Ser ou non ser? Europa nun novo acto. A piques de caer o telón, os comicios europeos do 13 de xuño preséntanse como un punto de inflexión no actual almanaque político. Agora ben, a finalización real deste proceso o cal definirá o modelo da Europa do futuro terá o seu momento álxido cando a totalidade dos membros da Unión ratifiquen o proxecto final de redacción da Constitución. É dicir, decembro do 2005, será a data definitiva para adopción do texto que recolle os principios normativos que van guiar aos estados, as institucións, aos cidadáns e e cidadás nas súas accións. A capacidade, a influencia política para introducir novos temas na axenda política revélase tensa dende múltiples frontes. O recoñecemento das nacións como acontece no caso galego, o límite da soberanía nacional dos estados versus o peso da poboación, ou as referencias ao pasado cristiá son, entre moitas outras cuestións, discutidas abertamente.
Neste contexto caracterizado polas continuas alianzas, os encontros e postas en escena, as mulleres de Europa reivindican un modelo propio, aportan reflexións para facer real ese outro mundo posible que se está a pensar. Válido para todas, e que ese todas sexa incluinte e non exclúa a outra metade da humanidade que son os homes. O movemento de mulleres ten moito de traxedia clásica. De heroínas. De estrategas. De pensadoras. De políticas. De xestoras. A pluralidade de procedencias ideolóxicas e a vertebración de estratexias de acción conxunta revelan a existencia dun corpo vivo e en constante experimentación, inmersas nunha análise colectiva do mundo, da transcendencia do proceso constitutivo das identidades, da distribución da riqueza, da reivindicación dos espacios públicos.
O terceiro debate das Relacións Internacionais, denominado así por Jill Steans no seu revolucionario libro " Xénero e Relacións Internacionais", indicaba xa a existencia dunha corrente no pensamento feminista internacional que apuntaba á necesidade da superación das dicotomías presentes e enfrontadas ao longo das diversas etapas que ten manifestado este movemento. A Marcha Mundial das Mulleres pode ser un bo exemplo. As mulleres como obxecto e suxeitas de análise no escenario internacional. Protagonistas no desenvolvemento de catro Conferencias Mundiais. Para chegar ao mainstreaming moitas foron as anteriores estratexias, pasando pola acción positiva e pola transversalidade. A redacción da Carta das Mulleres para a Humanidade por parte da Marcha Mundial das Mulleres, é unha das accións cunha maior relevancia ao supor, segundo Julie Bégin axente de comunicación do secretariado internacional da MMM, "un exercicio de educación popular". Será na Quinta Convocatoria da Marcha Mundial, que terá lugar en Ruanda no mes de decembro deste ano, cando finalice este proceso de consulta.
Vigo foi durante os días 22 e 23 de maio o centro da Europa, dunha Europa con grandes distancias en todos os sentidos entre as periferias e o seu centro. As mulleres todas están a pensar e a posicionarse entorno a Europa que queren, a Europa que queremos. Unha Europa de todas, máis xusta, onde o rexurdir de fracturas sociais xa presentes nos seus inicios, a pesares da miopía en analistas como Inglehart, favorezan a converxencia en propostas comúns. A superación das dicotomías do recoñecemento e da distribución que enfrontaron e enriqueceron a argumentación feminista nas ultimas décadas, ora dende unha perspectiva psicanalítica, subxectiva, ora desde as análises focalizadas na relación das mulleres coa economía global, é unha peza clave neste proceso de creación de redes que se está a deseñar desde e polos integrantes do Foro Social Mundial.
Non máis Elenas, non máis Penélopes. Estar ou non estar. Esa é a cuestión. E as mulleres europeas queren estar, queremos estar e para iso só poderemos se somos, e seremos se somos recoñecidas. E seremos en canto non suframos máis a pobreza, nen a exclusión do mercado laboral, nen a exclusión dos espacios de decisión internacional. E de momento o actual proxecto da Constitución Europea nen recoñece, nen o posibilita. Diferentes si; desiguais non.