xaneiro do 2006, o fracaso das negociacións de Moscova con Kiev polo prezo do gas natural levou a un recorte do subministro a Ucraína por parte da empresa petroleira rusa Gazprom. Ante tal feito, Europa reaccionou debido a que o 20% do seu subministro enerxético de gas natural achégase por medio de gasoductos ucraínos, sendo Rusia a súa orixe.

Ucraína non é unicamente unha fronteira entre dous grandes bloques como Occidente e Rusia senón que tamén conta con recursos dos que a Federación Rusa (en tanto país exportador) e a Unión Europea (en canto importadora), son moi dependentes. Velaí a polémica xurdida pola ruptura da tradicional neutralidade ucraína a raíz da apertura de negociacións de ingreso na UE e na OTAN. Neste último caso, decidirá a súa entrada no próximo Cumio de Bucarest a celebrarse en decembro.

Así, quedan ratificadas as liñas da política exterior do actual goberno ucraíno, especialmente ante o recente Cumio celebrado coa UE en París o pasado 10 de setembro e pola visita do vicepresidente estadounidense Dick Cheney a Kiev o pasado 5 de setembro. Neste sentido, a expansión occidental cara Ucraína podería persuadir a Rusia da necesidade de reaccionar, tal e como se viu na recente crise no Cáucaso con Xeorxia, precisamente ante a posibilidade de perda de control e influencia nesa periferia territorial encravada no antigo espazo ex soviético.

Todos estes movementos confirman a tendencia proeuropea do goberno de Yushenko, restando coñecer cales serán as reaccións en clave política interna. Existe confusión en torno á posición de Timoshenko, tradicionalmente pro-occidental pero que nos últimos tempos semella acercarse á posición do prorruso Yanukovich. En todo caso, Timoshenko semella tentar constituírse no factor clave da balanza política ucraína.

Con este panorama, Rusia tamén xoga as súas bazas. O ex presidente e actual primeiro ministro Vladimir Putin ven anunciando desde 2007 que Rusia recobraría a importancia que tivo no pasado. Velaí a resposta rusa ante os intereses e as iniciativas xeopolíticas de Europa e EEUU en Europa do Leste e o espazo ex soviético, especialmente identificadas pola confrontación ante os procesos de declaración de independencia de Cosova e Osetia do Sur, do claro apoio estadounidense a Xeorxia e do proceso de expansión da UE ata os lindes da Federación Rusa.

Así, Moscova deixa claro os seus receos á participación ucraína no próximo Cumio da OTAN en Bucarest. Paralelamente, en Kiev e Occidente toman nota do sucedido en Osetia do Sur e Abxazia, a fin de que calibrar ata qué punto este escenario pode repetirse en Ucraína.

Un triángulo político inestable

A polarización no goberno ucraíno reflicte a opinión cidadá, tamén dividida entre Occidente e Rusia. Non obstante, o taboleiro político complícase pola existencia dun eixo intermedio identificado en Timoshenko (antano denominada a "dama do gas" polos seus millonarios negocios na industria do gas ucraíno), nunha posición que pecha un inestable triángulo político entre a pro-occidental ANUAP e a prorrusa PR.

Ante a actual situación de crise política formúlanse tres posibles alternativas: un proceso de diálogo aberto no seo do goberno; a creación dunha nova coalición gobernamental e parlamentaria; e a disolución da Rada, coa consecuente celebración de novas eleccións. Todo apunta á prolongación dun período convulso, cunha difícil reconciliación dos intereses entre a ANUAP e o BT, sendo a saída máis probable a convocatoria dunhas novas eleccións, con posibilidades de observar unha nova pugna electoral entre Yushenko, Timoshenko e Yanukovich.

Non obstante, do resultado deste posible escenario electoral a curto e mediano prazo pode derivar unha inesperada orientación xeopolítica para Kiev. Un deputado pro gobernamental, Taras Steskiv, confiou recentemente a un diario ruso que, sexa quen sexa o gañador deste hipotético adianto electoral, "tocará a música que escriba Moscova", dando claramente a entender que Rusia concentra unha gran capacidade de manobra dentro do espazo político ucraíno.

Nos últimos meses, Moscova volveu converterse nun actor clave da axenda internacional. Deste xeito, Rusia camiña cun renovado activismo que aposta por converterse no actor exterior clave de influencia nas antigas repúblicas ex soviéticas, centrándose en evitar o ingreso de Ucraína na OTAN e o seu acercamento á UE, así como a posible instalación do escudo antimísiles estadounidense. Moscova xa afirmou que, en tal caso, responderá tamén pola forza.

Todas estas variables confirman cómo a actual confrontación global entre Occidente e a Federación Rusa fai mella, no eido político, en Ucraína por mor do seu emprazamento xeoestratéxico. Ante tal clima de presión internacional, pode que o mais acertado para Kiev sexa postular un papel de neutralidade política, equilibrando as súas relacións coa Unión Europea, EEUU e Rusia, sen esquecer nunca as súas privilexiadas características xeopolíticas e, en función das mesmas, o papel que o seu goberno pode desempeñar. Un camiño nada fácil de seguir.