A loita polos recursos en África

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Os conflictos no continente africano, igual ca en outras áreas do planeta, estanse a desenvolver en forma de loita encarnizada polo poder do estado e polo control dos recursos naturais (importante fonte de riqueza na zona).

Entre as consecuencias e factores que dan lugar ás longas crises políticas, económicas e sociais que a violencia armada provoca nestes países, habería que falar de poderes autoritarios e fortemente represivos, de pobreza, de desigualdade, e de fraxilidade e falta de lexitimidade das institucións.

Nembargantes, a crise estructural na que a maioría das economías africanas vive, choca frontalmente coa realidade dos seus potenciais. Cando estes países acadaron a súa independencia os antigos imperios loitaron por non perder o control dos recursos que as súas colonias posuían. Esta circunstancia provocou que moitos deles foran incapaces de establecerse autonómamente de xeito estable e sostible.

Un exemplo emblemático de país sumido nunha continua loita polos recursos é a excolonia portuguesa de Angola, onde o recurso que supón o 90% do presuposto do goberno, o petróleo, está en mans do Movemento Popular de Liberación de Angola (MPLA). Pola contra, o outro recurso importante do país, os diamantes, están en mans da Unión Nacional para a Independencia Total de Angola (UNITA). Cada unha das faccións controlou o seu recurso para poder manter as súas estructuras de poder e, por suposto, o conflicto armado. De feito, e como non podería ser doutro xeito, os principais obxectivos militares de UNITA eran as zonas productoras de petróleo, nas que as transnacionais petroleiras desempeñarían un papel de financeiras da guerra.

Nas décadas dos 70 e os 80 os EEUU apoiaron a UNITA con importantes continxentes económicos, o que provocou que a Guerra Civil desatada trala independencia, despois do ascenso ó poder do MPLA, contara con recursos dabondo para se levar a cabo.

Paralelamente, Gulf Oil (estadounidense) incrementaba de xeito notable as súas ganancias. Outras empresas beneficiadas (da mesma nacionalidade) foron Union Carbide, Texaco… En realidade, hoxe tódalas empresas petroleiras, importantes, do mundo teñen participación en Angola.

En 1992, un ano despois de asinar a primeira paz, o Movemento Popular de Liberación de Angola, gaña as eleccións, pero UNITA non recoñece e a súa derrota e volta novamente ás armas, apoiada por Estados Unidos e África do Sur.

A espera do desenlace final das actuais negociacións para acadar un acordo de paz duradeiro, ámbalas dúas partes evidencian a crudeza da loita polos recursos, UNITA financiando as súas actividades co contrabando de diamantes e o apoio estranxeiro, e o MPLA utilizando as rendas que o petróleo lle proporciona… Abondosos recursos naturais non son sempre causa de riqueza e alegría.