20070309 guarulhos bush lula biodiesel etanol03

A mala fama de Bush

 Bush e Lula na terminal da Transpetro en Guarulhos, clic para aumentar
No Brasil, o país máis importante da rexión, a apertura da era do etanol establece un marco suplementario de entendemento con Washington. Pero a pouco mais dun ano das presidencias estadounidenses, cun "lame duck" (pato coxo) como Bush na derradeira etapa do seu mandato e cun poder cada vez máis reducido, pode ser pouco combustible para impulsar un renovado entendemento con Washington que se debate entre a imposibilidade de obviar a adopción de políticas que melloren o nivel de vida da rexión e a súa vocación natural a privilexiar outros factores. Ademais, o memorando asinado non menciona a redución do arancel aduaneiro estadounidense sobre a importación de combustibles etílicos, circunstancia que decepcionou en Brasil. (Foto: Guarulhos, 09/03/2007. O presidente Lula da Silva mostra ao presidente Bush a cana de azucre utilizada na producción de biocombustíbeis. ©Ricardo Stuckert/PR).
 

Na visita de Bush por América Latina houbo máis pena que gloria. En Brasil centrouse no etanol; en Uruguai, no acordo de libre comercio; en Colombia "seis horas de estancia", na loita contra o tráfico de drogas; e en Guatemala e México, na inmigración e a seguridade. O vago programa de axuda financeira e humanitaria da Casa Branca dificilmente podía operar o milagre dun cambio de actitude en gobernos, opinión pública e medios de comunicación que, con raras excepcións, desertaron en masa do entusiasmo de outras épocas para sumarse a un variado elenco anti-Bush e a prol dunha inusitada e case unánime aposta pola independencia política e económica da rexión. O escepticismo agromou mesmo nos seus máis firmes valedores, quen apreciaron moito protocolo e pouca substancia.

O cambio de actitude rexistrado en América Latina a propósito de EEUU estase a presentar como a inevitable consecuencia da falta de atención de Washington debido á mudanza de prioridades que xurdiu como resultado do 11S. Certamente, non se pode negar que aqueles atentados influíron na dinámica desas relacións, que pasaron a un terceiro plano, pero o desentendemento actual ten raíces máis fondas e complexas. A pobreza e as desigualdades que tanto abundan na rexión, ou o descrédito dunha clase política formada en Washington e entusiasmada co neoliberalismo, son inseparables da viraxe das sociedades latinoamericanas que exploran agora outras opcións, cun abano ideolóxico e político moi amplo, pero de marcado signo social.

A Administración Bush, non obstante, semella non decatarse da magnitude do cambio en curso e a incomodidade e desconcerto reflíctese nas medidas que promove, vertebradas arredor da mesma clave represiva doutras épocas. Se hai décadas, a guerra fría impoñía o apoio ás ditaduras máis sanguinarias, esa mesma lóxica pode advertirse de novo nas solucións auspiciadas para afrontar problemas como a emigración ou o narcotráfico, priorizando solucións militares e de contención. Mentres en América Latina están a xurdir políticas e movementos innovadores, en Washington brilla pola súa ausencia a xeración de propostas diferentes e realmente novas. O vocabulario é coñecido: intolerancia cos emigrantes latinos, negación de visados a adversarios políticos, unha xestión da loita antidroga que debilita os poderes e institucións locais, unha política exterior que é masivamente rexeitada.

Esta foi a máis longa xira de Bush pola rexión en todo o seu mandato, pero os seus resultados semellan practicamente intranscendentes. É verdade que no Brasil, o país máis importante da rexión, a apertura da era do etanol establece un marco suplementario de entendemento con Washington. Pero a pouco mais dun ano das presidencias estadounidenses, cun "lame duck" (pato coxo) como Bush na derradeira etapa do seu mandato e cun poder cada vez máis reducido, pode ser pouco combustible para impulsar un renovado entendemento con Washington que se debate entre a imposibilidade de obviar a adopción de políticas que melloren o nivel de vida da rexión e a súa vocación natural a privilexiar outros factores. Ademais, o memorando asinado non menciona a redución do arancel aduaneiro estadounidense sobre a importación de combustibles etílicos, circunstancia que decepcionou en Brasil.

Bush, que falou de intencións pero puxo pouco diñeiro sobre a mesa, provocou unha tempestade de protestas dos pobos latinoamericanos. Os aplausos foron para Chávez.