Construción e Comercio Exterior
Panamericana freeway in Florida Buenos Aires Province

A internacionalización das empresas construtoras galegas

No ano 2011 tivo moita relevancia mediática a noticia da adxudicación da posta en marcha do ferrocarril de Alta Velocidade entre as cidades árabes de Medina e A Meca a un consorcio de empresas entre as que formaba parte a galega COPASA(1). Máis alá da posible mediación da monarquía española na consecución dese contrato, púxose de manifesto a capacidade técnica das nosas empresas construtoras para afrontaren retos internacionais complexos.
Liñas de investigación Economía Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

A presencia no exterior das empresas galegas da construción vén de lonxe, pero intensificouse a partir da crise inmobiliaria do 2008, que as obrigou a saír fóra á procura doutros mercados. España viuse moi afectada e iso derivou nun descenso do investimento público e unha caída na construción residencial, o que levou á busca de oportunidades no exterior, facendo da necesidade virtude.

Así, de maneira progresiva, a carteira de contratos no estranxeiro das construtoras galegas pasou duns 100 millóns de euros no 2014, ata os 600 millóns no 2016 e superando os 1.500 millóns no 2023 (2). Cómpre salientar un caso específico de internacionalización: o do Grupo Puentes, participada nun 66% polo grupo chinés CCCC, o cal revela o interese que espertan as nosas empresas no estranxeiro.

Para concretarmos, as empresas galegas máis importantes do sector son:

  • Constructora Sanjosé, cunha facturación no 2024 de 1.558 millóns de €, dos cales 252 proveñen do seu negocio exterior (3);
  • a mencionada Grupo Puentes, que facturou 434 millóns, dos cales máis da metade (240) veñen de fóra (4); e
  • COPASA, con 429 millóns facturados e 129 provenientes do negocio internacional (4) Cómpre remarcar que Inditex ten unha división encargada das obras de construción do Grupo (Goa investment) pero que ten como único cliente á matriz.
  • Ademais, hai outras empresas de menor tamaño que contan con presencia no exterior, como Extraco ou Espina& Delfín.

As liñas de negocio nas que están presentes abranguen dende obra civil, a máis coñecida (construción e mantemento de infraestruturas públicas), pasando por edificacións privadas e públicas, proxectos de enxeñaría, enerxía, explotacións hidráulicas, ata a concesión de servizos (residuos, auga, etc).

A maior parte das empresas citadas teñen negocios en Latinoamérica, Portugal e Oriente Medio, aínda que tamén están presentes en menor medida en África e Asia. Por exemplo, na súa carteira figuran a construción e explotación mediante réxime de concesión de autoestradas en Panamá e no Brasil, a construción dun centro comercial en Paraguai, a ampliación do porto mexicano de Veracruz, a construción e xestión de cárceres en Ecuador e Chile, a construción e mantemento do tren de Medina á Meca, etc. (2).

Dadas as características deste sector, onde os pedidos son a longo prazo, para contextualizar o desempeño das construtoras hai que distinguir entre os ingresos percibidos cada ano e a carteira de obras pendentes. Habitualmente estas empresas operan de forma independente e individual e outras, nos casos de concursos complexos ou de grande dimensión, forman parte dun consorcio ou UTE, como no caso de COPASA co tren á Meca, constituíndo un 11% do total do consorcio.

Como sucede noutros sectores, é moi importante ir da man de socios nativos, tanto polo seu coñecemento do mercado como por teren un mellor acceso aos concursos públicos convocados polas autoridades locais. Isto conleva o risco de afrontar litixios neses países, coa necesidade de contar coa axuda e asesoramento de avogados internacionais. Un exemplo diso é Copasa, que ten varios procedementos xudiciais pendentes en Chile (5). Ademais, como todo proceso de internacionalización, as empresas galegas teñen que afrontalo risco de operar nunha moeda diferente, moitas veces feble, que pode desequilibralas contas polas diferencias de cambio. Tamén cómpre salientar o risco político, pois a maioría destas oportunidades xorden en países inestables, onde a miúdo as relacións persoais pesan máis có marco legal en vigor.

Aínda así, malia estas dificultades, as empresas construtoras galegas son un exemplo de como competir con éxito no exterior, sen complexos, baseándose no bo facer técnico e manexando ben os riscos.

Notas ao pé

  1. https://elpais.com/economia/2011/10/26/actualidad/1319614379_850215.html / https://www.copasagroup.com/es/tag/ave/
  2. Estados de Información non financeira (EINF) 2023 de Grupo Puentes, COPASA e EXTRACO.
  3. Contas anuais do Grupo Empresarial Sanjosé SA. 2024. Dispoñibles na súa web https://www.grupo-sanjose.com/pt/informacion.php
  4. https://www.economiadigital.es/galicia/empresas/grupo-puentes-negocio-exterior-doble-san-jose-copasa.html
  5. https://www.laregion.es/comarca-de-ourense/presidente-copasa-ave-meca-es-proyecto-exito-que-fue-vendido_1_20240404-2440720.html