A linguaxe vai camiño de se converter noutra cousa, isto é, que, de ser un medio de comunicación e de entendemento, chegue a ser unha maneira esvaradía de xustificar o que é inxustificable (en política xa é tan evidente o feito que non é novidade manifestalo) ou de deixar, porque así convén, que algunhas realidades esvaren por nós e se esquezan. Ou sexa, que non convén que certas situacións queden verdadeiramente aclaradas.
Por exemplo, coa intención de que casos de torturas a sospeitosos de terrorismo se desdebuxen (contando con que a xente tende a ser acrítica) négase a súa realidade "aquí non se tortura, din os americanos", pero os sospeitosos son entregados a países onde a tortura é habitual, por orde e conta, pero baixo a responsabilidade, do goberno dos EEUU.
O concepto mesmo de tortura ten sido obxecto de remendos, de revisións e de perfeccionamento, pero sempre coa finalidade de manter a tortura, non de erradicala. O que desa maneira se perfecciona é xusto a tortura. Mr. Gonzáles e outros entenden que non hai tortura se coa dolor non concorre a lesión física, como a perda dun órgano, a merma da función corporal, ou aínda a morte. Os manuais máis coñecidos, empregados pola Inquisición de hai xa algúns séculos, nunca retorceron a linguaxe con tanta inhumanidade e cinismo.
A linguaxe emprégase con finalidade contraria á de comunicación, de relación e de entendemento cando se nos "informa" de que certas prácticas (omítese calquera referencia á súa ilegalidade manifesta) teñen sido de grande utilidade na loita contra o terrorismo, calando tamén en que os logros consistiron. Unha vez máis, nas democracias de hoxe, xorde a pantasma da seguridade "o medo xa foi previamente sementado na sociedade" que debe primar sobre a liberdade. Como en tempos de guerra, ou como quixeron, queren e quererán sempre os ditadores.
Por iso tanto nos sorprende o silencio dos homes de pensamento, de todos aqueles que aínda teñen audiencia na sociedade e, polo tanto, certo poder ético para influír nela. Poucas veces, en calquera tempo, terán sido máis traidores á causa da liberdade e da dignidade humanas. Porque é dar por perdidas unha loita e unha causa ao desentenderse delas. Ou sexa, unha maneira máis de caer na complicidade.