China celebrou ao grande o nonaxésimo quinto aniversario do Partido Comunista. O PCCh leva 67 anos no poder (desde 1949), só sete menos que os acumulados polo PCUS na Unión Soviética (1917-1991). En 2021 celebrará o seu centenario e para 2049, cando deben conmemorarse os primeiros cen anos da República Popular Chinesa culminaría, segundo os seus cálculos, a modernización do país, poñendo fin a dous séculos de subdesenvolvemento e ostracismo.
China celebrou ao grande o nonaxésimo quinto aniversario do Partido Comunista. O PCCh leva 67 anos no poder (desde 1949), só sete menos que os acumulados polo PCUS na Unión Soviética (1917-1991). En 2021 celebrará o seu centenario e para 2049, cando deben conmemorarse os primeiros cen anos da República Popular Chinesa culminaría, segundo os seus cálculos, a modernización do país, poñendo fin a dous séculos de subdesenvolvemento e ostracismo.
Os ensinos da experiencia soviética (en 2016 cúmprense tamén vinte e cinco anos da disolución da URSS) están moi presentes no imaxinario e no proceder dos comunistas chineses. Mao, en alusión á pugna con Moscova, dicía que “non pode haber dous soles no ceo”. Ao final, parece que a historia dálle a razón. Aínda así, os anos por vir prevense en extremo delicados, tanto polas circunstancias internas como externas. Evitar o estancamento económico que atenazou a economía soviética é unha prioridade na que China parece levar vantaxe malia as dificultades que enfronta actualmente, pero igualmente a capitalización teórica que evite o desconcerto ideolóxico nas súas filas é outro imperativo que lle comina a non experimentar coa reforma política ao ditado dun Occidente medorento de que o éxito chinés lamine a súa hexemonía global. Para rematar, non caer na trampa dunha nova guerra fría que dilapide os seus recursos en aras da defensa para facer fronte ás tensións que apuntan na súa contorna tampouco é de balde. O rearme que vive a rexión e o papel de terceiros países na activación de tensións durmidas xunto ao afán propio de preservar os “intereses vitais” suxiren escenarios delicados e convulsos. A tentación dun gasto militar exacerbado, que no seu día tanto contribuíu ao afogo das finanzas soviéticas, representa unha encrucillada para as autoridades chinesas.
Directa ou indirectamente, a todo iso aludiu Xi Jinping no seu discurso conmemorativo, urxindo ás bases militantes -camiño dos noventa millóns de almas- a actuar en tres frontes principais. Primeiro, a responsabilidade interna. Non é casualidade que o aniversario coincidise cunha nova regulación dos deberes dos funcionarios. A reforma interna é unha prioridade, dixo Xi, á fronte dunha cruzada contra a corrupción (a máis letal fonte de contaminación) como China nunca coñeceu. Un partido corrupto é a antesala da irrelevancia política. A procura dunha nova gobernanza presenta un balance desigual e está por ver que a exaltación da virtude e a disciplina conxenien coa democratización por máis que sexa de cuño propio.
A segunda fronte é a ideolóxica. Que o PCCh é o artífice da gran transformación de China non ofrece dúbida. No plano material, o país afiánzase como unha das grandes potencias económicas do planeta e a transformación do modelo de desenvolvemento suxire a cima en poucos anos si logra resolver as contradicións pendentes no ambiental, financeiro, tecnolóxico... A clave de todo este proceso foi a adaptación ás condicións do país, di Xi, o rexeitamento da clonación ideolóxica e do temor a experimentar en función de anteolleiras. A verdade está nos feitos. Nesta China que para moitos é un sucedáneo de capitalismo pouco menos que salvaxe, a reivindicación do marxismo está á orde do día, iso si, prescindindo de calquera vocación mesiánica por tímida que sexa.
Terceiro, a sociedade. Hai tantos pobres en China como militantes do Partido pero avanzouse moito no logro do benestar público. Malia iso, aínda queda moito por facer para lograr unha sociedade acomodada. Non é tarefa fácil nun país con tan numerosa poboación e no que os diferentes servizos públicos deben incorporar particularidades moi substantivas para garantir a sostibilidade. A teima co aumento do poder da nación non pode deixar para máis adiante a satisfacción dos anhelos dunha poboación que soportou o máis duro peso desta transición. Ten dereito a unha vida mellor. A elevación dos índices sociais constitúe un imperativo económico, unha esixencia política e ideoloxicamente insoslaiable, e tamén unha expresión de xustiza cuxa subalternatización podería afectar á lonxevidade do PCCh.
O PCCh é o partido gobernante máis grande do mundo. Poucos apostaban pola súa supervivencia trala debacle do modelo soviético, pero aí segue. Moitos dirán que resisten porque os comunistas chineses son, como dicía Stalin, “vermellos por fóra e brancos por dentro”. Ou porque apuntáronse a un capitalismo con características chinesas. Ou porque miles de anos de dominio imperial facilitan a persistencia dos mandatos autocráticos. Pero si algo ensina a historia chinesa é que nada nin ninguén pode parar as rebelións cando o poder fracasa no seu intento de prover desenvolvemento, benestar e xustiza. A historia da humanidade é un movemento constante desde o reino da necesidade cara ao reino da liberdade. Son palabras do propio Mao. Nada que engadir.