É tan longo o conflicto palestino-israelí que nin sequera lembramos a ciencia certa dende cando temos novas del. O que si sabemos e lembramos é que dende que comezou o longo Proceso de Paz en Madrid no 1991, a reclamación constante dos diferentes Gobernos israelís é a seguridade. Esta seguridade converteuse na pedra filosofal israelí; con ela xustifican o control militar sobre os Territorios Ocupados, con ela xustifican os restrinxidos controles nos postos fronteirizos, con ela xustifican as terras ocupadas polos colonos e a presencia permanente de reténs do exército, e así poderiamos continuar ata non atopar fin.
Pero todas estas cuestións non son máis que un espellismo porque con estas premisas de seguridade é cando máis asoballado e oprimido se sinte o pobo palestino e máis inseguridade se crea.
En 1982 Sharon comezou en Sabra e Chatila un camiño errado en busca da seguridade e confirmou a súa posición provocando o comezo dunha nova Intifada na Mezquita de Al-Aqsa. Agora remata a súa xogada empurrando a cidadanía israelí a unha das maiores situacións de inseguridade que teñan vivido dende a proclamación do Estado de Israel en 1948.
Dende hai medio ano, Sharon persegue os dirixentes palestinos e alenta o que el mesmo da en chamar asasinatos selectivos. Dende a súa chegada ó poder creáronse máis de 30 novos asentamentos, e dende hai unhas semanas xa non quedan máis que ruínas e despoxos humanos. Sharon derruíu todas as infraestructuras palestinas, cercou as cidades, asasinou sen piedade, arrestou e marcou a pel de todo o que consideraba sospeitoso. As matanzas sucédense un día tras outro. Na boca de toda a comunidade internacional está a palabra xenocidio e a situación na que mantén a Arafat, Presidente electo dos palestinos, é incualificable en pleno século XXI.
Poderíase continuar a enumerar as accións dun home que segue a ser Primeiro Ministro a pesar de estar a ser procesado nun tribunal belga por xenocidio, pero non é necesario, abonda para albiscar que así non se consegue a paz e a seguridade.
O pobo palestino non se vai render; non o fixo ata agora despois da súa longa penuria e seguirá e enfrontarse a un dos exércitos máis preparado, moderno e armado do planeta. E resucitará das súas cinzas como ave fénix para proclamar un Estado palestino libre e soberano que é de tódolos xeitos o único fin posible a este conflicto.
O problema será o odio, odio no que se está a fundar este novo Estado, odio do que se alimentan os nenos e xoves palestinos. Nada bo sae das mans de Sharon e con esta guerra cruel non conseguirá máis que fomentar a inseguridade na que a partir de agora vivirán caseque irremediablemente as próximas xeracións de israelís e palestinos ata que todo isto poida desaparecer da conciencia colectiva.
Como dixo un intelectual pacifista israelí: "As nacións se fundan sobre o mito e despois desta guerra os cimentos dun novo Estado palestino serán máis firmes que nunca e Yenín converterase no Stalingrado palestino".