A larga man de Putin elimina a Rutskoi

Alexandre Rutskoi, vicepresidente de Rusia ata o outono de 1993, destituído por Ieltsin mentres se aliaba co checheno Ruslán Jasbulatov, na altura Presidente dun Parlamento que sería reducido a canonazos sen contemplacións, podería ter rematado a súa dilatada carreira política.

Gobernador nos últimos anos da rexión de Kursk, Alexandre Rutskoi foi obrigado a retirarse da campaña electoral rexional pola máxima instancia xurisdiccional territorial, ao parecer, seguindo presións directas do propio Putin. A excusa esgrimida, facilitar datos falsos na súa declaración de bens e abuso de poder, circunstancias tan comúns que de aplicarse sen dobres raseiros varrería de golpe as esferas do poder en Rusia, alimenta as desconfianzas.

Segundo o magnate Borís Berezovski, informado e sempre disposto a informar, a retirada da carreira electoral debeuse ó enfado de Putin con Rutskoi polo seu comportamento durante a traxedia do Kursk. A diferencia do Presidente ruso, Rutskoi achegouse de inmediato a Vediaevo, base naval do Kursk, para seguir as operacións de rescate e estar cos familiares e amigos, deixando en evidencia ante a opinión pública a inhibición e desentendemento presidencial.

Rutskoi partía como favorito nestes comicios nos que debía competir co candidato do Partido Comunista, Alexandre Mijailov. Finalmente este acadou o 40 por cento dos votos na primeira volta, seguido por Viktor Surjikov, un xeneral retirado do KGB, que pasaba por ser o candidato do Kremlin. Segundo Rutskoi, os comicios deberían invalidarse pola baixa participación A felonía pode consumarse na segunda volta, a celebrar o próximo 12 de novembro, se Surjikov faise co trunfo cando inicialmente partía como terceiro en discordia e sen a penas posibilidades.

Rutskoi admitiu que a superficie do seu apartamento é de 160 metros e non de 100 como declarou inicialmente e que non reflectiu na súa lista de bens a posesión dun vello automóbil, pero que ambas incorreccións non xustifican a súa exclusión trece horas antes de abrirse as urnas. Feito con todo o poder no Kremlin, a larga man de Putin avanza agora á conquista das amplas e ricas rexións rusas. ¡Todo o poder para Putin!…