A decisión do Consello de Seguridade da ONU de aplicar unha zona de exclusión aérea en Libia, nun momento en que as tropas de Muammar al Gadafi preparaban o asalto final de Bengasi, bastión das forzas rebeldes, encamiña a este país do Magreb a un destino similar ao ocorrido con Iraq entre 1991 e 2003, que levou ao illamento internacional contra o extinto réxime de Saddam Hussein e a materialización de facto dun proceso de “balcanización” e separación territorial.
A decisión do Consello de Seguridade da ONU de aplicar unha zona de exclusión aérea en Libia, nun momento en que as tropas de Muammar al Gadafi preparaban o asalto final de Bengasi, bastión das forzas rebeldes, encamiña a este país do Magreb a un destino similar ao ocorrido con Iraq entre 1991 e 2003, que levou ao illamento internacional contra o extinto réxime de Saddam Hussein e a materialización de facto dun proceso de “balcanización” e separación territorial.
A resolución adoptada pola ONU o pasado 17 de marzo foi defendida por países como o Líbano, Francia, EEUU e Gran Bretaña, pero contou coa abstención de Rusia, China, Brasil, India e Alemaña. Esta resolución tamén contou co apoio de aliados occidentais como Catar, Arabia Saudita, Kuwait e Emiratos Árabes Unidos, algúns deles incluso dispostos a intervir militarmente en Libia baixo o paraugas dunha coalición internacional pero severamente atemorizados ante a perspectiva de expansión da rebelión popular árabe nestas monarquías petroleiras do Golfo Pérsico, tal e como sucedeu nestes días coa brutalmente reprimida rebelión en Bahrein, invasión militar saudita mediante.
No marco da discusión na ONU, diversos medios especularon con que Washington non estaba completamente convencido de aplicar unha solución militar contra Gadafi. Non obstante, o embaixador ruso ante a ONU, Vitaly Churkin, queixouse do marcado linguaxe militarista utilizado para defender a zona de exclusión aérea e a utilización da forza en Libia.
Como sucedera en Iraq xusto fai 20 anos, o eixe actualmente conformado entre Washington, Londres e París está decidido a reproducir un escenario similar agora en Libia. Contrario ao que sucedeu coa zona de exclusión aérea en Iraq e a posterior invasión militar contra ese país en 2003, nesta ocasión Washington coidou moito en garantirse o apoio da ONU a esta zona de exclusión aérea e, potencialmente, á intervención militar en Libia
Punto clave: controlar Cirenaica
Tras certificarse a resolución da zona de exclusión aérea, especúlase con que EEUU, Francia e Gran Bretaña están preparando bombardeos “quirúrxicos” específicos contra as posicións militares das forzas de Gadafi, que contaría co apoio da OTAN, a fin inicialmente de evitar unha sanguenta batalla en Bengasi e, posteriormente, recuperar as posicións dos rebeldes, principalmente na rexión oriental de Cirenaica.
Precisamente, a clave para Occidente dentro da actual conxuntura se enfoca en propiciar unha separación de facto de Libia en dúas entidades, moi probablemente establecidas en torno ás rexións de Tripolitania e Cirenaica, retrotraendo neste territorio a división iraquí entre o Kurdistán ao norte, o eixe sunnita con epicentro en Bagdad, e a preponderancia xiíta ao sur do país. Para clarificar estas intencións, non resulta casual que o presidente francés Nicolás Sarkozy recoñecera a semana pasada durante unha reunión en París, a lexitimidade do Consello Libio de Transición Nacional (CLTN), a plataforma que aparentemente agrupa aos rebeldes contra Gadafi, pero que amosa diversidade de posicións políticas sobre a Libia post-Gadafi e unha eventual intervención estranxeira nese país.
Por iso, a zona de exclusión aérea e a eventualidade de bombardeos e ataques militares contra Gadafi, que moi probablemente se realizarán dende bases da OTAN e as flotas estadounidenses e británicas no Mar Mediterráneo, terán como obxectivo clave inicial a defensa de Bengasi, importante bastión estratéxico non só para os rebeldes senón para o control da Cirenaica e dos seus centros petroleiros e de gas natural.
Deste modo, e tal e como sucede co Kurdistán iraquí desde 1991, a Cirenaica libia pode converterse no territorio de paso cara Occidente do necesario subministro enerxético. Velaí a necesidade primordial de frear o avance dos últimos días das tropas leais a Gadafi, que propiciaron o actual cerco militar en torno a Bengasi.
Porqué Libia si e non Bahrein
Non obstante, resulta unha incógnita clarificar se a zona de exclusión aérea finalmente logrará evitar os ataques de Gadafi contra a poboación civil, tal e como argumentan o eixe Washington-Londres-París e os seus aliados.
Nos casos precedentes de exclusión aérea occidental de Iraq en 1991 e, posteriormente, de Bosnia entre 1993 e 1995, non se materializaron cunha operación militar eficaz para frear os ataques contra a poboación civil: entón, Saddam logrou masacrar a kurdos e xiítas, igual que o desaparecido líder serbio Slobodan Milosevic logrou facelo co respecto aos bosnios musulmáns, masacre de Srebrenica incluída.
Á espera do que poida suceder co caso libio, a crise actual tamén certifica unha notoria falta de visión estratéxica por parte de Occidente. Confiados da eventual disolución do réxime de Gadafi ante o avance rebelde, o contraataque do líder libio e a perspectiva (non exactamente verídica), de que controlara os focos de rebelión na Cirenaica, motivaron a unha urxente resolución de forza por parte da ONU, orientada a frear e posteriormente desestabilizar a Gadafi.
Marcando os pasos da zona de exclusión aérea, EEUU e os seus aliados ansían dobregar militarmente a Gadafi e illalo economicamente, a través dun proceso progresivo de “acoso e derribo” que comezou a comezos de marzo coa condena por parte da Corte Penal Internacional contra Gadafi e a súa familia. Un proceso de illamento militar, político e económico no que Occidente espera reconducir posibles levantamentos e rebelións internas contra o líder libio e a súa aínda poderosa estrutura de poder.
Compre igualmente observar a disparidade de criterios e posicións de EEUU e dos seus aliados no caso libio en comparación, por exemplo, coa recente e brutal represión en Bahrein dunha revolta popular principalmente liderada pola comunidade xiíta, na que o emirato petroleiro contou co apoio da invasión militar saudita.
Nin Washington nin a ONU emitiron resolucións de condena contra esta represión, timidamente abordada por unha opinión pública internacional mediatizada polo desastre natural e nuclear en Xapón, principalmente pola posibilidade de observar en Bahrein un experimento de reformas democráticas que afectara o equilibrio xeopolítico e as alianzas estratéxicas, especialmente ante a eventualidade dun conflito aberto no Golfo Pérsico entre Arabia Saudita e Irán, erixido este como o defensor das comunidades xiítas.
Evitando condenar esta acción na ONU, Washington e os seus aliados concentraron os seus esforzos en propiciar os mecanismos legais para intervir militarmente en Libia. O resultado pode ser a prolongada agonía do réxime de Gadafi, así como a previsible disolución do Estado libio, fragmentado nunha “balcanización” de rivalidades de clans familiares e tribais nas que Occidente pode verse perigosamente atrapado, a tenor dos receos entre diversos sectores rebeldes por apoiar unha intervención estranxeira en Libia.