20060605 alan garcia

A lección peruana

 Alan García, clic para aumentar
Non existe unha percepción segura de que a maioría dos peruanos confiaran na proposta electoral de Alan García ou amosaran a súa preferencia por conter o eventual eixe Humala-Chávez. Evidentemente, esta maioría lle concede unha elevada lexitimidade dentro dun proceso democrático que contou cunha elevadísima participación do 86%, pero García necesitará das constantes coalicións e acordos dentro dun mapa político que segue a ser potencialmente convulsionado. (Foto: Alan García saudando aos seus simpatizantes, unha vez se coñeceran os resultados electorais).
 

A vitoria de Alan García na segunda volta presidencial en Perú motiva a ponderar diversos escenarios dentro da perspectiva interna e rexional. Velaí que esta "segunda oportunidade" que un 54,5% dos peruanos outorgasen a García determina ata qué punto a balanza de poder no escenario andino e latinoamericano está obrigada á remodelación de estratexias e alianzas xeopolíticas.

Moitas especulacións apresuradas pódense realizar desta "resurrección" política dun candidato tan polémico como Alan García, así como deste repentino retorno do APRA ao poder. Este proceso non comezou coa campaña electoral 2006: hai cinco anos, en 2001, García disputou a segunda volta electoral contra do actual presidente Alejandro Toledo. Semellaba que, no Perú post-Fujimori, a figura de García segue a ter certa viabilidade política.

Trala súa catastrófica primeira oportunidade presidencial, entre 1985 e 1990, e aos seus 57 anos, ninguén asegura que o novo presidente peruano aparentemente mudara de estilo e madurara nas súas propostas. Pode ser que García escarmentase do seu ruinoso pasado, pero persisten elementos da súa polémica personalidade. Un exemplo desto foi a súa reacción durante a campaña electoral, dominada de principio a fin pola figura do tamén polémico presidente venezolano Hugo Chávez.

García gobernará un país polarizado. A composición sociolóxica e territorial do voto en Perú amosou que o candidato do APRA, apoiado por diversas formacións políticas dentro dun heteroxéneo espectro electoral, obtivo o triunfo do voto urbano, principalmente nas clases medias, atenazadas polo que consideraban a "ameaza" do candidato apoiado por Chávez. Tamén existiu unha marcada imaxe internacional favorable ao seu triunfo, especialmente nos medios de opinión dos países con maiores investimentos en Perú, sumamente preocupados pola deriva nacionalista en Bolivia e Venezuela co respecto ao control dos recursos naturais e os investimentos estranxeiros.

Pero non existe unha percepción segura de que a maioría dos peruanos confiasen na proposta electoral de Alan García ou amosasen a súa preferencia por conter o eventual eixe Humala-Chávez. Evidentemente, esta maioría concédelle unha elevada lexitimidade dentro dun proceso democrático que contou cunha elevadísima participación do 86%, pero García necesitará das constantes coalicións e acordos dentro dun mapa político que segue a ser potencialmente convulsionado.

Pola súa banda, o candidato nacionalista Ollanta Humala, de 42 anos, arrasou no interior rural, gañando en 14 dos 25 departamentos do país. O seu voto foi maioritario especialmente nas clases pobres e nas poboacións indíxenas que sufriron a represión da pasada guerra interna e que agora sofren as secuelas da desigualdade socioeconómica. O novo mapa político peruano concedélle a Humala, cun 46% dos votos, unha posición clave na política do seu país para os próximos anos. Mantén firme o seu electorado que xa lle votara maioritariamente na primeira volta.

Se ben non posúe a maioría absoluta no futuro Congreso, o seu partido, Unión polo Perú, é a formación máis votada, con 45 dos 120 asentos parlamentarios e unha posición privilexiada que pode aumentar se o descontento ou o desgaste do poder coacciona a García. Con este panorama, Humala posiciónase como a principal alternativa política de futuro, e o seu primeiro test serán as próximas eleccións municipais a finais de ano.

Como principal activista externo nesta elección peruana, a directa e infantil intromisión de Chávez na campaña peruana prexudicou parte das posibilidades de Humala de chegar á presidencia e frea momentaneamente o proceso de expansión do seu modelo "bolivariano", que ten na área andina a súa principal referencia. Os insultos recíprocos entre García e Chávez auguran momentos complicados nas relacións entre ambos gobernos toda vez que o presidente venezolano atópase nunha estraña conxuntura se cumpre a súa ameaza de romper relacións diplomáticas con Perú en caso de que gañara García.

Precisamente, o impacto das eleccións peruanas dentro do contexto rexional motivará a cambios estratéxicos a curto e mediano prazo. Como en Colombia unha semana antes, en Perú triunfou o candidato que se atopa disposto a negociar un tratado de libre comercio con EEUU, coa posibilidade de ser incluído no futuro marco hemisférico do ALCA. Con Bolivia directamente configurada cara o eixe de Chávez e Fidel Castro, resta por observar como se presentará o balance de poder nas próximas eleccións presidencias ecuatorianas no próximo mes de outubro. Os exemplos boliviano e peruano e, seguramente, a activa diplomacia chavista, influirán na dinámica electoral ecuatoriana.

Dende unha perspectiva hemisférica, e se tomamos como referencia que existe unha puxa entre EEUU e Chávez polo control de influencias no mapa político latinoamericano, os futuros escenarios electorais evidenciarán cara onde se dirixe o péndulo. México e Nicaragua se presentan agora como os casos máis representativos, xa que Washington amosa a súa inquietude polo presunto apoio chavista aos candidatos Daniel Ortega e Manuel López Obrador, que contan con grandes posibilidades de gañar os comicios nicaragüense e mexicano, respectivamente.

A "segunda oportunidade" de Alan García se presenta nun Perú ambiguo e conflitivo, con elevados niveis de crecemento económico e investimentos externos pero tamén de pobreza e desigualdade. A lección peruana amosa unha tendencia a virar do pasado, modificar o modelo neoliberal de Fujimori e Toledo, combater a corrupción e mellorar as condicións de vida. Alan García deberá cambiar moito cara o seu desastroso pasado e cara os retos do presente. Todo isto sen esquecer que o seu rival electoral, Ollanta Humala, seguramente se converterá no seu principal e combativo rival político.