No marco dos 80 anos da creación das Nacións Unidas (organización na que a daquela República de China figurou entre o selecto elenco de potencias vencedoras e, por tanto, como membro permanente do flamante Consello de Seguridade), China redobra a súa aposta por mellorar o sistema de gobernanza global do pos-1945, que vén languidecendo e amosando a súa falta de representatividade e efectividade.
Nun ambiente xeopolítico internacional que exhibe fondas fracturas e alenta aventuras temerarias en diversas frontes, a IGG ábrese paso con cinco ideas-forza: o principio de igualdade soberana, a defensa do dereito internacional “sen dobres raseiros nin imposicións”, a aposta polo multilateralismo, o enfoque centrado nos pobos e a consecución de resultados efectivos e tanxibles. En relación co principio cardinal do sistema westfaliano, China fai fincapé no seu corolario da non inxerencia nos asuntos internos, que Beijing reivindica de xeito especial para defender o seu sistema institucional, a dirección da súa economía, o trato ás minorías dentro do seu territorio e, moi particularmente, o futuro de Taiwán. Proba do respecto extremo a ese principio é a (xenerosa) acollida ofrecida a Vladimir Putin e Kim Jong Un no marco do Día da Vitoria, líderes amplamente cuestionados noutras latitudes e foros internacionais, precisamente por vulnerar eses mesmos principios que China reivindica hoxe como núcleo duro da súa nova iniciativa global.
De maneira expresa, China manifesta a súa intención de reformar o sistema de gobernanza das Nacións Unidas “desde dentro” e non contribuír ao seu desmantelamento. Para facer efectiva esa reforma, cómpre atender en particular ao déficit de representatividade do sistema, de modo que se recoñeza o ascenso do denominado Sur Global. O mundo de 1945, que aínda non vira o pulo descolonizador —que elevaría o número de Estados de 50 a máis de 140 en apenas 30 anos—, reflectía na nova organización internacional liderada polos vencedores a distribución do poder (e do esforzo bélico) de entón. Oito décadas despois, tras a descolonización, a caída do bloque socialista e a globalización, o sistema de Nacións Unidas precisa dunha actualización que reflicta esas transformacións.
Ao asumirse como “firme construtor da paz mundial e provedor de bens públicos”, China reforza coa IGG a súa aposta polo multilateralismo e por un enfoque de desenvolvemento tanxible centrado nas persoas e nos pobos. O atraso na consecución dos obxectivos da Axenda 2030 é unha proba máis das fendas en materia de gobernanza, que inclúe cuestións de absoluta actualidade como a intelixencia artificial e o ciberespazo, segundo recolle o Documento Conceptual chinés.
Como xa se indicou, o lanzamento desta nova iniciativa global ten lugar no marco da conmemoración do 80 aniversario da vitoria sobre Xapón (e, por tanto, do final da Segunda Guerra Mundial). Esta efeméride adquire unha especial relevancia e simboloxía cun Xi Jinping arroupado polos líderes ruso e norcoreano baixo unha impoñente demostración de músculo militar en Beijing.
A diferenza do desfile celebrado hai 10 anos, a presenza de altos representantes de máis de 20 Estados do Sur Global, principalmente de Asia, África e América Latina, mostra que China non está soa nesta outra ollada sobre o futuro das relacións internacionais. Nun contexto de vulneración do multilateralismo e dos propios principios sobre os que se cimenta o sistema das Nacións Unidas —comezando polo da integridade territorial—, China preséntase como catalizadora do sentir de moitos Estados que perciben a perigosa deriva á que está exposto o sistema internacional.
Estas catro iniciativas globais chinesas están entrelazadas coa Belt and Road Initiative de 2013 que, co seu amplo espectro de disciplinas e materias, contribúe a darlle coherencia ao conxunto. De feito, na reunión da Organización de Cooperación de Shanghái celebrada en Tianjin o 1 de setembro, Xi volveu defender unha globalización realmente inclusiva a través da cooperación no marco da Belt and Road, da que xa forman parte máis de 140 países.
Ante tanta incerteza, ameazas e desafíos ao orde internacional vixente (guerras abertas, cambio climático, migracións, etc.), cobra forza a noción de “comunidade de destino compartido”, coa que China vén pregando desde hai máis dunha década, cando comezou a tomar conciencia da súa estatura, presenza internacional, capacidades e responsabilidades. China non é a de 1945; tiveron que pasar 30 anos desde entón para que o país iniciase o seu proceso de apertura ao mundo, que acelerou a comezos deste século até situar unha China renovada que se ergue firme en Oriente tras décadas de evolución (Xi Jinping, 2017)².
Con este posicionamento, desde os diferentes foros que China integra e lidera —como a OCS, os BRICS ou o G77+China—, Beijing condensa o seu discurso a prol do multilateralismo baixo a consigna duns vínculos internacionais máis democráticos, no marco duns Nacións Unidas actualizados. O reto será manter a coherencia entre ese discurso —ben recibido por boa parte da comunidade internacional— e as accións concretas de Beijing fronte aos conflitos e desafíos de diversa índole que afronta o planeta, para que a súa mirada alternativa sexa crible e logre concitar o respaldo dunha sociedade internacional que precisa liderados á altura dos retos do noso tempo.
- ¹ Ministerio de Relacións Exteriores da República Popular China – Documento Conceptual, 01/09/2025. Dispoñible en https://www.fmprc.gov.cn/esp/zxxx/202509/t20250901_11699916.html
- ² Xi Jinping, 2017.

