A megavideoteca de Vladimiro arrastra a Fujimori

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Dende as eleccións de abril a oposición reúnese cada venres na praza maior de Lima para facer un rechamante acto reivindicativo: lavar a bandeira na pía da praza para limparlle simbolicamente as manchas infrinxidas polas impurezas antidemocráticas do réxime de Fujimori. Este venres foi un día especialmente feliz, na praza arremuiñáronse milleiros de persoas exultantes que albiscaban a caída dun personaxe especialmente odiado dende a oposición, Vladimiro Montesinos, xefe sen nomeamento do SIN (Servicio de Intelixencia Nacional), cachado "in fraganti" subornando ao parlamentario tránsfuga Alberto Kuori.

O xoves día 14 saltaba unha chispa no polvoriño da corrupción do réxime que facía saltar o, case invulnerábel, búnker de Perú. Mais ninguén podía imaxinar que a festa da democracia ía vivir inminentes momentos de gloria, cando o chino anunciaba na noite do sábado que deixaba o poder e desmantelaba o SIN.

A biografía de Vladimiro é unha interminábel novela negra escrita con letras vermellas de sangue, corrupción e terror. Foi expulsado no 76 do exército cando aínda era capitán por pasar información sensíbel á CIA. As boas relacións coa axencia de intelixencia norteamericana servíronlle para prestar os seus servicios á réximes dictatoriais da América Latina. A volta á vida política peruana veu da man de Alberto Fujimori que precisou dos seus servicios de avogado. A partir de entón ascende aos máis altos altares do poder, pero sen cargo orgánico algún. Nos éxitos contra de Sendeiro Luminoso, ninguén lle preguntou polos seus discutibles métodos, pero co terrorismo controlado, comezaron á saír a luz episodios arrepiantes que provocan calafríos en calquera persoa sensible aos dereitos do home. Só pronunciar o seu nome mudan nos rostros. Non poucos afirman "…É como Deus, ninguén o ve pero todos senten a súa presencia.".

Dúas axentes do Servicio de Intelixencia do Exército foron vilmente torturadas. Leonor da Rosa Orebro arrasta como secuelas do episodio a súa paraplexía e exiliouse en Suecia, ata onde se desprazan habitualmente axentes do SIN para ameazala. Marieta Barreto tivo aínda peor sorte e apareceu escachizada. Historias como, tantas outras, que enchen a interminable lenda negra deste personaxe. Pero coa súa tétrica eficacia foise facendo imprescindible para a supervivencia política dun Fujimori que, co paso dos anos, foi perdendo credibilidade.

Controlou os medios de comunicación, conseguiu un poder xudicial dócil, contratou os mellores especialistas mundiais en eleccións como o español Sanchís Asociados, comprou innumerables vontades con convincentes cantidades millonarias, dispuxo dun programa informático coñecido como "azul" co que manipulou o reconto de votos nas pasadas eleccións. Mercou tecnoloxía punta militar para interferir as transmisións de datos electorais. Gravou e filmou máis de dous mil vídeos con subornos, escándalos sexuais con relevantes membros e corruptos da sociedade peruana aos que tiña en permanente chantaxe. Cando en abril Fujimori perdeu a maioría parlamentaria e lle faltaban 9 parlamentarios para acadar a maioría absoluta, subornou a 18 membros da oposición para pasarse ao oficialismo, controlando, tamén, as mesas do parlamento e as comisións. Precisamente o vídeo feito público o xoves da a coñecer un suborno de maio para cambiar o voto do parlamentario Alberto Kouri por 15.000 dólares, eleito nas listas do líder Alejandro Toledo. Dispón dun exhaustivo ficheiro no que están rexistradas 350.000 persoas.

Pero o seu polifacetismo tiña arestas insoportabeis para os EEUU. As súas vinculacións con coñecidos narcotraficantes, a difusión dun exemplar da súa prezada megavideoteca no que se exhibía conversas do goberno peruano co zar-antidrogas o xeneral norteamericaco Mc Caffrey. Tampouco lle fixo gracia á CIA que unha partida de armas, nas que Vladimiro era sinalado como intermediario, acabase nas mans da guerrilla colombiana.

No interior do exército ninguén se movía, sen que iso significase adhesión total. Agás os seus compañeiros de promoción do 66 aos que situou nos postos de maior responsabilidade, foi acumulando respectuosos distanciamentos.

De feito a caída de Montesinos sería impensábel sen a participación de parte do exército na filtración dos arquivos visuais de Montesinos ao líder da Fronte Independente Moralizadora, Fernando Olivera.

Fujimori podería ter resistido o escándalo Kouri, podería sobrepoñerse as presións de Madelaine Albrich, estaría disposto a prescindir da eficacia de Vladimiro e do SIN… pero non poderá levantar cabeza, mentres poidan saír á luz novos vídeos nos que o meticuloso Montesinos tamén se encargou de filmalo como protagonista.