A publicación de A Journey, as memorias políticas de Tony Blair, alén de todolos ataques contra Gordon Brown e de todalas xustificacións da invasión de Irak, representa – en palabras de Polly Toynbee, unha das máis prestixiosas comentaristas británicas – “un acto histórico de traición contra o seu partido[o Laborista]”. ¿Por qué? Porque a saída do libro veu coincidir co momento en que os militantes laboristas comezaban a recebir nas suas casas as papeletas para a elección do próximo xefe do Partido e unha das cousas que Blair pretende coa sua obra é defender a continuidade do chamado “Novo Laborismo”, o tema máis polémico da campaña dos candidatos que loitan pola xefatura laborista.
Xa antes de ter aparecido o libro de Blair, Peter, agora Lord Mandelson, ex Ministro de Comercio e inspirador e promotor do Novo Laborismo, xa comezara unha campaña de desprestixio dos que pretenden superar a ideoloxía do “blairismo” e a favor dos que o defenden. E xa moitos comentaristas británicos avisaran dos perigos de que as “vacas sagradas” do Novo Laborismo trataran de influir no resultado da escolla de novo líder para o Partido. Deberían calar a boca, decíanlles en varios artigos de prensa. Hai que se retirar con dignidade, viña a recomendar ún dos candidatos.
Hai cinco candidatos á xefatura do partido: Diane Abbott (máis á esquerda e con mínimas posibilidades de ganar), Ed Balls e Andy Burnham – que tampouco teñen moitas posibilidades – e os irmáns David e Ed Miliband, que son os que van disputar a elección. David foi Ministro de Relacións Exteriores no derradeiro goberno laborista, en tanto que Ed Miliband ocupou a carteira, de nova creación, de Enerxía e Cambio Climático.
David Miliband é, en principio, o favorito e o defensor do “continuismo” do Novo Laborismo, ainda que con certas rectificacións de política, mais ninguén esquece que foi partidario da invasión de Irak en todo momento. Ed Miliband, pola contra, que votara en contra da invasión, defende desde o primeiro momento unha ruptura cos principios blairistas e unha recuperación, anovada, dos principios básicos do laborismo tradicional. Tén menos apoios que o seu irmán, mais as intervencións de Mandelson avisando contra unha volta ao “vello laborismo” e o libro de Tony Blair, que mostra a sua preferencia por David, poñen a éste derradeiro nunha situación moi incómoda porque o certo é que hai unha forte reacción dos militantes laboristas contra Tony Blair, Mandelson e todo o que eles representan. Moi en particular – alén da sempre presente invasión do Irak – polas estreitas relacións do Novo Laborismo cunha versión sui generis do neoliberalismo (é moi famoso o comentario de Mandelson de sentirse “sumamente confortable coa idea de que a xente amase gandes fortunas”, cousa que tanto él como, en moito maior medida, o seu antigo xefe están levando á práctica).
As memorias de Tony Blair viñeron complicar o panorama electoral laborista porque as suas teses políticas son moito máis descarnadas que as que edulcoraba cando era Primeiro Ministro. Resumindo un tanto irónica mais certeiramente esas teses, un comentarista afirmaba que Blair esquecera o que siñifica o centroesquerda poisque defende: a retirada da intervención estatal na banca, bombardear Irán (cousa que tamén parece recomendar o ex Presidente Aznar), reducir a fiscalidade sobre as rentas superiores a 180.000 euros, derogar a Ley de Libertade de Información, e matar raposos (derogando tamén a prohibición da caza que él mesmo impulsara).
Ed Miliband afirmaba en The Observer (29 de agosto) que é absolutamente erróneo pensar que se pode construir unha sociedade máis forte si nos sentimos confortables co banqueiros que gañan 200 veces máis que alguns dos seus empregados. Considera que a sociedade británica baixo o Novo Laborismo fíxose menos igualitaria, e avoga por unha nova versión do capitalismo que refugue ese modelo de EE.UU. que é menos igualitario, máis brutal e máis inxusto.
O candidato que asegure o apoio dos sindicatos terá máis posibilidades de trunfar porque as unions, por moita forza que teñan perdido por causa do “thatcherismo”, ainda representan o 50% dos votos na Conferencia do Partido Laborista que terá lugar despois da eleción do novo líder o 25 de setembro. Dave Prentis, secretario xeral de Unison, o sindicato máis importante do sector público, apoia a Ed Miliband e afirma que a coalición liberal-conservadora que hoxe goberna na Gran Bretaña, cos seus proxectos de ampliar a privatización de escolas e hospitais, é – en moitos aspectos – a sucesora natural do Novo Laborismo que David Miliband representa.
Continuismo blairista ou anovamento do laborismo é o que ofrecen os dous candidatos, que, por outra parte, están loitando por acadar os votos dos partidarios dos outros tres aspirantes e que parecerían máis próximos a Ed Miliband. En todo caso, o laborismo que trunfe terá moi pouco que ver coas ideas que Ralph Miliband, pai dos dous brillantes políticos hoxe enfrontados entre sí e que repousa no cemiterio londinense de Highgate, perto da cova de Karl Marx.